o miolo

máis alá do cocido de la molinera

pepesolLa Molinera – Lalín. 11 de setembro de 2011. Por Pepe Fernández

O domingo pasado fomos Merce e mais eu dar unha volta polas terras do Deza coa intención de probar o menú de degustación dun novo cociñeiro, aínda que nun restaurante xa case clásico como é La Molinera, na rúa Rosalía de Castro en Lalín.

Restaurante La Molinera Lalín 01

Creo que os dous, cociñeiro e restaurante, serán dun tempo, xa que o restaurante hai pouco que celebrou o seu 25 aniversario e Diego, debe andar agora polos 23–24 anos.

La Molinera fundouno seu pai, Alfonso, ao volver da emigración e logo se converteu nun lugar de visita obrigada para degustar o cocido lalinense. Diego, ademais de medrar entre as potas dos seus pais, é de escola. Estudou en Lamas de Abade, logo traballou con Pepe Solla, e mais na terraza do Casino en Madrid, entre outros. Así é que combina uns cocidos espectaculares cuns menús degustación de cociña contemporánea sempre elaborados con produtos de primeira calidade (produtos da horta ecolóxicos como os de La Finca de los Cuervos, carnes do Deza e peixes directamente da lonxa de Marín), isto dicíanolo Diego a nós con certa humildade como quitándolle mérito ao seu traballo.

molinera2     Restaurante La Molinera Lalín 10

Nós desta volta decantámonos polo menú degustación (é preciso encargalo previamente) e saímos máis que satisfeitos.

Despois de departir un bo anaco co proxenitor, que nos serviu unha botella de mencía Ponte da Boga, apareceu Diego, o cociñeiro, que como xa dixen antes, é insultantemente novo e con cara de bo rapaz, para dicirnos que iamos comezar. Pareceu o anuncio dun festival, e non é para menos.

molinera3

O primeiro que el mesmo nos serviu foron unhas ameixas cunha alga que non lembro o nome e cítricos que estaban realmente deliciosas, frescas con sabor a mar potenciado coa alga, para abrir boca.

molinera4

Continuamos cun xurelo con codium e sésamo onde Diego comeza a demostrar que non só chega cun bo produto, senón que se pode mellorar cunha excelente técnica na cocción. Exquisito.

molinera7

Logo veu un prato que.., eu creo que non estivo á altura aínda que o merecía: polbo con pataca e allada en pó con crema de nabiza.

molinera9

Para nós un dos mellores foi o touciño sorpresa, como lle chamou o cociñeiro. Trátase dunha cunca que contiña pan relado, touciño e xema de ovo cocida a baixa temperatura, todo cuberto cunha crema que resultou realmente saboroso.

molinera 10

O prato de peixe consistiu nun anaco de bonito de Burela con brotes de cabaciña e outros vexetais con salsa teriyaki. Outro prato onde combinan á perfección a nosa cociña coa oriental, moi presente nos pratos de Diego.

molinera 11

Como remate presentounos unhas carrilleiras de tenreira de Lalín con mostaza de millo e puré de patacas que eran unha auténtica gozada. Perfectas de cocción, un bocado manteigoso que se desfacía na boca.

molinera 12   molinera 13

Quedaban as sobremesas que non desmereceron o nivel do resto do menú. Primeiro un dixestivo a base de escuma da paixón e frambuesa con cítricos e unha torta de chocolate, amorodo e oporto. Sensacional.

O prezo do menú actualmente é de 40 €, co viño, auga e cafés pagamos 100€.
A pouco que o acompañe a sorte, augúrolle un gran futuro a este novo cociñeiro que seguirá alternando os cocidos tradicionais con esta nova cociña da que xa demostra unha técnica excelente.
Prometemos volver para seguir a evolución, aínda que non sei se sería bo ir catando algún cocido antes.

Restaurante La Molinera
Diego López

Rúa Rosalía de Castro, 15
36500 Lalín
Teléfono: 986 781 172
GPS: 42° 39' 36.34"N  8° 06' 48"W
Localización en Mapas de Google