o miolo

comer en santa uxía de riveira

Nas últimas semanas fixemos un par de excursión polo Barbanza.

P1080357

P1080348P1080439

O primeiro día, era sábado, non levabamos nada previsto, e o gusaniño asaltounos de paseo por Riveira.
Sen otro recurso a man, decidimos pedir axuda a Vicente, que disque come onde vai a xente e así nunca falla.
Deste xeito asaltamos ao primeiro home co que nos cruzamos e con feituras de ser un bo comellón da terra. En efecto. Era da terra. E, ademais, larpeiro, solícito, falengueiro e colega de profesión, xubilado, pero colega.

Falounos, en esencia, de catro locais.
Un, na saída cara á Pobra, a carón do colexio, de sona Fontao. De diario, boa comida e bo prezo.
O segundo, Casa Hermo, en Oleiros, na estrada de Porto do Son. Moi recomendable, moita sona na zona, sáese un pouco da normalidade.
O terceiro, o Xardín, no centro. Tradicional. ‘Especialmente recomendable para mariscos e peixes’.
E deixa para o final o que valora como a mellor relación calidade-prezo de toda Riveira: O Penín.

Como está ‘aquí ao lado’ acompáñanos para confirmar que o sábado é o día de descanso do Penín. O detalle é, cando menos, curioso.
Dado que para ir aod dous primeiros habemos de coller o coche, seguimos as instrucións do noso novo amigo para encamiñarnos cara ao Xardín.

Restaurante O Xardín Riveira 4 Restaurante O Xardín Riveira 5 Restaurante O Xardín Riveira 7

Estamos ante un local clásico no que destaca a bodega do fondo, climatizada e separada do comedor por vidros. Non moita xente; ademais da nosa, outras dúas mesas. Servizo correcto. Carta segundo o anunciado: moi ampla e especializada na mar. Sorprendente carta de viños, da que eliximos un albariño de gama media.

Restaurante O Xardín Riveira 12  Restaurante O Xardín Riveira 13

Compartimos entrantes: empanada do día (delicadeza da casa), uns chinchiños en escabeche e unhas ameixas á mariñeira. Para o segundo repartímonos en parellas: dous salmonetes e dous sanmartiños.

Restaurante O Xardín Riveira 16 Restaurante O Xardín Riveira 17 Restaurante O Xardín Riveira 18

De sobremesa unhas filloas, unha torta da avoa (de galleta) e dúas de queixo.
Cos cafés e as pingas achegámonos case aos 80 euros por parella.
A comida estivo ben. Sen máis espaventos. Correcta, O.K. que dirían os americanos.

Casa Penín Riveira 1

A semana seguinte o venres era festivo e decidimos repetir excursión (neste caso o turismo tocaba no camiño de volta, en Rianxo), para ver de probar o Penín.
Local tamén tradicional aínda que con menos pretensións, menos coidado nos detalles e cheo ata a bandeira.
Menú do día en base a tres ou catro primeiros (sopa, fabada, salpicón de peixe…), seis ou sete pratos fortes (lembro algún polo, un guiso de bacallao, e outras tantas sobremesas.

Casa Penín Riveira 3 Casa Penín Riveira 4

Decantámonos polo salpicón (a maioría), e pola fabada (eu). O salpicón, rectificando un pouco o aliño, estaba realmente bo, pero sen dúbida quedo coa miña fabada.

Casa Penín Riveira 5  Casa Penín Riveira 6

Para o segundo coincidimos os catro na caldeirada de raia.
De sobremesa, de novo dúas tortas de queixo, de novo unha de galleta e eu, coma sempre, por libre: queixo con marmelo.
O viño tinto, caseiro, houben de disimulalo con gasosa para que non me fixese un burato no estómago. Cafés e pingas. Prezo do menú: 10 euros por persoa.
A valoración global desta comida é semellante á da semana pasada: ben, sen foguetes pero ben, moi correcta, neste caso a forza quizá está máis nas elaboracións, pois non podemos esquecer que estamos ante un menú do día.

