o miolo

O ano 2011 foi moi rico en novos sabores.
Novos para nós, que non necesariamente para o propio restaurante.
A elección de un deles como restaurante do ano 2011 é, a priori, labor complicado que debe realizarse con boas doses de paciencia e obxectividade.
Tamén de memoria, algo do que non vou moi sobrado e que teño que cultivar para poder repetir as nosas paparotas unha e mil veces.

Don Chiringo Voda 03     Restaurante DOP Porto 04

Despois de pasar un primeiro filtro atopo restaurantes que deberían estar cando se suma o valor da cociña, contorno, servizo… con outros motivos, digamos, de compoñente afectivo (Don Chiringo, DOP).
Outros caen do listado ben porque son de alén as fronteiras (a Casa Gerardo proposta por Pepe) ou porque non son tan ‘novos’ para nós (e neste caso penso en Culler de Pau, que xa foi o noso restaurante do ano en 2010).

Restaurante Culler de Pau 001     A Parada das Bestas

Houbo comidas memorables que xamais pasarían o filtro dun local co mínimo de condicións, ou do ‘savoir faire’, ou da variedade na oferta…, en fin, do conxunto de condicións que marcan a diferenza entre un local e o resto. A maioría destes restaurantes (ou bares, ou furanchos, ou tabernas…) compensarían as súas eivas con prezos que distan moito do prohibitivo. Neste caso a lista sería case tan ampla como o total de locais visitados. Utilizando o filtro da memoria, neste momento veñen á cabeza o contorno e local da Quinta de san Amaro, un Touciño confitado con gambas e toque cítrico de A parada das bestas, a Cataplana de peixe de Segredos do mar, o Lourancho, o Furancho de Juan,  os ovos estrelados con pan de millo da Ruda, uns Fideos con ameixas de A Meca

Restaurante Alborada 15     Restaurante The Yeatman 23

Así, case por exclusión, chegamos aos dous grandes finalistas:
O Restaurante Alborada de A Coruña, e
O Restaurante do Yeatman Hotel de Porto.

Restaurante Alborada 9     Restaurante The Yeatman 18

No tocante ao local, os dous fantásticos. O Alborada nunha liña actual minimalista e o Yeatman tentando (e logrando) o imposible: adaptar a estética minimalista ao requinte de inspiración inglesa reinante nos locais de luxo portuenses. Desde o meu criterio persoal, gaña aos puntos o Alborada.
Pola contra, e contando con que o contorno do Alborada é fantástico, aquí a vantaxe (por k.o.) é para as vistas ao río Douro e á cidade de Porto que ten o Yeatman. Creo que a este nivel poucos restaurantes haberá no mundo que poidan competir con el.

O servizo, equivalente. Se o Alborada prima un chisco a proximidade, no Yeatman tiran máis cara á etiqueta, ao servizo de libro.

Carta algo máis ampla, variada e internacional no Yeatman.
Tamén a oferta de viños (grazas aos seus parceiros vínicos) é algo máis completa.

Nos dous tomamos un menú de degustación. No Yeatman, o máis curto dos tres que ofrecen: boas vindas do Chefe, dúas entradas, un prato de peixe, un de carne, dúas sobremesas, os cumprimentos do Chefe pasteleiro e o café con mignardises: 70€.
No Alborada pedimos o menú completo, o Gastronómico: snacks (seis bocados diferentes), sete entrantes, peixe, carne, tres sobremesas e petit fours: 80€.

Restaurante The Yeatman 28     Restaurante Alborada 37

Vaia por diante que os dous menús non son comparables, do mesmo xeito que non podemos comparar un menú de degustación cunha comida á carta.
Feita a salvidade, aquí quen gaña por unha diferenza salientable é o Alborada. E non porque a comida no Yeatman non fose excepcional, impecable desde todo punto de vista, non, a cuestión é que o menú do Alborada é unha exhibición permanente de técnica e sabedoría aplicadas a non menos de vinte bocados exquisitos, técnicas que en varios casos correspondían á gastronomía molecular e que para nós resultaban absolutamente novidosas.
No referido ao prezo, o Yeatman resulta máis caro que o Alborada.

A día de hoxe os dous gozan dunha estrela Michelín.

En fin, despois dunha primeira análise e salvando as dificultades, decántome polo Restaurante Alborada. Globalmente, e por unha mínima diferenza, creo que saímos máis satisfeitos da comida de A Coruña.

Claro que non todo é tan doado como semella…

Aproveitando a visita navideña de José e Alfonso aproveitei para levalos a estes dous restaurantes excepcionais e así ter unha visión máis ampla para poder emitir un veredicto máis fiable.

Os resultados quedan para unha segunda entrada:

Restaurante do ano 2011