Coñecín o Esteban hai bastante tempo. Cando andaban por Nigrán.
Eran tempos nos que había clase pola tarde e a oferta para comer en Gondomar era moi limitada e monótona (o Chaín, O Mineiro e pouco máis). Algún luns saiamos do circuíto e achegábamos a Las Colinas a comer o resto do marisco da voda do domingo a prezo de prato do día; ou ao Esteban, a comer o menú. Este simple feito convertía eses días en festa.
A primeira vez que fun ao novo Esteban, en Mos, foi cando o Consello Social da Universidade de Vigo despedía ao rector Docampo. Fiquei gratamente sorprendido. Unha comida relativamente multitudinaria (entre trinta e corenta comensais) que resultou atípica para este tipo de reunións. Entrantes variados, parrillada de carnes, selección de postres; as diferenzas estaban na orixinalidade dos entrantes, no esmero nas presentacións, no exquisito das preparacións.
Así, non me extrañou un absoluto que cando o Consello Social invitou a comer a Ferrán Adrià despois da súa conferencia na Univesidade de Vigo o levasen ao Esteban.
Posteriormente fun varias veces ao Esteban e, malia non acabar de romper, paréceme un local bastante recomendable, deses aos que paga a pena volver.
Ten unha carta variada, boa oferta de viños, un contorno moi agradable e coidado, sen excesos, con diferentes espazos a cada cal máis apetitoso, mesas no exterior para os días de máis calor, atención e servizo esmerados e profesionais…
As entradas son orixinais e moi traballadas, sen grandes estridencias pero resultan. Os pratos fortes quizá son a debilidade do Esteban; teñen un corte máis tradicional, sen ningunha cocesión e con gornicións algo monótonas. Coas sobremesas volvemos ao toque persoal, son variadas e os nomes animan, logo as presentacións confirman os nomes; quizá pecan un pouco cara aos doces que Carmen chama ‘de culler’, pero esta sería unha apreciación de gosto personal. Como vedes na factura, nesa ocasión, xullo de 2008, eramos catro, comimos cun Pétalos e o prezo resultou moi axustado. Tres entradas para compartir, cadanseu segundo prato e sobremesa, cafés, algún refresco, e xa vedes, pouco máis dos trinta euros por barba.
Hoxe, por primeira vez, déixovos por aí unha das miñas debilidades: unha factura. Algún día falareivos delas, de todas as que gardo nunha libreta case coma un tesouro.
Nos tempos de seca abonda con coller a libreta, pasear un pouco por ela e deixarse levar pola lembranza dos sabores. Ás veces a memoria xóganos unha boa pasada e fainos gozar dunha comida por segunda vez.
Esteban Selección Culinaria
Enderezo: Barrio do Monte 20 - Sanguiñeda
Localidade: Mos (36418)
Teléfono: 986 330 150
E-e: enderezo
Web:
XPS: 42º30'00"N / 8º48'14"W
Localización en Maps de Google
Gourmetour: Si
Michelín: Si
Repsol: Si
Verema: 7,9 (7 votos)
o miolo