P1080458 P1080463 P1080460

Estes dous exemplos ilustran á perfección a tendencia destas últimas semanas.
Nos tempos que corren prefiro tres comidas do tipo Penín para, á cuarta ou se é necesario a quinta, poder facer un pequeno (ou grande) exceso.
O outro, comidas preto dos 40 Euros (non esquezamos que polo prezo dunha persoa no Xardín comimos os catro en Penín), xa case é o exceso, e hai que pensar moito antes de facelas.
En ningún caso me compensa facelas atendendeo a unha oferta que queda un pouco en terreo de ninguén.

Ver en Mapas de Google os restaurantes en Santa Uxía de Riveira

Antes de pasar ao listado completo dos 100 mellores restaurantes de Galicia (elaborado coas matizacións realizadas en Os mellores restaurantes de Galicia. Fontes e en Os mellores restaurantes de Galicia. Metodoloxía), quero comezar cunha serie de consideracións xerais.

100mellores

- O primeiro aspecto que chama poderosamente a atención é que, globalmente, o listado tende a equilibrar as recomendacións das distintas guías.

- Se collemos os 10 primeiros restaurantes do listado, oito teñen algún sol Repsol e seis estrela Michelín.

- Hai dous restaurantes que se coan no cadro de honra dos dez primeiros sen merecer a beizón de ningunha das dúas guías, son Artabria e A Mundiña, os dous en A Coruña. Isto ocorre porque, sen acadar mencións especiais, están nos catro listados. Artabria, en concreto é o 4º restaurante mellor valorado polos usuarios de TripAdvisor.

- A falta de recoñecemento de Michelín a determinados locais galegos xa é clásica e perfectamente documentada. Galileo (Santa Baia, Pereiro de Aguiar), ten dous soles Repsol que, unidos ao recoñecemento do público xeral, fan que ocupe o lugar 8 de toda Galicia. Para Michelín apenas merece a distinción de ‘lugar especialmente agradable’.

- Outra mención salientable, neste caso quizá por ser o máis novo entre os dez primeiros clasificados, é para Culler de Pau (O Grove). É o terceiro restaurante mellor valorado en toda Galicia por parte dos usuarios de TripAdvisor, recoñecemento compartido por Repsol (1 sol), pero non pola Michelín, que simplemente o inclúe na guía.

- Son sete os restaurantes cun Sol repsol que non chegan ao cadro de honra dos dez primeiros. D’Berto (O Grove) e Nito (Viveiro) (13), La Oca (Vigo) (17), Casa Pardo (A Coruña) (19) e A Rexidora (Bentraces, Barbadás), El Refugio (Oleiros) e Bóveda (Carril-Vilagarcía) (os tres no 28).

- Os tres casos máis significativos de discrepancia global son Alfredo (Mos) e Ana e Dos Reis (Santiago). Os tres teñen Sol Repsol, pero unicamente están nesta guía.

- As catro estrelas Michelín que non dan o salto ao cadro de honra son A Estación (Cambre) (11), Alborada (A Coruña) e As Garzas (Malpica) (15) e Silabario (Tui) (18).

- Entre os 10 restaurantes mellor valorados polos usuarios de TripAdvisor atopamos unicamente dous no cadro de honra: Marcelo (8º en TAdvisor) e o mencionado Artabria (4º).
No extremo contrario están 5 locais que figuran entre os 10 primeiros de TripAdvisor pero que entran ao noso listado pola quenda de repesca xa que só están nesa lista. (Matías Locanda, Sarria, 1º; O curro da parra, Santiago, 5º; Forno, Noia, 7º; Casa Rita, Baiona, 9º; e A Tafona, Santiago, 10º).

- 77 restaurantes galegos están na Michelín ou na Repsol pero non nas dúas ao tempo e tampouco en Tripadvisor ou Verema. Se exceptuamos os 8 que entran na repesca por ter Sol Repsol ou BGourmand Michelín, o resto non atopan lugar na nosa listaxe.

100mellores

En fin, que cada quen procure as súas propias curiosidades na listaxe completa que, esta vez si, será a próxima entrega.

comer por catro cans

No post Crise? Quen dixo crise? deixaba unha porta aberta que é tempo de pechar.
A tese central da entrada era que no pozo no que nos movemos resulta necesario mergullar moi polo miúdo para gastar os poucos aforros que nos queden nun restaurante.
Na parte alta temos información abondo, pero ocorréuseme fiar aínda máis fino coa miña particular aportación sobre Os mellores resturantes galegos.

casa-marcelo solla culler de pau 3 O-Retiro-da-Costina-12853 pepevieira

A zona media resúltame cada vez menos apetecible. Pouco clara, sen definir, dalgún xeito prezo medio por calidade media. Na maioría dos casos, mediocridade que non anima moito. Gastar trinta ou corenta euros/persoa por unha comida que non aporta nada, non me seduce.
As mellores excepcións, que seguro que as hai, dalgunha maneira asomaran no listado anterior.

