O que nos importa, claro, é o cocido.
Non tiñamos nin idea de que o rally se celebraba nesta fin de semana. En principio podía entorpecer a busca dun bo cocido, pero tivemos sorte.
Luis e Luz levaban en mente un que xa coñecían e que querían compartir con nós: La Estación, en Botos, xusto fronte á estación de Lalín.
Chegamos no momento xusto para coller a última mesa que quedaba libre, nunha especie de altiño á esquerda da porta de entrada. O resto, de bote en bote, con mesas corridas de grupos case que exclusivamente masculinos.
A feitura do local é sinxela, sen diferenzas entre a parte de bar e a de restaurante. Por momentos defínese como “Parrillada-Bar” e, en efecto, é o que é: un gran espazo de mesas e sillas de formica bastante amorfo na súa decoración e feitura.
Polo demais, un gran local.
A carta non se limita ao cocido e o churrasco senón que propón unha aceptable oferta de pratos de cociña caseira.
O servizo é próximo e especialmente atento; a pesar de que están un tanto superados pola cantidade de clientes, non perden en ningún momento a cara.
O cocido, que presume de que todo o porco procede de animaliños criados na propia casa, é fantástico.
Vén nas catro fontes que vedes nas fotos: verduras (repolo e grelos) e patacas, lacón e anacos da base da orella, garabanzos e chourizos (de carne e de cebola) e unha cuarta fonte cun pouco de revoltallo, de case todo: rabo, costela, polo, xamón, lingua, morro e outros bocados da cacheira… Cando os camareiros se decatan de que vas dando conta dunha das fontes, axiña veñen a repoñer existencias (aos poucos, para que non arrefríe)
As verduras, exquisitas, desfanse na boca; nótaselles a cocción lenta xunto coas carnes; as patacas ricas e no seu punto, enteiriñas; o lacón, para moitos, un puntiño desalgado de máis (para os que estamos na mesa, no punto exacto de sabor sen agredir á nosa dubidosa tensión); o porco, en xeral, seleccionado, sen puntos de rancio e sen graxas superfluas que abultan e non se poden comer.
Cando xa estamos no mesmo límite das nosas forzas chegan as sobremesas.
E que sobremesas!
Filloas (con mel ou só co azucre), leite fritido, orellas e cañas recheadas de crema. Todo caseiro, todo espectacular, riquísimo, cociñado por unha man experta e chea de tradición, todo para repetir acompañado de chupitos de herbas, de licor café, de caña…
Cos cafés (de pota), a auga e o viño (unha botella de Mencía caseiro), pagamos 2o€ por persoa (seica deberían ser 25 pero, como compensación por ter que estar na parte de arriba e pola falta de atención por exceso de clientes (???), queda en 20).
Que engadir? Pois nada, que cada quen xulgue por si mesmo.
Repetiremos para probar outras especialidades da casa, pero o cocido sempre será un referente.
E unha curiosidade: no momento de pagar, coa volta, danche un chicle para limpar a boca e unha botella de auga para a tarde.
Todo un detalle.
Restaurante La Estación
Estación, 48 – Botos
36519 Lalín
986 780 455 / 689 550 661
GPS: 42º37'58.2"N 08º08'29"W
Localización en Mapas de Google