En Burgos a recomendación tócalle á guía Michelín e, entre as poucas opcións que se ofrecen, decidimos comer no restaurante Fábula.
Local non moi grande, aproximadamente para 40 comensais, con forma de tubo. Decoración moderna, alegre, moi divertida, en verdes e crema, debuxos de planos de Burgos e letras formando refráns polas paredes, materiais peculiares.
Sentamos á entrada, na parte máis ancha e luminosa. Ben. Agradable.
O fábula ten un ciclo gastronómico centrado na evolución humana (o Burgos do século XXI está a facerse cunha nova icona cultural a través dos descubrimentos de Atapuerca) con diferenes menús; hoxe leva por nome R-Evolución.
Ademais, carta tradicional e periodicamente menús temáticos.
Boa oferta de viños.
Decidímonos por un menú temático que se anuncia construído arredor da cereixa do val das Caderechas. Un entrante, dous pratos e sobremesa, (ou ben dous entrantes, un prato e sobremesa; non sei se enmarcar o bonito como entrante ou como prato). Prezo: 27 €.
Comezamos –aperitivo do día, fóra do menú- por unha sopa fría de tomate e sandía; gústame; refrescante e sabe moi rica.
O menú en si abre cunha Ensalada monocromática cubierta por una película de cereza (variedade Lapins). Prato visualmente moi atractivo e no que a integración da cereixa está máis lograda. Cereixas, ‘cereixas’-remolacha, ‘cereixas’-tomatiño, cereixas con feitura de tomatiño e sabor a remolacha, cereixas con feitura de remolacha e sabor a tomate… O menú comeza cun nivel moi alto.
Bonito rebozado en Panko, toque de soja y cerezas agridulces. Ben de sabor e execución. A cantidade de bonito algo desproporcionada; os tacos un chisco grandes e acaban por cansar un pouco.
Carrillera de cerdo ibérico confitada, arroz basmati, merengue de cereza y vino. Definitvamente o prato cun menor nivel. O merengue de cereixa, un pouco collido polos pelos, non me gusta demasiado. A carne, polos bordos, algo reseca, como revenida.
Ascenso de golpe, ao mellor nivel, coa sobremesa: Helado de cereza, yogur, esponjoso de chocolate blanco y cereza. Moi ben de execución; realmente fermoso, moi ben ensamblado, rico, rico.
Globalmente a comida pagou a pena. O prezo é bastante axustado e o menú resulta divertido e orixinal; agradécese nunha vila con pouca oferta dominada polos locais tradicionais. Perde bastante altura coas carrileiras, pero compensa con algún dos outros pratos.
Restaurante Fábula
Rúa La Merced 19
09002 Burgos
Teléfono: 947 263 092
E-Electrónico
Web
GPS: 42º20’16.70”N 03º42’16”W
Localización en Mapas de Google
Repsol: 1 sol
Michelín: Si
Gourmetour: Si
Verema: 7,4
o miolo