O muiño do ferreiro 12O muiño do ferreiro 13

É tempo, pois, de falar de locais de baixo custo e oferta, cando menos, acetable.
Ademais dalgunha confirmación clara, A Ruda, en Castrelo-Cambados, carta ampla, boa cociña, sobremesas caseiras, éxito garantizado polos 10-12 euros persoa, ultimamente coñecimos algún máis deses clásicos furanchos reconvertidos a locais de difícil clasificación.

O muiño do ferreiro 2O muiño do ferreiro 3

O caso máis destacado destas últimas semanas é O Muíño do Ferreiro (Daniel o Ferreiro), que ocupa un dos vellos muíños da Ruta de Simes-Lores.
Oferta de furancho ampliada con empanadas (a do día, de lacón con grelos, fantástica), chourizos ao inferno, orella, croquetas, táboa de lacón etc. Un par de sobremesas caseiras entre as que normalmente non falla a torta de galletas da avoa.

O muiño do ferreiro 9 O muiño do ferreiro 11

Contorno exquisito, perfecto para o verán, para despois de facerse a ruta ou de descansar na praia de céspede que hai a carón do muíño.
Facebook de O Muíño do Ferreiro.
Localización en Mapas de Google.
Por certo, disque a partir destes mesmos días, o Muíño abre sucursal de inverno moi cerca do orixinal, na casa familiar en Lores.

Ruta dos muiños de Lores 09   Ruta dos muiños de Lores 22

Falando de locais de comida ‘Low Cost’, hai unhas semanas invitáronme a unha experiencia realmente interesante.
Rafael Palacio (Asturias, si yo supiera, si yo pudiera contarte…) anda a preparar o seu salto a Vigo. Anda co local, a decoración, a carta, os viños…
Segundo el mesmo me dicía, pretende ser un local de prezo baixo (menú do día non superior aos 10€, comida á carta por debaixo dos 20) pero sen renunciar á cualidade, ou, o que é o mesmo, ‘realizar unha oferta cualitativamente superior á media de locais de diario’.

Comida1 Comida2 Comida3

Na busca da utopía, reuniunos a un grupo de coñecidos cos ínfulas culinarias para probar novos cortes de carne e cinco viños que, sendo baratos, ofrecen unhas cualidades bastante máis que decentes.
Non toda a carne ten que ser solombo, secreto ou chuleta de boi; calquera destes cortes, se é de garantías, hai que pagalo.
Ou si pode ser secreto, pero non necesariamente de ibérico.
Dicía Falo que algún dos cortes (todos eles magníficos) pode poñerse en prato, con gornición, por 5-6 euros ración.

Comida en casa de Falo 1

Creo que se trata exactamente diso: de buscar debaixo das pedras para ofrecer cualidade a baixo prezo.

Na entrada precedente (Os mellores restaurantes de Galicia. Fontes) introducía a miña intención de facer un ranking de restaurantes galegos segundo a valoración das guías e dos usuarios.
Explicaba como, despois dun período de reflexión, acababa decantándome pola análise da Guía Repsol, da Michelín e das webs TripAdvisor e Verema

guia_repsol_iphone

Guía Repsol 2012. A Repsol valora os restaurantes con soles (1, 2 e 3 soles), a continuación destaca unha serie de ‘recomendados’ e, xa por fin, están os que aparecen unicamente mencionados.
Para elaborar a miña lista decidín outorgar 10 puntos aos restaurantes con 2 soles (en Galicia, polo momento, non hai ningún de tres), 8 puntos para os 1 sol, 5 para os recomendados e 3 puntos para os mencionados.
Cómpre salientar que os catro ‘dous soles Repsol’ en Galicia son Casa Solla, Galileo, Marcelo e Pepe Vieira.

