Nuns momentos nos que seica non andan para moito foguete, quero mandar un saúdo de ánimo aos meus amigos de Vulcano.
Vulcano, ademais de forxa de barcos, é unha fonte inesgotable de gastrónomos.
Abonda con ver a proliferación de tascas, bares e restaurantes que floreceron arredor do estaleiro para facernos unha idea do que alí dentro se coce.
Nos contornos da factoría hai oferta para todos os gustos e case todos os petos, máis dun con sona que escapa ás fronteiras do barrio de Teis e mesmo do grande Vigo; algún que outro que esqueceu as súas raíces e hoxe mira para outro lado como escaparate que é das caras máis guapas e duras da cidade.
En Vulcano teño que mandar un saúdo especial a Luis.
Luis e Luz son os nosos compañeiros de andainas culinarias cando se trata de descubrir novos rumbos arredor da Illa de Arousa. En máis dunha ocasión seguindo as recomendacións dos seus compañeiros de Vulcano. Grazas a eles recalamos en locais como o Tropezón ou o Dos Islas, do que algún día falaremos.
Lembro que cando fixen o meu segundo curso de cata de viños, un curso de cincuenta horas organizado polo sindicato, o grupo máis numeroso de asistentes era o das xentes de Vulcano. Aprender non aprendiamos moito, pero beber si que bebemos, e pasámolo de medo. Gardo na memoria a Manolo; Manolo no precisaba curso ningún pois viña aprendido da casa; Manolo é quen de ir desde Chapela ao Calvario na procura da mellor empanada de mazá, sabe onde se coce o pan máis rico, onde atopar as máis auténticas tetillas, os chourizos, uns mexillóns especiais.
E, claro, se de fillos gastronómicos se trata, non esquecer que en Vulcano naceron, cociñaron e alimentaron a Benigno Campos, o mediático Larpeiro da TVG.
o miolo