Debo comezar puntualizando, sen ambigüidades, que non son vexetariano.
A estas alturas creo que non necesito demostrar que como de todo, coas lóxicas preferencias –quen non?– pero de todo o que me boten.
De cando en vez gústame deixarme caer por un vexetariano.
Os amantes do vexetariano deben expremer especialmente os miolos para sacar o maior rendemento posible (variedade de ingredientes e de preparacións) das materias primas coas que se autolimitan na cociñan.
Levaba uns meses escoitando boas referencias do restaurante vexetariano Essência, de Porto, e onte fomos probalo. A visión global resulta moi satisfactoria.
Trátase dun local instalado nunha vivenda unifamiliar de dúas alturas, con xardín, nunha zona próxima a Boavista, por detrás da Casa da Música.
Ten dous comedores, o principal e, con bo tempo, outro na terraza exterior. Malia que nós optamos polo interior (o día non estaba para demasiado foguete), puidemos constatar que a maioría dos visitantes preferían comer fóra.
Todos os espazos, dentro, fóra e anexos-servizos, resultan envolventes e acolledores. Partindo dunha decoración de mínimos en brancos, negros e os vermellos de lámpadas e servilletas, procuran espertar as sensacións a través da ilumnación e algún que outro clásico da decoración.
Essência coida os detalles. O resultado é un comedor especialmente bonito e agradable para acompañar a comida.
A uns prezos diría que bastante máis que razoables, Essência ofrece menú ao mediodía e servizo á carta pola noite.
E isto, sen fundamentalismos, como debe ser. A mesma tarxeta proclama que estamos ante un restaurante vexetariano onde todos temos lugar (‘opçoes nao vegetarianas’)
A carta de noite é ampla e imaxinativa.
As execucións logran un nivel elevado.
O menú de hoxe ofrece dúas opcións de entrantes: Cogumelo recheado com tomate e queijo com salada, e Sopa de couve-flor e nabo.
Os dous decídimonos polo cogumelo; moi rico, sen estridencias, saboroso e suave.
Para o prato forte hai dúas propostas vexetarianas (Triangulos de tofu com cogumelos pleurothus e broculos com arroz integral, e Quinoa com legumes assados e chouriço de soja), e un prato non vexetariano: Gratinado de pescada, marisco e legumes com salada.
Eu vou polo Tofu e Carmen polo Gratinado de pescada.
O meu prato resulta ben. En principio algo neutro, pero logo, ao combinar o tofu ben co arroz, ben co preparado de cogumelos, mellora moito. Gústanme especialmente as misturas de diferentes ensaldas cun protagonismo especial para a rúcula.
O prato de Carmen, unha mestura de peixe, algún marisco e vexetais, gratinado ao forno con queixo, e ese toque peculiar de picantiño que só saben dar os portugueses.
Opcións de sobremesa: Bolo de alfarroba com quenelle de natas e doce de amoras; Tarte de Limao; Mousse de manga; Strudel de maça com gelado de baunilha; Bolo semi-frio de chocolate e morango.
Compartimos o strudel e o bolo de chocolate e morango; calquera dos dous doces a moi bo nivel, os dous moi ricos e no seu punto.
O menú vexetariano (entrante, prato e sobremesa, cuberto e bebida á parte), ten un prezo de 8 euros; coa opción do prato forte non vexetariano, 9,5 €.
En ambos casos podes pedir o menú reducido: soamente o prato e a sobremesa; neste caso e respectivamente, 6 e 7,5€.
Nós, por un menú completo de cada, o cuberto (1€ persoa), cun copo de viño do día cada un, e un auga pequena comimos por 25€, que non está nada mal para o nivel (estético e culinario) deste Essência.
Por certo, acompañando o menú ofrecen dúas bebidas: un viño (neste caso tratábase dun Fragulho, branco do Douro) e dous zumes (os zumes do día eran de mango e laranxa, e de pera e aguacate). En todo caso ao prezo de 2€.
Unha moi boa opción de comida en Porto. Pode ser para un momento de relax e goce da comida (o ambiente e a decoración axudan) ou ben para unha refección máis rápida e de trámite (aquí quen colabora é o prezo).
Estamos a martes 2 agosto e sobre as dúas e media do mediodía (horario de España) o local estaba practicamente cheo, dentro e fóra. Convén reservar.
Restaurante Vegetariano Essência
Rúa de Pedro Hispano 1190
4250-365 Porto
Teléfono: 351 228 301 813
Móbil: 315 960 492 992
GPS: 41º09'56"N 08º37'46"W
Localización en Mapas de Google
E-Electrónico
Web
BCBM: 2010, 2011