Guia-Michelin-400x300

Guía Michelín 2012. Dun xeito semellante a Repsol, Michelín clasifica os restaurantes por estrelas (1, 2 e 3 estrelas); a continuación hai unha serie de recomendados baixo o nome de Bib Gourmand (‘establecemento que ofrece unha cociña de calidade, xeralmente de tipo rexional, a menos de 35€). A cualificación de ‘Agradables’ é para aqueles locais que resultan ‘especialmente agradables tanto polas características del edificio, la decoración orixinal, o emprazamento, o trato e os servizos que ofrece’. Por último temos os restaurantes que simplemente ‘están’, sen maior mención.
Neste caso decidín outorgar 10 puntos aos restaurantes con máxima puntuación en Galicia (1 estrela). Os Bib gourmand reciben 6 puntos, os ‘agradables’ 4, e xa por fin os mencionados 3 puntos.
Reciben a máxima nota en Galicia (1 estrela): Alborada, Casa Solla, Culler de Pau, As Garzas, Marcelo, Maruja Limón, Pepe Vieira, O Retiro da costiña, Silabario e Yayo Daporta.

tripadvisorlogo

TripAdvisor. Salientar que os datos de Tripadvisor tomeinos na segunda semana de outubro de 2012 (as modificación son constantes). A súa listaxe elabórase en base á participación e opinión dos visitantes. Os datos que solicita cada vez que queres opinar sobre un restaurante son:

- Puntuación global do restaurante (de 1 a 5. Excelente, Moi bo, Normal, Malo, Pésimo)
- Tipo de Visita (en familia, en parella, negocios, con amigos…)
- Data da visita (mes e ano)
- Valoración por conceptos (de 1 a 5):
          . Servizo
          . Comida
          . Relación prezo-calidade
          . Ambiente
- Custo. (De 1 a 4 €: 1: Local de comida rápida, autoservizo; 2: Servizo en mesa sen moita pretensión; 3: Cenas formais; 4: Bastante caro, para ocasións especiais).
- Outros servizos (Reservas, Terraza Exterior, Vistas, Entrega a domicilio…)

Cos datos das diferentes valoracións, ponderados co número total de opinións, e a través dunha fórmula propia e ‘secreta’, TripAdvisor outorga a cada restaurante unha ‘porcentaxe de aceptación’ global. Este dato é a clave para logo ordenar os restaurantes ben sexa por localidade, provincia, etc. Así, un restaurante cunha ‘recomendación’ do 96% en base a 35 opinións ocupará un posto máis alto que outro con aceptación do 100% pero unicamente en base a 12 opinións.

Para o noso traballo ordenamos por aceptación os 1807 restaurantes galegos que aparecen en Tripadvisor. Outorgamos 10 puntos aos que ocupan os 5 primeiros lugares; 9 puntos do sexto ao décimo; 8 puntos do 11 ao 20; 7, do 21 ao 30; 6 do 31 ao 40; 5 puntos lugares 41 a 60; 4 puntos de 61 a 80; 3 puntos de 81 a 100, 2 puntos dos postos 101 a 200 e 1 punto a todos os restaurantes que ocupan os postos entre o 201 e o 300.

verema5

Verema. Ao final decidín incluír as puntuacións de Verema daqueles restaurantes que teñen máis de dez opinións. Os usuarios puntúan cada restaurante de 0 a 10, e o resultado da media é a valoración global do restaurante. Esta puntuación é a que contabiliza na suma final.

cabe_sidebar

A listaxe final de Como logo existo é o resultado de ordenar os restaurantes galegos en base á suma das puntuacións anteriores coas seguintes matizacións:

- Na lista definitiva están os restaurantes que aparecen, cando menos, en dúas das catro guías.

- No caso de Tripadvisor e Verema soamente se consideraron aqueles restaurantes cun número total de opinións igual ou superior ás dez.

- Como elemento ‘ponderador’ outorguei a cada restaurante 2 puntos adicionais por cada unha das guías nas que aparece coas condicións xerais establecidas.

- A efectos de desempate para o lugar na lista definitiva utilicei os datos de Verema e TripAdvisor de restaurantes por debaixo dos dez votos.

