o miolo

magnífica comida en pedro lemos

A estrela concedida a Pedro Lemos na última edición da guía Michelín vén ser o recoñecemento da todopoderosa ao labor calado e teimudo, investigador e innovador deste corredor de fondo da Invicta. Mérito dobre se temos en conta a histórica racanería da Vermella cos restaurantes portugueses.

Restaurante Pedro Lemos 04

Como vén sendo bastante habitual en moitos dos restaurantes do Porto, ocupa unha antiga casa, sabiamente rehabilitada, na zona da Foz do Porto.

Restaurante Pedro Lemos 03

Moito ten que ter Pedro Lemos para sobrevivir e mesmo lograr medrar ata o estrelato desde a ruela en que está ubicado.
O local está distribuído en dous niveis, reservando o superior para un comedor de proporcións moi axeitadas, nin moi grande (mantén a calor e un certo intimismo) nin pequeno (cómodo, sen agobios). Para o verán, terraza de apariencia agradable.
Decoración, respectando os materiais e feituras orixinais, moi minimalista, sen excesos, sen concesións, por momentos arriscada, en conxunto moi agradable.

Restaurante Pedro Lemos 05Restaurante Pedro Lemos 08

Servizo moi profesional, está sen estar, atento, como todo no restaurante, a eses detalles mínimos que fan especiais a un puño de experiencias.

A carta consta de cinco pratos (foie, dous peixes, dúas carnes) e dúas sobremesas; poden pedirse soltos ou agrupados ao gosto da mesa completa nun menú de 4 momentos (60€) ou seis (90€); os menús poden completarse coa desgutación de viños (35€ para o menú curto e 45 para o máis longo).

Restaurante Pedro Lemos 11

Pedimos o menú de 4 pratos con auga e unha copa de viño rosado (Carmen) e tinto (eu). Fóra as ofertas de maridaxe, moi apetecibles pero imposibles cando despois de comer hai que conducir de regreso a casa, a adega de Pedro Lemos ten sona de ser moi completa e de asumir un certo risco con nomes menos habituais e unha clara tendencia a fuxir de tópicos.

Restaurante Pedro Lemos 17Restaurante Pedro Lemos 18

Despois da manteiga de cabra e o aceite bio de Tras-os-Montes (Acuslha), chegan os cumprimentos do chef: salmonete en mollo mariño e croqueta de alheira sobre cogumelos. Gran comezo.

Restaurante Pedro Lemos 19

Foie Gras de pato – Pão de frutos secos – Pêra rocha - Cardamomo

Restaurante Pedro Lemos 20

Lavagante – Abóbora – Citrinos – Funcho

Restaurante Pedro Lemos 21

Robalo de anzol – Espargos brancos – Ameijoa – Topinambur

Restaurante Pedro Lemos 24

Chocolate negro São Tomé – Citrinos – Grué de cacau – Gelado clementina

Restaurante Pedro Lemos 23Restaurante Pedro Lemos 26

Ademais dos catro pratos da carta e dos dous aperitivos (aínda que o utilizo máis da conta, non estou moito polo nome de ‘snacks’), a comida complétase cunha ante-sobremesa  (torta, tella de amendoa, requeixo, xelado de plátano) e os petits fours (máis polo ‘concepto’ que pola esencia dos bocados tradicionais) acompañando o café.

Restaurante Pedro Lemos 09Restaurante Pedro Lemos 10

Estamos, sen dúbida, ante unha das mellores comidas dos últimos meses. Sen fisuras, sen altibaixos, cun nivel medio moi alto que non baixa en ningún momento e no que non me atrevo a destacar un sabor para non facer de menos aos demais.
A cociña de Pedro Lemos pareceume moi coherente; resulta limpa e directa nos bocados principais (bocados que teñen moito que ver coa tradición portuguesa e que están elaborados con técnicas impecables), e, ao tempo, especialmente orixinal e creativa, sen perder nunca as referencias nin a lóxica, nos mollos e accesorios que acompañan ao sabor central.

Restaurante Pedro Lemos 14Restaurante Pedro Lemos 15

Os 85€ que pagamos por cabeza semellan un chisco excesivos para tempos de crise. Sen embargo hei dicir que resultan razoables e están na media (incluso media-baixa)dos prezos que estou a observar na alta restauración portuguesa do momento.
Cuestión á parte sería a análise dos efectos da crise na sociedade portuguesa do século XXI (desaparición da clase media?; clase alta con nivel de vida inaccesible para os cidadáns de a pé? retroceso aos anos 60?), así como a adaptación da oferta do grandes restaurantes ao contexto das consecuencias da crise.

Restaurante Pedro Lemos
Pedro Lemos
Rua Padre Luís Cabral 974
4150-459 Porto
Telf: +351 220 115 986
Web
reservas@pedrolemos.net
Facebook
GPS: 41,1501º N  08,6722ºW
' target=_blank>Localización en Mapas de Google
1 Estrela Michelín
2 Soles Repsol
7º (161 p.) do TOP da Mesa Marcada 2014
Revista Wine: 5 puntos
O Porto Cool
Boa Mesa Expresso