o miolo

sqd

Todo empezou por un arrebato leve de curiosidade. Dicía aquel profesor noso de física que a curiosidade é a nai da ciencia, que todo progreso vén dun alguén que se pregunta un por que e procura respostas ata atopalas.
No pasado nadal o meu irmán regalounos a guía Michelín. Este ano, coa guía, e por mor do seu centenario, regalaban un facscímil da primeira edición española, a de 1910. Moito cambiou nestes cen anos! Empezou mostaza e non vermella, era gratuíta e centrada en servizos mecánicos para aquela media ducia de condutores adiantados, medio tolos e bastante privilexiados. En fin, xa sabemos por onde anda agora... metida nunhas areas movedizas polas que se chega a morrer pero das que, unha vez atrapado, xa non podes escapar.
Pero vaiamos á 'investigación'. Sen saber exactamente o que andabamos a buscar, a nosa curiosidade atopou un premio inesperado. O único dato que sigue na Michelín despois destes cen anos é o de recomendación de hoteis. Poucos e sen valoración, daquela resumíanse nun simple enderezo. A cuestión era saber que cidade de España e Portugal ofrecía máis hoteis na primeira edición da Michelín. E sabedes con que nos atopamos? Cal foi a nosa sorpresa? Porto, con cinco hoteis era esa privilexiada cidade, e, por certo, por alí andaba xa o Grande Hôtel do Porto da rúa santa Catharina. Mentres, Madrid presenta unha tarxeta con 4 hoteis, Barcelona 2, Lisboa 3, e Santiago, A Coruña e Vigo, non pasábamos de un cada un…
Somos uns namorados de Porto, un par de incondicionais do seu modernismo, do bulicio, do espírito de progreso, da cultura, do acollemento das súas xentes, do cosmopolitismo. Os que así pensamos, moitas veces temos que sufrir as agresións de moitos galegos que, non sei se por un absurdo intento de diferenciación, pretenden presentarnos ao Porto coma un pobiño de mala morte, pobre, sucio, triste e unha morea de cualificativos nacidos máis dos prexuízos, dos tópicos, do rexeitamento, que do mínimo coñecemento.
Alá no vello bacharelato aprendíamos unhas siglas que agora nos veñen ao pouco pelo que nos queda aos dous, tan pouco que nin sumado chega para unha cabeza; as siglas eran sqd. Tres simples letras que daban e quitaban razóns, que avalaban todo un razoamento, que había que escribir despois de toda demostración matemática correcta ou das hipóteses científicas que alcanzaba o grao de teoría ou de lei. SQD. Segundo Queríamos Demostrar.
Grazas á Michelín confirmamos as nosas ilusións. SQD, Porto é unha gran cidade. E xa o era hai cen anos.
A casa da música, Serralves, a rúa Bombarda, o Parque da Cidade, o Douro Viñateiro, a facultade de arquitectura, Távora, Siza Vieira, Souto de Moura, o Metro lixeiro, o museo Soares dos Reis, o barroco, a Ribera… O viño do Porto.
boanova          Boa Nova bullbear         Bull&Bear fozvelha          Foz Velha sessentasetenta     Sessenta Setenta
E tamén o Foz Velha, o Bull&Bear, o Shis, o Cafeína, o Sessenta e Setenta, o Artemisia, o Degusto, o Kool, o Toscano, o Bulhe… Pero tamén o Cufra, a Varanda do Sol, a Brasileira ou o Portucale. Porque, para darlle nos fociños a todos aqueles insensaos que proclaman aos catro ventos que xamais comeron ben en Portugal, Porto é unha gran cidade... tamén a nivel gastronómico.
Despois de ver que non somos moitos os galegos que temos unha lixeira idea das tentacións gastronómicas de Porto, prometemos dedicarlle un futuro post aos sitios nos que comer na Invicta. Estarán todos os anteriores e algún máis. E se alguén ten presa e quere ter unha primeira aproximación ao Porto máis actual, máis quente, máis cool, que non deixe de visitar o blog  O Porto Cool