- Unha vez realizada a listaxe anterior (79 restaurantes), e para chegar aos 100, utilicei, por orde, os seguintes criterios:

          . Incluír os restaurantes con presenza nunha única guía pero en lugar destacado nesa guía (TripAdvisor postos 1 ao 10: 5 restaurantes; Repsol: 1 sol ou ‘recomendados: 3 restaurantes; Michelín: BGourmand: 5 restaurantes; Verema: por riba dos 8 puntos sobre dez: 1 restaurante.
          . Incluír os restaurantes que aparecen en TripAdvisor en postos ata o 100 pero cun número de votos-opinións moi alto, por riba dos setenta.
          . Así estabamos nos 95 restaurantes, así que por último, e como aposta persoal, decidín incluír cinco locais que non estaban por razóns obxectiva do estudo pero polos que sinto unha especial debilidade (e calquera deles, e desde o meu punto de vista, con méritos suficientes para estar).

Na próxima entrega (Os mellores restaurantes de Galicia. Resultados), veremos a onde nos conduciu toda esta historia. 
Xa vos adianto que non hai moita sorpresa aínda que si bastantes curiosidades.

Trátase dun proxecto que vén de vello.
En concreto desde que fixen este mesmo estudo para o Norte de Portugal.
A cuestión central era ver o trato que dan as guías gastronómicas aos restaurantes galegos e logo contrastar estes datos coas opinións das xentes de á pé.

verema guia_repsol[9] guia--michelin-[9] tripadvisorlogo

Para o primeiro paso, apenas había dúbidas: Repsol e Michelín son as guías de máis difusión e, a día de hoxe, case as únicas que sobreviven á crise; clásicos como Gourmetour xa son historia.
A principal discrepancia comigo mesmo foi no momento de decidir se Lo mejor de la gastronomía entraba no estudo ou non. Ao final, entre a sona de elitistas e o criterio un tanto caprichoso que se lle adxudica nalgúns círculos gastronómicos, decanteime por non incluílo. E todo caso, estes son os seus datos: Casa Solla, Marcelo, Culler de Pau e Pepe Vieira, 8 puntos sobre dez. Banastería, Casa Pardo, El Refugio, Galileo, Rotilio, Maruja Limón e Playa Club, 7 puntos, e Mesón O Pote, 5,5 puntos.

Bar a Meca 12   Restaurante Shis Porto 21

O problema de máis peso xurdiu á hora de coñecer a opinión dos usuarios.
O primeiro sesgo atopámolo en que os datos deben saír necesariamente de Internet, polo que a poboación xa ten un claro elemento de desvío. Sen valorar nin o sentido nin a intensidade desta desviación, está claro que existe e debemos considerala.
O segundo elemento a ter en conta é que, para adquirir algún valor, o número de opinións ou valoracións dun mesmo local debe ser significativo. Non nos vale un restaurante cunha altísima cualificación resultado de catro opinións (ninguén nos garantiza que non se trate dos votos do dono, de dous dos seus curmáns e do cuñado).
Tampouco nos valen as opinións que asoman desde blogs coma o presente.

zagat        tripadvisorlogo     verema

Son moi poucos os sitios Web dedicados á restauración nos que os usuarios podemos participar e puntuar.
Se ben Zagat é un peso pesado neste perfil, a súa penetración en Galicia é practicamente nula. Haberá que estar ao loro para ver que xiro toma despois de ser fagotizada polo xigante Google.
Verema é outra páxina de éxito…  limitado ao que é o seu inicio e interese central: os viños. A sección de restaurantes non pasa de ser anecdótica; entre os galegos, son poucos os que acumulan máis de 5 opinións; atopar restaurantes con máis de 10 votos resulta case imposible. De todas maneiras, utilizamos os datos de Verema de cara a desfacer empates na puntuación.

TripAdvisor-icon

O único site que empeza a asomar timidamente a cabeza no tocante á participación dos usuarios é TripAdvisor. Son moitos os restaurantes que pasan dos dez votos e hainos que chegan aos cincuenta.

Do resto, intentos como atrapalo.com ou guiadelocio.com, non merecen nin a mención. Por certo, e neste senso, destacar que a sección de participación de usuarios de viamichelin.com tamén carece de fiabilidade: un restaurante como Solla, con unha estrela na guía, ten 2 votos de afeccionados.

En próximas entregas veremos o xeito concreto de facer a clasificación (Os mellores restaurantes de Galicia. Metodoloxía) e, claro, os resultados obtidos (Os mellores restaurantes galegos. Resultados).