Hoxe hei de regresar a ese mesmo pasado pero por motivos moi diferentes.
E tamén con consecuencias que nada teñen que ver.
Onte fomos a Portugal. A idea era baixar sen rumbo, ao que marcase o vento.
Pronto soubemos do xogo ao que habiamos de xogar: desde Vigo ata o Minho todos os paneis informativos da autovía ameazaban con idéntica proclama: ‘Lembre: Pago Telemático nas Autovías de Portugal’.
Antes de chegarmos a Cerveira tivemos que dar a volta. O caos que se formou na estrada de Valença a Viana foi monumental. Disque peor que nos peores tempos, cando o suplicio de Tántalo era un xogo de cativos comparado con atravesar Viana.
Pasei toda a semana á expectativa do que contaban os medios sobre a implantación da nova peaxe nas autovías de Portugal. O modelo pareceume unha barbaridade e optei por non seguirlles o xogo (polo de agora). O de menos –aínda que xa de por si grave- é a obriga de pagar peaxe nas autovías e reducir a comunicación de balde polo eixo Atlántico a unha estradiña dos anos cincuenta con volume de tráfico de 2010.
O grave é o modelo.
1/ Non existen cabinas de pago.
2/ Os non portugueses habemos de alugar (correos e gasolineiras) un chip.
3/ O prezo de aluguer do chip de telepeaxe vai en relación directa ao tempo de uso.
4/ Se non temos unha conta en Portugal (que non) hai que alugalo con prepago.
5/ O pago mínimo para cargar o telepeaxe é de cincuenta euros (si, 50 €)
6/ O que non utilices dos 50€ despois do período de aluguer, pérdelo.
7/ Ademais do aluguer e do prepago, hai que deixar unha fianza equivalente ao prezo que paguemos polo aluguer.
Creo que non se poden idear máis despropósitos en menos tempo.
O gravísimo problema, pola parte que nos toca, é que se non cambian as circunstancias, as relacións Galicia-Minho (ou Extremadura-Alemtejo, Andalucía-Algarve…) van morrer de xeito irremediable.
Nós, onte, desistimos de comer en Portugal e demos volta.
Porque para comer en Portugal, a partir de agora, ou ben entras polo aro do telepeaxe ou te sometes ás interminables caravanas que se crearán na N-13. Atravesar Cerveira, Caminha, Viana… será pouco máis que misión imposible.
Para non perder o día, acabamos comendo en Tui, en O cabalo Furado, no vello, no de sempre, na casa de comidas de toda a vida. Menú do día de 9,50 €. Entrante a elixir: empanada de lombo ou carne, espárragos con maionesa, chinchos en escabeche, caldo, salpicón de bonito, e algún que outro que se me foi da memoria. O prato principal podía ser pescada á romana, xoubiñas, fideo con ameixas, paella, filete, callos con garabanzos ou poida que tamén algún máis. A elixir entre café e sobremesa : torta de Santiago, flan caseiro, arroz con leite, torta de queixo…
Sala enorme, rústica, con atención nula á decoración, ao fondo cociña á vista; típico local de mesas de formica e chan sementado de serrín e cabichas… mais unha comida caseira excelente e a prezos sen competencia.
Un pouco máis alá, non máis de 20 metros, está o irmán máis novo e laureado, O novo cabalo furado, cun concepto máis actual de atencións e coidados (tamén de prezos) pero con idéntica filosofía de cociña, conxunto que lle vale mención nalgunha que outra guía gastronómica.
O Cabalo Furado
Seixas 2
(36700) Tui
Tfno: 986 603 800
XPS: 42º2’48”N 8º38’40”W
O Novo Cabalo Furado
Praza do Concello 3
(36700) Tui
Tfno: 986 602 263
Web
XPS: 42º 2’ 47”N 8º38’40”W
Localización en Mapas de Google
Michelín: Mencionado