Empezaron arredor da revolución dos cravos (menos mal que nos queda Portugal!, berrábamos os máis incondicionais) e houbo de ser unha autopista suprarexional quen os levou como un sopro de vento.
Baixábamos a Portugal case cada fin de semana, algunhas veces a comprar, uns faldrapos, a botella de Porto, pasta italiana da boa, da que aquí non había, Buitoni, algún que outro viño, a maioría das ocasións por un simple paseo, sempre, sempre, a disfrutar dunha boa comida.
Daquela comer en Portugal compensaba. Había ofertas para todos os petos e todas elas máis centradas nos gustos dos espanholinhos que nos propios portugueses. Eles non podían ir aos seus propios restaurantes. A brecha social era enorme e a crise económica case como a actual.
Ou quizá foi que en cuestión de gustos gastronómicos, ao final os españois nos acomodamos ao comer portugués.
O Escondidinho, Adega do Sossêgo, A Fortaleza, Napoleón, O Mané, O Neves, O Stop, O Nuno, O Panorama, O Monte do Faro, O abrigo das andorinhas, Foz do Minho, a lista non ten fin.
E tamén A casa de Lau.
Hoxe, cando non enfiamos a autopista ou a IC1 para baixar a lugares aos que, daquela, chegar era unha auténtica viaxe, a maioría das veces comemos na Casa de Lau. A reforma deixounos un local moito máis coidado que antes, fino, talvez demasiado fino, tirando a requintado segundo o gusto Portugués. A min gustábame máis antes, ás veces boto de menos a autenticidade daqueles tempos. Un plan perfecto era o bacallao, a finais de primavera ou verán, sen moita calor nin frío, na explanada, naquelas mesas de pedra, compartindo comida cun alvarinho e como amo e señor das enormes vistas sobre o Minho.
A proposta de comida non admite moitas dúbidas: algúns dos petiscos que nos traen, calquera, todos son bos… pero sen pasarse, as racións son abondosas; de prato forte nós alternamos: un día tócalle ao bacalhau e ao seguinte ao cabritinho; de sobremesa calquera dos doces caseiros que teñan ese día na carta. Por poñer nome propio ao alvarinho, hoxe decántome por un Serrade. Todo moi artesanal, cociña rexional, caseira, sinxela pero efectiva e a bo prezo.
Apostaría que entre dous persoas, co entrante, unha dose do segundo para os dous, a sobremesa e o viño, non pagades máis dos corenta euros.
Segundo o meu criterio, para repetir. Unha e mil veces.
Sorpréndeme, e ao tempo agrádame, que na Voz de Galicia de onte, nas Fugas, Carlos Punzón nos anime a comer en Portugal, en Vila Nova da Cerveira (un sábado, despois da feria, sería perfecto), nesta mesma Casa de Lau.
Por certo, entre a feria e a comida podemos facer unha escapada ao mirador do Cervo; como podedes comprobar a perspectiva sobre o Minho é das mellores de todo o val.
Restaurante Casa de Lau
Enderezo: Loivo
Localidade: Vila Nova da Cerveira
Teléfono: 251 795 162
E-e:
Web:
XPS: 41º55'38"N 8º45'00"W
Localización en Maps de Google
o miolo