Coñecín as obras da Cidade da Cultura en agosto de 2009.
Alfonso participaba nun curso da USC e conseguimos permisos para unha visita privada. Lembro que a primera reacción, abraiado, foi a de ficar de boca aberta, e inmediatamente, a segunda, unha palabra, un calificativo que daquela foi utilizado sen outra connotación que non fose o asombro polas proporcións da obra.
Faraónico. O proxecto de Gaiás pareceunos faraónico.
Agora que se inaugura e abre ao público a primeira fase, leo i escoito ata a saciedade ese mesmo cualificativo: faraónico.
Faraónico: relativo ao faraón; de proporcións desmesuradas; construído para maior gloria e transcendencia do faraón.
Creo que co pouso do tempo me quedo con esta última acepción, e, desde este punto de vista, unido aos cartos que hai que enterrar na obra, paréceme unha pirámide de imposible xustificación.
Atendendo aos distintos argumentos utilizados estes últimos días nun intento desesperado de suavizarnos a obra, poucas xustificacións coñecín tan insostenibles.
Non acabo de ver ao santo apóstolo rifando con Peter Einsenman polo mérito de ter situado a Compostela no mapa do mundo. O efecto Guggenheim foi único e irrepetible e moitas cidades andaron trala pedra filosofal antes que Compostela.
Sen éxito, claro.
En moitos casos non se sabe, pero Santiago está no mapa da arquitectura moderna por dereito propio, sen necesidade de ningún Gaiás. Proxectos globais como a urbanización do paseo do río Sarela e as vivendas na vacariza do Carme de Abaixo (Víctor López Cotelo), Siza Vieira (CGAC, facultade da inormación, xardíns de Bonaval…), o centro social da Trisca (John Hejduk), as propias torres que Hejduk deseñou para o parque de Belvís e que Eisenman incorporou ao proxecto de Gaiás, o Auditorio de Galicia (Julio Cano Lasso), a sede do SGAE (Antón García Abril) e outras actuacións no parque de Santa Isabel, o Palacio de Congresos e a Facultade de Filoloxía (A. Noguerol e P. Díez), o pavillón de San Clemente (Josef P Kleihues), o colexio público Raíña Fabiola (Giorgio Grassi), a reordenación de Xoán XXIII (Albert Vilaplana i Helio Piñón), Manuel Gallego Jorreto, Alfonso Penela, Carlos Meijide, Portela, García Braña…
Pero, claro, sempre está a idea que subxace ás palabras de Peter Eisenman cando a súa visita de coordinación polo cambio de goberno do bipartito ao PP. Víase satisfeito, ledo, exultante, por fin volvía a obra ao seu carreiro natural. Menos mal. Porque empresas como a de Gaiás son de, por e para xentes de dereitas. Porque os gobernos de dereitas non teñen porqué xustificar os seus actos.
Un porque a eles mesmos non lles peta.
Dous porque os seus electores non llo esixen.
E tres, acaso o faraón tiña que render contas a alguén?
Nin a deus.
Era el mesmo.
o miolo