o miolo

tempos de seca…

Vivimos malos tempos.
Se non hai entradas é porque levamos unha boa tempada sen facer excesos gastronómicos.
Pero os tempos escuros van moito máis alá do comer e beber…
Cando comecei este blob comprometinme comigo mesmo a non meterme en camisas de once varas; a piques estiven de romper o meu xuramento un par de centos de veces, pero en cada ocasión asomaba unha nova falcatruada que deixaba en pañais á anterior…
A penúltima, aquela filtración do ministro do ramo segundo a cal van tipificar como delicto (dous anos de cárcere) as manifestacións violentas… e tamén as pacíficas (en concreto, e textual, ‘a resistencia pasiva á autoridade’).

gandhi   la fuerza de amar

Unha desfeita.
Para min, que libros como ‘Gandhi y la no violencia’ o ‘La fuerza de amar’ son de cabeceira cunha historia comigo de máis de trinta e cinco anos, imaxinade…

Pero non, corramos un estúpido veo.

Recibo correo de Alfonso co enlace a un artigo de El Viajero de El País; forma parte da serie Onde comen 11 chefs e nesta entrega é Pepe Solla quen recomenda algúns do seus locais favoritos na provincia de Pontevedra.
En concreto fala de ir de tapas polo casco vello de Pontevedra, con mención especial a calquera local da Praza da Leña. Para guisos de culler, Durán, en Canido, Vigo. Para cociña de produto, baseada na materia prima con menos elaboración, D’Berto, no Grove. En Ribadumia recoméndanos o Tío Benito, ‘unha tasca de sempre con mesas sen mantel e viño do país’.
Por último, ‘o segredo mellor gardado’: as mellores empanadas de fariña de miño de Galicia, de chocos, de bacallao ou o que toque: Bar Villanueva, na Avenida do Doctor Martínez, 37, tamén en Poio.

destinations2012

Cambiando de terzo, unha novidade, unha recomendación que nunca fixen: unha fin de semana en Porto.
A European Consumers Choice, organización con sede en Bruxelas que cada ano reúne a especialistas do mundo do turismo para votar os mellores destinos europeos e outorgar os que denominan os European Consumer Awards, na súa selección de 2012 considera a Porto o número un do top 10 de destinos turísticos en 2012.
Porto tivo que competir, por orde no ranking final, con Viena, Dubrovnik, Praga, Bruxelas, Berlín, Budapest, Lisboa, Florencia e Edinburgo (case nada!)

Porto Bolhao Sardinhas Porto Casa no Douro 01 Museo de Serralves 13

O texto destaca que Porto triunfa pola variedade de ofertas para todo tipo de visitantes, desde aqueles que buscan historia e autenticidade, aos que procuran a súa vertente máis actual, dunha cidade cosmopolita e contemporánea. O descubrimento de Porto significa o descubrimento de todo o que a fai diferente: o seu famoso vinho do Porto, un Centro Histórico declarado Patrimonio Cultural Mundial pola UNESCO, Museos, parques e xardíns encantadores, boutiques de moda de grandes deseñadores nacionales e internacionales... ‘O Porto lle dá un pouco de todo. Déalle unha oportunidade!’

web 2.0

Os que xa levades unha tempada con nós sabedes que Como, logo existo, nunca deu pé aos comentarios dos visitantes.

copacubertospostcopacubertospost2
copacubertospost3copacubertospost4

O motivo era sinxelo e penso que no fondo bastante lóxico: cando un blog está a comezar, cando pasan as semanas e ves que non recibes moitas visitas, que dous de cada tres días dubidas en deixalo, a sección de comentarios sen comentarios semella un berro ao fracaso do blog, ao teu propio fracaso, e podería influír negativamente nos seu futuro. Ademais, sabedes que son un tanto teimudo coa estética e non me gustaba moito como quedaba o blog coa sección de comentarios baleira. Certo que os propios comentarios poden ser en si mesmos motivo de visita e de enganche, pero… tomamos a nosa decisión e a verdade non estamos moi arrepentidos.

