Con tal definición se promocionan e identifican as chicas de A Tapería-Tortillería.
Na rúa Platería de O Grove, rúa con importante proxección gastronómica (ver Misturas), atopamos esta tapería que propón un xeito diferente de tapear.
Non en van, A Tapería saltou aos círculos gastronómicos galegos cando Lorena Moldes alcanzou o segundo lugar na IX edición do Campeonato de Galicia de Cociñeiros, só superada por Marco Varela (ver Dona Branca, Pazo de Sober) que, á postre, acadaría un meritorio terceiro lugar no Campeonato Nacional.
Xa na decoración e acabado do local atopamos unha chispa de inspiración (sempre arredor da gastronomía) que se agradece e resulta suficiente para situalo por riba da media. As lámpadas de copas parecéronme espectaculares.
Unha lectura rápida da carta fálanos de oferta clásica dunha tapería galega actual: tortillas, saladas, revoltos, tostas, brochetas, calamares, polbo, mexillóns…
Logo, no repaso pormenorizado, chegan os matices e as sorpresas: Polvo prensado con pementos de Padrón, Tortilla de ortigas, Tosta de boquerón con manchego e piquillo, Revolto de mexillón con tomate, Brocheta de bacallau á ‘Tapería’…
E, por se o anterior fose insuficiente, sección de tapas baixas en calorías –Tortilla vexetal: cenoura, chícharos e xudías– e proposta de remate cunha delicada oferta de tapas doces –Panacota con salsa de froitas do bosque–.
Pedimos o Mosaico de Tostas.
Aplaudo a utilización deste termo e non outros ao uso, máis sobados, menos precisos e case que intraducibles (léase montadito).
Por orde de aparición, Tosta de Boqueróns manchego e piquillo, de Gambas con Ali-Oli, de Jabugo con tomate natural, de Centeo con Torta del Casar.
A orixinalidade das combinacións, xunto con produtos de primeira cualidade, dan como resultado bocados distintos, sen dúbida moi ricos.
De ter que pronunciarme fágoo por unhas gambas carnosas e saborosas sobre un ali-oli lixeiro e suave que complementa o sabor da gamba sen restarlle protagonismo.
Tarta da avoa; típica e tópica pero unha das máis ricas que temos probado.
Fresas marinadas con helado de vinagre. Malia as aparencias, sobremesa doce, moi lonxe da acidez que podería anunciar; o vinagre, sen asomar por ningures, está aí, na esencia do propio prato. Gustoume. Moito.
Bebimos unha copa dun Ribera-Crianza cada un. Pagamos 26€.
Magnífica alternativa para tapear en O Grove e para achegarnos desde todo o Salnés.
Orixinal, bo produto, elaboración esmerada, ambiente agradable.
De primeira impresión non semella barato (aínda que tampouco caro); logo, se valoramos o conxunto da oferta, consideramos que o prezo é equilibrado.
Dependendo do compango, as tortillas pequenas andan arredor dos 7 euros e as grandes polos 13. As tostas, 7€ de media as dúas unidades. As sobremesas a 3,80. As tapas son abondosas, un exemplo: as croquetas de marisco sobre patatillas, 6,75€.
Polas cada copa do Ribera cobran 1,90€.
A Tapería - Tortillería
Rúa Platería 7
36980 O Grove
Teléfono: 986 732 520
Web
E-Electrónico
GPS: 42º29’41.28”N 08º51’48.50”
Localización en Mapas de Google