o miolo

a taberna rural. meaño

Viña moi recomendada por Carlos Núñez (Pombo), natural destas terras, e por fin fomos catar esta Taberna Rural sita en As Covas, Meaño (non confundir con Cobas, tamén en Meaño, lugar habitual das nosas visitas pola súa riqueza furanchil: O de Juan, As irmás, Gardenia…). 
Na elección algo inflúe, tamén, que do que se trata é de inaugurar a nova tempada.

Confraria do tabernáculo da santa sede     Catecumenón Carlos Núñez (Pombo)     Catecumenón Carlos Núñez (Pombo)

No tocante a cuestións de pitanza, as recomendacións de Carlos Núñez (Pombo) adquiren categoría de lei. Lembrádeme que vos fale algún día deste entrañable Carlos Núñez (Pombo), da súa sapiencia gatronómica, das súas receitas, da confraría da que é avantaxado catecumenón (A confraría do tabernáculo da santa sede).

Taberna Rural 01     Taberna Rural 02

A Taberna rural ocupa un dos anexos do Pazo de Lis (no edificio principal do pazo podemos visitar o Museo da muller labrega, que nunca está de máis, para saber quen somos e en especial de onde vimos).

Taberna Rural 03     Taberna Rural 04

A primeira impresión é que non sabemos moi ben onde nos metimos.
Contorno e acceso señoriais, apetecible terraza para o verán, enteira en mobles de vimbio, decoración sen pretensións pero con sentido nun estilo típico de taberna rural: madeira e pedra adozados con pequenos detalles que marcan diferenzas…
Tan pronto che reciben, e logo, cando estudas o menú, todo regresa ao seu leito: sabes que non estás equivocado.

Taberna Rural 17

Oferta típica de furancho: a súa tortilla, os calamares, os pementos de Padrón, a zorza, a richada… E tamén a quintaesencia do furancho: os viños de colleita propia, neste caso albariño, caíño e tinto barrantes.
Pero, ademais, algún que outro retrinco ás preparacións tradicionais como ese Polbo braseado con queixo de tetilla, os patés caseiros (de centola, de pemento do piquillo, de atún e mexillón) ou os mexillóns á Taberna Rural (unicamente en inverno).
E, ademais, tapas da cociña galega máis popular, como algún que outro bivalvo (a navalla, a zamburiña, o mexillón…), o polbo á galega e sen estridencias, a empanada de millo, empanadillas caseiras, croquetas do cocido, orella…
E, para os que buscan a aposta segura, ensaladas, brochetas e diferentes táboas de embutido, queixo ou paté.

Taberna Rural 09

Pedimos o albariño e, mentres agardamos, tráennos un pratiño con olivas e queixo.
Polbo braseado con tetilla, empanadillas (tres por ración. Hoxe tocan de bonito e de calamar e mesturamos dúas e unha). De prato forte, a richada.
Somos avisados de que semella un pedido excesivo para dúas persoas (agás que nos consideremos comedores de dente olímpico). Como non é o caso, senón todo o contrario, de polbo será soamente media dose. (Servizo amable e próximo, pendente en todo momento de como van as cousas)

Taberna Rural 12     Taberna Rural 11

O polbo é todo un descubrimento. Aderezado ao xeito clásico co pemento e un aire de aceite, co seu imprescindible toque de picante moi suavizado e compensado polo queixo fundido que leva por riba.
As empanadillas moi ricas; pola masa, pero especialmente polo recheo; no caso das de calamar, tal cal o calamar guisado que faría Carmen.

Taberna Rural 13

A richada é richada. Para ben e para mal ten moita competencia na zona.
Está boa, pero é que por aquí hai algunhas que resultan xeniais. Mellor as pataquiñas rebrandecidas co mollo que a propia carne ou os pementos.
Malia estar advertidos e ter reducido a ración de polbo, da richada queda, non quero esaxerar se digo que, a metade da fonte.

Taberna Rural 15

Non hai espazo para a sobremesa, pero a oferta caseira resulta máis que tentadora. Flan de café, tarta de galleta, tartas de queixo (de forno e de neveira), tarta de piña, queixo con marmelo, tiramisú, pannacotta…
Si café, e ademais como manda deus: de pota.
Ao final pagamos 16€ cada un. Ben de prezo. Se contamos que co quedou da botella de viño e da richada, e con pouco máis, faciamos sitio a Luis e Luz, os cálculos lévannos arredor dos dez euros por barba, que entra dentro dos límites do furanchos da zona.
Volveremos. Seguro.

Taberna Rural
As Covas 3
Meaño (36968)
Tlf: 606 330 512
GPS: 42º29’43.24”N  08º 47’ 42.42W
Localización en Mapas de Google