o miolo

Na etapa do Camiño que nos leva de Burgos a León, a hora da comida píllanos en Carrión de los Condes.
Pedimos consello en Turismo e a un par de peóns na Praza Mayor. Buscamos o mellor lechazo de Carrión e hai unanimidade en mandarnos a Las Vigas, o restaurante do hotel situado no Real Mosteiro de san Zoilo.

Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 03

Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 01     Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 02

No faiado, na despensa, na cociña dos antigos monxes benedictinos está hoxe o comedor Las Vigas. Espazo fermoso, rústico, moi coidado  en base a unha decoración na que manda a madeira e na que destacan as vigas do entramado do teito.

Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 04 Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 05 Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 06

Menú variado en base á cociña tradicional da zona. Entantes: Pimientos asados de Torquemada con atún escabechado, Rollitos de carne de lechal con compota de melocotón, Sopa Castellana de Carrión, Manitas de lechal con pisto, etc. Pratos: Lomo de Bacalao confitado con dúo de sabores, Lechazo churro asado con ensalada, Lomo de Buey con pimientos de Torquemada asados al ajillo, Chuletillas de lechazo churro, Carrillera de ternera estofada, etc.

Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 10    Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 11

Estamos aquí para o que estamos, así que non hai dúbida: pedimos o lechazo churro con ensalada e unhas pataquiñas fritas.
Antes, de aperitivo, unha crema fría creo lembrar que de cabaza.
O cordeiriño simplemente fantástico. En barro e só con auga e o propio prebe; moi sustancioso, manteiga pura. A dose para dúas persoas consta dunha pata e dun costelar completo; ben pero xustiña.
Pola contra, as patacas non están moi boas; semellan revenidas. Botamos a culpa a que o acompañamento ‘oficial’ é a ensalada e os extras sempre interrompen a dinámica da cociña.

Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 12

De sobremesa, o buque insignia: os Zoilillos rellenos de crema y chocolate. Petit-Choux recheados acompañados dun sorbete de menta e uns cuarteróns de mandarina. Moi ben. Sobremesa saborosa e ben ensamblada.
Dado que ao acabar de comer nos metemos de novo en carretera, bebemos cervexa e auga, e ao final un café.
O prezo son 65 €, dos que a maioría (45€) corresponden ao lechazo.

Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 07     Carrión de los Condes Restaurante Las Vigas 09

Malia o lunar das patacas fritidas, restaurante absolutamente recomendable. Clásico, fermoso, coidado, carta ampla e variada, elaboracións correctas… e todo con prezos que non se disparan.
Bastante menos nos gustou o mosteiro.
Sabemos, polas guías, que o mosteiro de san Zoilo naceu como benedictino no século XI; que nos séculos XVI-XVII foi rehabilitado e pasou a ser colexio dos xesuítas; que despois da Desamortización foi seminario e que no ano 1996 foi cando se reconverteu a hotel. Sabemos, tamén que posúe unha fermosa igrexa do século XVII e, sobre todo, un claustro plateresco do XVI.
Pero todo polas guías…
Hai horario de visitas turísticas (previo pago) pero seica é moi cedo; o claustro está aberto a clientes do hotel. Pero só do hotel…, non do restaurante do hotel… Cando tento dirixirme ao claustro que estou a ver totalmente baleiro desde a recepción, unha empregada sae disparada de detras do mostrador, como se estivesemos a piques de cometer un terrible delicto, con modos bastante dubidosos aborta a nosa entrada no claustro co pretexto de que non somos clientes do hotel…
Unha mágoa que mesmo desluce a valoración global do ‘restaurante do hotel’.

Restaurante san Zoilo
Real Mosteiro de san Zoilo
Bispo Souto s/n
Carrión de los Condes
34120 Palencia
Teléfono: 979 880 050
Fax: 979 881 090
E-Electrónico
Web
GPS: 42º20’25”N  04º36’38”W
Localización en Mapas de Google
Michelín: Si
Verema: 7,4