El Combatiente é un deses restaurantes de sempre (‘desde 1934’), detrás da casa do Concello, para comer o que se come no Grove, peixe e marisco de primeirísima cualidade e con elaboracións ‘sinxelas’, esas preparacións tan difíciles de conseguir e que procuran manter a autenticidade do produto. Eles mesmos, na súa tarxeta de visita, promociónanse como ‘Comida típica de sempre, a cociña da avoa’.
O comedor é pequeno e clásico, non admite máis dunha vintena de persoas; era sábado de febreiro, sobre as dúas e media e xa non había lugar para un alfinete. O local é cen por cen familiar, na cociña e ‘cantando’ os destaques do día, a nai; no servizo, unha filla; e o pai a facer relacións sociais entre as mesas e de cando e vez colaborar retirando os pratos. A oferta non ten segredos: marisco e peixe; hoxe, en especial, as zamburiñas, o bruño da ría, un rubio guisado, un par de robalos ao forno… (rubio e robalos, garantizados, auténticos, de rocha); a patroa, cos que somos e co seu tamaño axeitado, insiste nos robalos e, para reforzar a oferta, tráeos para que lles botemos unha ollada. Non se fale máis.
Para acompañalos, un Pazo de Señoráns.
De entradas pedimos as zamburiñas, uns mexillóns en prebe de vieira e un par de anacos de empanada para probar. De ter que decidir, sen dúbida polas zamburiñas, execpcionais; a empanada moi boa, cun leve toque de follado; os mexillóns, a verdade, non están entre as miñas debilidades.Claro que a festa do día estaba agochada nos robalos. Ante os nosos eloxios, a cociñeira non ten reparos en revelarnos o seus segredos culinarios: peixe de rocha moi fresco, ao forno, unicamente cun chisco de fumé de peixe e un pouco de limón. A receita produce un resultado espectacular. De acompañamento, unhas pataquiñas en rodelas acabadas de fritir.
As sobremesas pasan un pouco desapercibidas. Torta de queixo ao forno, queixo galego, torta de galleta… Para rematar, café de pota e unhas pingas nun dispensador moi peculiar, tanto que o meu amigo Manuel e mais eu pasamos a sobremesa tentando concretar a esencia do seu funcionamento.
Con todo o anterior, a comida saíunos por 32 euros persoa.
Globalmente é un local ao que si volverei sempre que estea no Grove e queira bo marisco ou bo peixe ao prezo que vedes.
Restaurante El Combatiente Globalmente é un local ao que si volverei sempre que estea no Grove e queira bo marisco ou bo peixe ao prezo que vedes.
Praza do Corgo 10
36980 O Grove
986 730 741
GPS: 42º49'63"N 8º86'56"W
Localización en Mapas de Google