o miolo

restaurante alhambra. pamplona

Sabiamos que en Navarra se come ben.
Experimentámolo cos curmáns Marta e Javier en Tudela.
Despois de cumprir coas obrigas turísticas na ruta de Roncesvalles, o horario biolóxico do martes marcou comer en Pamplona.

Restaurante Alhambra. Pamplona     Restaurante Alhambra. Pamplona. Tarxeta

Nesta ocasión tiramos de guía Repsol para confirmar que, en efecto, a oferta é moi ampla e de cualidade.
Despois dun primeiro tamiz dubidamos entre o Rodero, o Europa e o Alhambra. Chamamos para reservar e o azar lévanos ao Alhambra, quizá o máis clásico dos tres (e léase clásico polo tipo de cociña pero tamén pola súa relevancia histórica no devir gastronómico de Pamplona).
Seica nesta semana posterior a san Fermín moitos locais toman un descanso.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Exterior     Restaurante Alhambra. Pamplona. Exterior

Entramos ao comedor a través dun pequeno bar para aperitivos e esperas.
Cunha calidez que será constante en toda a comida, condúcenos ao comedor.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Comedor     Restaurante Alhambra. Pamplona. Comedor

Trátase dun espazo requintado, luxoso pero sinxelo, baseado nas madeiras, sen alardes innecesarios e moi, moi acolledor. A clave do recollemento está en que, salvo no espazo central, as mesas fican separadas entre si grazas a biombos de madeira que dan intimidade sen renunciar á visión global do local. 
Mágoa que nos toca o reservado que comparte o paso cara á cociña.

_10403272

A carta, baseada no produto e na tradición navarras, ten suficientes concesións a produtos non navarros e a preparacións cun certo risco, como para ser considerada aberta, fóra dos límites do localismo. Ignacio Idoate, o propietario, explica a carta e destaca as novidades do día, baseadas na tempada e no mercado. Seica as pochas están fantásticas, en plena comida.
Carta de viños ampla e coidada.
Servizo moi profesional e, en caso necesario, próximo e falangueiro.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Menú Alhambra

Malia as tentacións optamos polo ‘Menú Alhambra con nuestra maridaje de vinos’ (47€). Consta de: o aperitivo do chef, tres entradas, un prato principal (a elixir entre tres: unha carne potente (Taco de ternera de Navarra con pimientos de Guernica y timbal de patata y bacon), unha carne máis suave (Carrileras de ternera guisadas con puré de celeri –apio e nabo- y cebolleta crujiente), e un peixe (Lomo de merluza con risotto de sepia y crujiente de hortaliza), e a sobremesa, cada un servido co seu viño correspondente.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Oliva con vermú

Abrimos boca cunha crema de cabaza e unha oliva recheada de vermut vermello. O viño será o que nos acompañe nos dous primeiros entrantes: Inurrieta Orchidea Sauvignon Blanc, Navarra. Abraiante comezo.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Lingote de foie

Primeira entrada: Lingote de foie y mango con microvegetales. Sen sorpresas innecesarias. Exactamente o que marca o nome. Resulta moi difícil crear sorpresa cun produto que está presente en tantas e tantas cartas e menús de degustación. En todo caso moi correcto.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Ensalada Morna

Segundo entrante: Ensalada templada de gambas con mostaza antigua, crujiente de cebolla, jamón de pato y manzana verde en tempura. Moi ben; neste caso a moda (as ensaladas templadas están en moitas cartas) adopta unha acertada conxunción propia.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Taglialoni

O terceiro entrante son uns Taglialoni con trufa negra, hongo beltza y acenite de perejil y almendra. Como vino aquí pasamos a otro blanco con más fuerza y cuerpo, Gran Feudo edición Chardonnay sobre lías, tamén DO Navarra. Prato de pasta moi logrado, saboroso pero sen empapuzar. Gustoume.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Lombo de pescada

O lombo de pescada co risotto de sepia e as hortalizas de Carmen paréceme unha combinación moi lograda; boa pescada cociñada no seu punto e o risotto semella ligado coa salsa verde da pescada; moi rico. Como viño segue co Gran Feudo.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Carrileiras

As miñas carrileiras con puré e cebola crocante me parecen o prato máis especial do menú. Claro que para cores… Carmen afirma quedar coa súa pescada. Cada vez gosto máis destas carnes especiais, menos magras, con partes xelatinosas. O puré de apio e nabo, moi suave e rico, contrasta á perfección coa forza do preparado da carne. Prato servido con Príncipe de Viana 1423, vino tinto da DO Navarra, de corte moderno, con sabor e corpo idóneos para empurrar as carrileiras.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Torrada de brioche

Cada vez son máis afeccionado ás sobremesas, ao doce, a estas fantásticas combinacións das que repetiría unha e outra vez. Ando á procura dalgún local especializado en sobremesas (na liña de Spai Sucre de Barcelona) pero non dou atopado. Se alguén pode botarme un cabo, agradeceríallo.
Hoxe estamos ante unha Torrija de brioche caramelizada y crema de cuajada con helado de miel; viño Pedro Ximénez Alvear. En fin, teño a dozura da callada co xeado e o mel apegada ao padal.

Restaurante Alhambra. Pamplona. Petit Frous

Acabamos moi satisfeitos coa comida, pagou moito a pena, lémbranos á nosa propia filosofía: produtos de primeira, elaboracións esmeradas, respecto á tradición. Mágoa que tardaremos moito en volver a Pamplona e, en caso de facelo, habería outras opcións que probar, pero, desde logo, o Restaurante Alhambra é un local para repetir.
Coa conta non hai sorpresa. O prezo pechado que marca a carta.

Ao saírmos, Ignacio vén despedirnos, comezamos a falar e acabamos sentados á barra da entrada invitados a un pacharán.
Inmellorable broche final.

Restaurante Alhambra
Rúa Bergamín 7
31003 Pamplona
Teléfono: 948 245 007
E-Electrónico
Web
GPS: 42º48’45”N   01º38’28”W
Localización en Mapas de Google
Gourmetour: Si
Verema: 7,9
Repsol: 2 soles
Michelín: Si