o miolo

amigos da cociña galega

Recupero aquel ‘A cociña e a bodega, mellor galegas’, bandeira que foi, noutrora, dos Amigos da cociña galega.

amicoga

Dalgún xeito habemos de recuperalos todos e colocalos no lugar que realmente merecen dentro da historia da restauración pública galega (e, por que non?, tamén da privada; non esquezamos todas aquelas receitas que algúns tantas veces usamos como inspiración de cabeceira; as primeiras ‘ensaladas’ máis alá da simple ensalada, os que daquela aínda eran ‘fideos con ameixas’, ou as fabas, os guisiños mariñeiros, os bocados máis galegos de carne, o xarrete, as carrilleiras, o chuletón de Lugo…).

Sotomayor - Bodabergantinhos

Vén isto a conto de que cae nas miñas mans a publicación de 2012 dos Amigos. Utilizan, para a portada, un fragmento de ‘Comida de boda en Bergantiños’, de Álvarez de Sotomayor (1917, colección privada da familia Borrell). Dentro, a actualización de socios: algúns, clásicos (Alberto ou La Barra, de Lugo), e outros máis ou menos novos na familia (Galileo ou Durán), e, coma sempre, unha selección de receitas, unha por cada un dos restaurantes socios (poñamos por caso o Sanmartiño ao Forno da Taberna del Náutico de Sanxenxo ou a Pescada ao albariño do Mesón Gallego de san Xoan de Porto Rico).

Restaurante D'Berto01  Restaurante D'Berto00

D’Berto, en O Grove, é membro de pleno dereito dos Amigos da cociña galega.
Nalgún momento da comida tiven a difusa sensación de estar no final dos oitenta, en Casa Vilas, con aquel concepto, con aquela filosofía trasladada ao mínimo detalle, con aquel clásico que foi e segue a ser a pescada con grelos.
Se existe o tópico da cociña baseada no produto, se segue vivo nun mundo tan amplo, tan diversificado como o da gastronomía deste principio de século, é en Berto. A publicidade tira a dar; e acerta de pleno: ‘Especialidade en Peixes e Mariscos de Gran Tamaño’.

Restaurante D'Berto03

O local é de tamaño medio, con dous espazos diferentes. Decoración comedida, xusta, clásica sen excesos, moi agradable. Servizo correcto con especial atención para Berto coa súa dedicación ás relacións públicas, a destacar o mellor do día sen reservarse o prezo, ollo avizor a que todo estea perfecto, preocupado porque cada cliente sexa único e estea a gusto na súa casa.

Restaurante D'Berto04     Restaurante D'Berto05

Estamos a venres ao mediodía, en medio da ponte de Santos, e, sen reserva, tivemos bastante sorte cando conseguimos que nos atopasen acomodo.
Carta ampla e sen sorpresas. Marisco, peixe e algunha que outra carne. Produto. Produto. E produto.

Restaurante D'Berto06  Restaurante D'Berto07
Restaurante D'Berto08       Restaurante D'Berto09

Un preparado de legumes e produtos do mar en vinagre (oferta da casa); para os amigos do vinagre, coma min, simplemente sensacional.
A empanada do día resulta ser, tamén, dun riquísimo variado de froitos do mar; a masa, incriblemente fina, delicada, crocante; o compango, sen comparación.
Ameixas á tixola. Un aire de sartén e un lixeiro prebe con alliño moi picado e perexil. Uf! Hai que estar na ría de Arousa para comer estas ameixas… Enormes, case vivas, carnosas, sabendo a mar.

Restaurante D'Berto10     Restaurante D'Berto11

Carmen vaise por un peixe sapo rebozado (acompañado de pataca cocida e unha presa de grelos) e eu tiro polo guiso de rodaballo.
Sen menosprezar o rodaballo, sorpréndeme moi gratamente o peixe sapo. Así como Carmen é moi amiga do pixín, eu son de sabores máis intensos. Creo que poucas veces (nunca?) probei un peixe sapo tan saboroso como este; o rebozado non só non resta senón que suma sabor á proposta principal. Único. Riquísimo.

Restaurante D'Berto13

Piña ao forno con xelado de nata. Xa quedaba pouco espazo e compartimos esta sobremesa melosa, refrescante, equilibrio perfecto de contrastes, de acidez e dozura, de frío e quente, de textura fibrosa e cremosa.

Restaurante D'Berto02

Non imos enganarnos. Comer en D’Berto é un luxo, reservado para un día especial. Coa botella de viño pequena e un café, andamos polos 55 € cada un. E iso que xa vedes, sen excesos, sen eses camaróns do tamaño de lagostinos que vemos pasar, sen as cigalas iguais ao meu antebrazo, sen Pingus…
Estamos ante a eterna discusión. Son moitos cartos, en especial para os tempos que corren. Pero, acaso a comida non o vale? Que recibimos a cambio deses 55 euros? Pois xa vedes: produto de máxima calidade reforzado con preparacións impecables que, aínda que pareza mentira, logran mellorar o inmellorable.
’Cociña e Bodega, galegas’.

Restaurante D’Berto
Avenida Teniente Domínguez, 84
36980. O Grove
Tlfno: 986 733 447
Web
Enderezo-E
Localización en Mapas de Google
mellor restaurante galego de c,le
Repsol: 1 Sol
Michelín: Mencionado
TripAdvisor: Lugar 22 de Galicia, 2º en O Grove
Verema:  7.5 puntos