Hai unhas semanas escribía sobre o restaurante Segredos do Mar, na praia de Castelo de Neiva (Viana).
Se cadra daquela non quedou todo o ben que merece. Lembro o polbo ao forno que cualifiquei non máis que cun OK: ben pero sen máis espaventos.
Onte baixamos con Pepe e Merce e volveu ser o que sempre foi: un fóra de serie.
Pedimos dúas Cataplanas de peixe para os catro e logo dúas de arroz con marisco.
A cataplana, absolutamente demoledora.
Cataplana: recipiente culinario metálico, xeralmente esférico, con dúas metades articuladas nun dos laterais e que se pecha no lado contrario (Dicionario da lingua portuguesa da Porto Editora).
Cataplana: prato de carne, marisco ou peixe preparado no recipiente do mesmo nome.
Cataplana: Botar un pouco de aceite no fondo da cataplana e, por riba, camas de cebola, pemento e tomate. Por riba destes, os peixes (no noso caso langostinos, pixín e sargo) e todo tapado co resto da cebola, pemento e tomate. Bota por riba allos picadiños, un vaso dun bo viño branco, sal, un par de follas de loureiro, coentros tamén picados e un novo chorro de azeite. Pechar a cataplana e deixar cocer suave. Despois de 20 minutos vén a esencia da cataplana: sen tocar no guiso, dar volta á tarteira e cocer dez minutos máis por este lado.
As patacas hai quen as bota xunto coas cebolas, pementos e demais, e hai quen as coce á parte e mergulla no guiso cando este xa está no seu punto.
A orixe da cataplana (de peixe) vén ser a mesma que a nosa caldeirada: elaboración sinxela por parte dos pescadores, na praia, do refugallo que traen da xornada de pesca. As variedades son infinitas pois botábanlle o que tiñan á man.
Unha festa mariñeira.
Xamais probei unha cataplana de peixe coma esta do Segredos do Mar.
E que dicir do arroz de marisco portugués?
Pepe, que é a súa debilidade. Caldoso, con moito sabor, meloso, moi cremoso, con ese aire de picante que alegra o padal sen efectos secundarios…
O arroz de marisco do Segredos do Mar agocha a súa sorpresa: o meollo, a sapateira, sérvena á parte, enteira, cocida ao xeito clásico (a auga da cocción é a que se usa como fondo para o arroz), e sen mesturar.
O arroz, ademais do caldo de cocer o marisco, leva mexillóns, croques, gambas…
Inevitable para os que gostades dos arroces caldosos.
Carta inmensa de sobremesas caseiras e de xeados industriais. A torta de bolacha de moka e café é un clásico (Carmen e Merce). Pepe e mais eu decidimos dar un respiro ao estómago coa salada de frutas.
Carta de viños suficiente, mellor en brancos verdes que no resto.
Pedimos o viño da casa, Quinta do Barco 2010, un loureiro da sub-rexión do Cávado (Barcelos) que nos sorprende bastante. Co seu puntiño de agulla, resulta fresco, con aroma intenso a froita tropical (piña), en boca sen grandes alardes pero ben, rico, moi agradable. Perfecto para, por sete euros, acompañar a cataplana e o arroz.
Con dúas augas grandes e cafés, pagamos algo menos dos 64€ (16 por persoa!).
Unha cataplana para dúas persoas, e unha de arroz de marisco, tamén para dúas persoas, son doses máis que suficientes para catro comedores normais. Cando houbemos de parar porque xa non podiamos cun grano máis, quedaba alí máis da metade do arroz.
Non é doado chegar, aínda que a referencia da praia de Castelo do Neiva non ten perda. Na entrada Segredos do Mar tendes todas as explicacións.