Estaba no punto de mira desde hai bastante tempo, e tivo que ser agora, na última etapa do Camiño, que coñecemos esta Parada das Bestas da que tiñamos refencias mesmo desde a súa xénese.
Porque María, xunto con Suso, almas mater da Parada das Bestas, é irmá de Ana, e Ana e mais o seu home, Pablo, foron bos compañeiros nosos (dos dous, en diferentes momentos) no cole de Vincios.
Sobre a base dunha antiga casa de labranza do século XVIII, con todos os seus anexos, pallar, tendal do forno, hórreo, tulla…, María e Suso levantaron unha sobresaínte casa rural na que, ademais, dan marabillosamente de comer.
Todo, interiores e exteriores, respectan ao máximo o contorno rural no que está a casa. Así, o comedor, é todo pedra e madeira, desde a cheminea, nun curruncho, ata as madeiras do entramado do teito visto.
Clásico, tradicional, rural… que non trapalleiro, que en cada detalle podes sentir o meco e o coidado que conduciu a ese detalle concreto e non outro. Comedor moi luminoso, confortable, de medidas equilibradas, arredor de dez mesas para non máis de 40-50 comensais.
Carta baseada en produtos de primeira cualidade elaborados respectando as normas e receitas da cociña tradicional pero, en moitos casos, con sorprendentes toques creativos. O resultado é excepcional.
Entrantes –Saquiños de cabaciña e maionesa de millo ou Tosta de pemento asado, berenxena, trigueiros, vinagreta de tomate e queixo de Arzúa– orixinais e divertidos adoptando un certo grado de risco.
Pratos nunha liña máis tradicional, sen outra sorpresa que non sexa o propio resultado final –entrecosto, solombo, capón estilo peregrino, paletilla de año asada ou bacoriño ao forno–.
Empezamos coa delicadeza da cociñeira, un bocado a base de capas de pemento alternadas con, creo lembrar, bacallau.
Para as entradas, Carmen pide unha que, polo que leo, estase a converter en bandeira da casa: o Follado de verduras con queixo de Ulloa. Despois de probalo confírmase coma un prato realmente especial. Suave e moi saboroso.
Pola miña conta arrisco ao máximo e pido o Touciño confitado, gambas e toque cítrico. Para evitar sorpresas –seica houbo algún problemiña– son avisado de que se trata exactamente do que anuncia a sona: un taco de touciño.
Excepcional. Un deses bocados que enche a boca e deixa pegada por moito tempo. Conxunción perfecta de corte e mar. A visita paga a pena só por este prato.
Carmen, Bonito do Norte con tomate confitado e trigueiros, e eu Bacallau con crema suave de allo e grelos. Os dous boísimos pero, sen desprezar, quedo co meu, unha reinterpretación do bacallau con allada que, coa cualidade excepcional do bacallau e o acompañamento dos grelos, resulta perfecto.
De sobremesa, unhas Peras bébedas con xelado que manteñen o nivel da comida, unha mestura de sabores, texturas e temperaturas que sitúa o listón altísimo.
Despois de tanto día seguido de papatoria unha tras outra, Carmen non ten demasiado bo corpo e renuncia á sobremesa.
Ademais, esta circunstancia sérvenos de desculpa para volver a esta Parada das Bestas os dous en plena forma.
Xa que estamos en carretera conformámonos con beber auga. Pagamos 60€ que, globalmente (local, atención, produto, elaboración…), nos parece un prezo moi axustado.
Sen paixón subxectiva, e sen ningún tipo de dúbidas, un local ao que regresar.
A Parada das Bestas
María Varela
Santa María de Pidre 27
27207 Palas de Rei
Teléfono: 982 183 614 / 689 119 521
Fax: 982 163 926
E-Electrónico
Web
GPS: 42º49’46.50”N 07º55’21”W
Localización en Mapas de Google
PD: Xa que no seu momento mencionaba o paso de Gwyneth Paltrow por Casa Pintos, en Cambados, e como xa logo de regreso en Hollywood daba a receita dos Berberechos ao albariño, xusto é dicir que A Parada das Bestas foi unha das bases para a grabación dedicada a Galicia do programa On de Road Again con Gwyneth de condutora. En YouTube podemos ver como colabora con María Varela na preparación dun capón.