Para un afeccionado sempre é causa de motivación a busca de puntos en común entre as súas distintas afeccións.
Nalgún momento (Cociña… Cociñas… Cales… Cantas… Unha… Todas) xa utilizaba pinturas de bodegóns para ilustrar a miña teoría de que, como na arte, podemos enfocar a cociña desde moi diversos puntos de vista sen presupoñer a supremacía dun estilo sobre outro.
Naquel momento respaldaba a hipótese coas palabras de Dani García (Restaurante Calima, Marbella), baseadas noutras anteriores de Ferrán Adrià confirmando que só existen dous tipos de cociña: a mal feita e a ben feita.
España ten dado algúns dos mellores pintores de ‘natureza morta’ da historia, en especial no barroco, séculos XVII e XVIII, auténticos séculos de ouro da pintura de bodegóns de alimentos.
A colección de bodegóns do Museo do Prado é, sen dúbida, das mellores, se non a mellor do mundo. Van der Hammen, Sánchez Cotán, ou os propios Zurbarán –pai e fillo-, forman parte relevante da historia da pintura española.
Obras como Bodegón de Zurbarán, Un anaco de salmón, un limón e tres xerras de Meléndez, ou o Bodegón de caza, hortalizas e froitas de Sánchez Cotán figuran entre as máis visitadas e mellor valoradas do museo do Prado.
Luis Egidio Meléndez (Nápoles 1716, Madrid 1780) é un deses casos típicos de artista que morre na máis absoluta indixencia mentres hoxe sería multimillonario con só vender algúns dos seus bodegóns.
Trátase de bodegóns elaborados cunha técnica moi rigorosa e estilo realista; as composicións, normalmente, son sobre fondo neutro; composicións sinxelas, de poucos elementos moi ordenados; perfección en detalles e texturas resaltados cun gran dominio do clarescuro.
o miolo