o miolo

un bocado de mar

Cando che gusta isto de comer e queres estar un pouco ao día, sempre hai unha pequena axenda de locais en reserva para visitar cando o tempo, o peto, e, cada ez máis, o corpo cho permiten.
As Garzas Mapa
Hoxe cumprimos co derradeiro soño, coa última débeda que tiñamos na axenda dos máis grandes entre os grandes restaurantes galegos. Hoxe liámonos a manta á cabeza e andamos os máis de trescentos quilómetros –ida e volta– que separan Arousa de Porto Barizo (Malpica) para comer en As Garzas.
Restaurante As Garzas 02
Para acalar aos máis excépticos ou comodóns, vaia por diante que, sen ningún xénero de dúbidas, a excursionciña pagou a pena. A comida resultou desas que hai que escribir con tinta de ouro e con letra das de antes.
Segundo o dito, algo ten a auga cando a bendicen. Levado ao caso que nos ocupa, algo teñen que ter estas Garzas cando non só sobreviven no seu remoto mundo, senón que, ano tras ano, logran manter con total dignidade os laureis da gloria.
Eles defínense como ‘cociña de mercado’, e eu matizaría como ‘cociña de mar’.
Restaurante As Garzas 08 Restaurante As Garzas 09Restaurante As Garzas 01 Restaurante As Garzas 12
O local é amplo, moderno, moi luminoso e cunha decoración dominada pola sinxeleza e a enorme cristaleira que se abre ao Atlántico. Todo un luxo que forma parte da esencia máis íntima do restaurante. As Garzas é mar en estado puro. E, para degustalo, nada mellor que as mesas de abaixo, as que dan ao mar.
Pedimos o menú de degustación (estratexicamente definido como ‘Para os que non queren pensar’):
Espárragos brancos de tempada a súa crema e ensalada de tirabeques.
Ñoquis cremosos de ‘Santo André’ curado en caldo de robaliza.
Bao de vieira.
A nosa versión do revolto de caviar de ourizo e grelos.
Alcachofas en tempura, xema de ovo líquido e touciño ibérico.
Xurelo e asado das súas espiñas.
Lombo de pescada do pincho, mexillón e leituga do mar.
Ovo de Pascua.
Espagueti con trufa negra. 
Os honores fainos un Pétalos do Bierzo do que cada vez estou máis namorado para estas ocasións.
Restaurante As Garzas 14Restaurante As Garzas 18Restaurante As Garzas 23Restaurante As Garzas 27Restaurante As Garzas 31Restaurante As Garzas 37Restaurante As Garzas 40Restaurante As Garzas 43
O menú resulta equilibrado, cen por cen mariñeiro, non renuncia aos seus toques exóticos, dun nivel medio moi, moi alto, e con varios momentos que nos resultan especialmente intensos.
Os espárragos abren boca á perfección. Coincidimos en que o caldo de robaliza que acompaña aos ñoquis de queixo curado é un dos sabores máis sobresalientes da comida. O bao de mexillón marca o exotismo, a fusión. O revolto parécenos un prato impecable; a tempura de alcachofa é perfecta e alivia por uns momentos a intensidade do sabor a peixe. O xurelo volve ser un bocado de mar en estado puro. E da pescada o que me resulta máis salientable é o canelón de alga recheado de mexillón; gústanme os sabores e a mestura de texturas; acompañamento perfecto para unha pescada que, sendo excepcional, perde algo de protagonismo.
Restaurante As Garzas 45Restaurante As Garzas 48Restaurante As Garzas 44Restaurante As Garzas 47
As sobremesas deixan de ser complemento ou final de comida e pasan a ter entidade propia. Espectaculares na xénese, no deseño, na elaboración e tamén na posta en escena.
Tal vez un pouco semellantes pois en ambos casos domina o contraste entre o acedo das froitas e o aveludado do chocolate.
Restaurante As Garzas 50 Restaurante As Garzas 52
Selo de ouro cos cafés e os seus petit-frous.
O menú custa 60€, o que unido ás bebidas e cafés resulta a un prezo real de 74 euros por cabeza. Dados os excesos que hai por aí adiante para comidas equivalentes, antóllasenos un broche perfecto para unha comida memorable.
Restaurante As Garzas
Fernando Agrasar
Porto Barizo 40, Malpica.
15113, A Coruña.
Teléfono: 981 721 765
Web
info@asgarzas.com
GPS: 43.320301N,  08.871970W
Sol Repsol
Estrela Michelín