copacubertospost

Hoxe xa temos a nosa pequena historia detrás e levamos uns meses estabilizados arredor das mil visitas mensuales (por certo, que nunca volo dixen, GRAZAS!!!!).
Por outra banda estou a facer un curso sobre ‘As redes sociais na educación’ e nel se nos pide algún traballo con blogs (por certo, un saúdo a todas as miñas compañeiras e profesores do curso).
E xa como terceiro motivo, sei, malia miña decisión inicial, que a base da web 2.0 é a participación e a colaboración; os modelos expositivos, unidireccionais están caducos e carecen de futuro. Un blog sen a participación dos amigos e das amigas é medio blog. Ou aínda máis, non é blog, non é nada.

copacubertospost4

Así pois chegou o momento de dar un xiro seica coperniquiano ao blog introducindo algunhas novidades. A primeira, abrir de par en par as portas á participación a través dos comentarios.
A pelota queda no voso tellado.
A ver se entre todas conseguimos que Como, logo existo deixe de ser o meu blog e pase a ser de todos nosoutros.
Bicos de mel e grazas por estar aí.

casa enrique. cobas

A busca do furancho perdido levounos, hoxe, a un dos máis visibles, a un clásico: Casa Enrique en Cobas.
Está alí, no meollo (ver como chegar aos furanchos de Cobas), na Aldea de Abaixo, a carón de Juan, un pouco antes do de Manolo e Bea, co resto dos furanchos de Covas arropándoo por todos os puntos cardinais.

Casa Enrique Cobas 01   Casa Enrique Cobas 02

Ten aparcamento propio e un xardín que promete ser un auténtico exceso no verán.
Por fóra é algo distinto aos demais; semella máis o bar-tenda de sempre, en concreto o Spar, que aínda mantén a pegatina, e esta pode ser a mellor referencia, que o típico furancho da zona.
De feito entramos por un primeiro espazo no que conviven o mostrador do bar e o da pequena tenda, moi pequeniña, case de supervivencia…

Casa Enrique Cobas 04

A continuación pasamos directamente ao enorme comedor.
É moi grande, de batalla, sen ningunha concesión, vese ás claras que foi ideado pensando na funcionalidade por riba de calquera outro criterio. En todo caso dá un bo aspecto, claro, cos mobeis de madeira novos, limpo, luminoso…
Semella cheo. Nun momento chego a botar contas e calculo que haberá unhas dezaoito mesas ocupadas –aínda libres non máis dun par-, e sobre sesenta persoas a comer, beber e falar ao mesmo tempo.

Casa Enrique Cobas 05

Como a maioría, tinto Barrantes e Albariño.
Pedimos o branco, a botella, da que non chegamos á metade; o viño vén cunha proba de empanada de carne; masa un pouco grosa para os nosos gustos pero xa se sabe que isto do espesor das empanadas vai moito por teimas e zonas… Carmen alaba especialmente o viño; iso quere dicir que non pica en exceso do acedo, que é moi afroitado, amable, en definitiva que entra ben. 
A empanada, polbo, carne con patacas e pementos, tortilla, chuletas…

Casa Enrique Cobas 06

Pedimos tortilla e a carne; a tortilla, pequena, consonte aos dous que somos.

Casa Enrique Cobas 07

Seica o tamaño da tortilla vai como o da empanada, non tanto polo diámetro como pola altura; visualmente semella demasiado fina, tanto que parece seca. Logo a realidade contradí totalmente á feitura: está perfecta; o ovo zumega lixeiramente, a pataca no seu punto e ben embebida no zume, algunhas chispas de chourizo espalladas aquí e alá que dan algo máis que cor, sen cebola, feito que eu aplaudo especialmente pero polo que Carmen pon o seu pero.

Casa Enrique Cobas 08
Casa Enrique Cobas 09

A carne anúnciase exactamente como carne con patacas e pementos, e non como a richada ao uso nos furanchos. De feito é tenreira máis magra, semella un filete de media altura cortado aos anacos. Está rica, moi moi rica; a min, e por diferenciala doutras, gústame especialmente o pemento.

Sen sobremesa (non preguntamos pero si vemos queixo e flan caseiro), sen café (de pota), pagamos 13 euros. Ollo!, trece euros entre os dous, non por cabeza.

Casa Enrique
Aldea de Abaixo. Cobas
363    Meaño.
Teléfono:
GPS: 42º28’41”N   08º46’41”W
Localización en Mapas de Google.