o miolo

Mostrando postagens com marcador salnés. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador salnés. Mostrar todas as postagens

Ou, o que é o mesmo, aquilo de falar da feria segundo che foi nela.
Ademais dos tópicos, modas, costumes e outras bagatelas, é o outra das grandes trampas coa que nos atopamos cando se trata de valorar un restaurante: a subxectividade. Abonda unha mínima parvada, un detalle nimio, o aleteo dunha mosca para encumbrar ou botar polo chan a credibilidade dunha casa de comidas.

crucerail

Isto das opinións funciona como as bólas de neve: é suficiente cunha pedriña, unha pequena saída do rail, unha elección equivocada para que a partir de aí o camiño se torza por completo e acabes onde non querias: valorando todo en negativo.
E tamén o contrario.
Un día de sol, a simpatía do persoal, unha especial predisposición poden axudar a limar asperezas e que todo che conduza a unha valoración en positivo na que esqueces as pequenas (ou non tan pequenas) eivas.

A Ponte

Foi así que nesta fin de semana decidimos saír do círculo de preferencias, abrir os ollos a novas refencias e repensar o tema das segundas oportunidades.
E foi así que o domingo acabamos facendo unha magnífica comida, e a moi bo prezo, no Bar O Risón, na Illa.

eltuno

Hoxe luns, para algúns afortunados ponte das Letras Galegas, era o momento de probar o número un dos restaurantes da Illa de Arousa segundo os internautas de Trip Advisor: o restaurante O Tuno.
Previa reserva, alá nos fomos con Maru, Diego e os dous rapaces.

O local, coidado, pero non di moito. Estética clásica, de mesón, con detalles mariñeiros polas paredes. Arredor de dez mesas no comedor interior e a terraza, no paseo do Cantiño, aproveitada ao máximo. Por certo, en hora punta, e a pesar de ser luns, practicamente cartel de completo.
As rapazas que nos atenden, extremadamente amables, próximas, solícitas, cunha preocupación extrema polo benestar dos nenos.

O Tuno A Illa 10

A carta é moi ampla. Baseada no produto do mar, aporta pequenos detalles de diferenza: o paté de mexillón, un salteado de polbo e lagostinos ou ese brazo de xitano de marisco que figura no prato do día de hoxe (primeiro, segundo e sobremesa, 10€). Pero, ademais, unha oferta moi significativa de carnes que van desde o churrasco (tamén un menú do día con churrasco, ensalada e patacas fritidas por 9€) a un chuletón de boi (43€), pasando pola grellada de carne (12€ persoa). Prato combinado por 7€.
Logo, o típico: ameixas (13€), mexillóns (5), pescadiños da ría (5€), pementos de Padrón (4)… Grellada de peixes (12€ persoa), arroces (marisco 15€/p, choco 8€/p, lumbrigante 24€/p), fideuás (ameixas 9€/p, mexillóns 8€/persoa) ou os peixes (rodaballo 18€, espada 15€, robaliza 18€…) preparados a gusto do comensal.

O Tuno A Illa 12 O Tuno A Illa 13

Para entreter, e por conta da casa, o paté de mexillón: realmente rico.

O Tuno A Illa 15 O Tuno A Illa 17

De entrantes tiramos por unha de Polbo á feira, unha de Croquetas de marisco e unha de Luras rebozadas. O único puntiño negro da comida foi o polbo un chisco duro; non moito, pero faltáballe ese punto para poder dicir que estaba perfecto (que si podemos afirmar tanto das croquetas como das luras).

O Tuno A Illa 19 O Tuno A Illa 22
O Tuno A Illa 23 O Tuno A Illa 20

De prato, dúas de Fideuá de ameixas e dúas de Arroz de marisco.
Houbo división de opinións. Quen dixo que o arroz estaba espectacular, fóra de serie, e quen opinou que a realmente fantástica foi a fideuá.
Discusión inútil. Tanto un como a outra simplemente fantásticos. Ao arroz non lle faltaba de nada (cigala, lagostino, navalla, ameixa, mexillón), estaba meloso, no punto exacto e, sobre todo, saborosísimo.
Para min o prato do día foi a fideuá. Cociñada tipo paella (totalmente seca, punto polo que alguén deu o votou ao arroz), a pasta estaba, como poucas veces, ao dente, cunha consistencia moi difícil de lograr. E, por riba de todo, como no arroz, o mellor de todo, un sabor delicioso.
Podo afirmar, e sen moitas dúbidas, que estamos ante o arroz de marisco e a fideuá máis ricos que probei, a día de hoxe, na Illa.

O Tuno A Illa 27 O Tuno A Illa 28O Tuno A Illa 29

Para as sobremesas: unha torta de tres chocolates, o flan de augardente, flan de queixo e xelado.
Non tomamos cafés pero si nos obsequiamos cunha botella de Santiago Ruiz (15€). Ademais, augas e refrescos. Racións moi abundantes; co arroz ou a fideuá para dous comen perfectamente tres persoas (de feito levamos un bo táper de cada para a cea).
E con todo o anterior, pagamos 112€, ou o que é o mesmo, pouco máis dos 22€ por cabeza. Broche perfecto para unha comida fantástica.
Absolutamente recomendable. Creo que vai quedar como o noso preferido cando haxa que homenaxear ás visitas que nos veñen á Illa.

O Tuno
Paseo do Cantiño 21
36626. A Illa de Arousa.
986 527 446
649 17 72 83
GPS: 42.563297N,  8.869087O
Facebook
Cociña. Tradicional. De mar.
Prezo: 10-35€

Estamos de fin de semana na Illa.
Fin de semana relaxado no que pretendemos nin cociñar nin conducir.
Como solución de urxencia boto man de min mesmo e do historial deste blog.
Así, atopo que, despois de xa máis dun lustro, os nosos movementos deambulan por unha especie de sota-cabalo-rei plagado de re-visitas marcadas pola moda e a inercia.

copacubertospost

Desde a primeira aproximación, alá por abril de 2010, de título Comer na Illa de Arousa, os nomes son repetitivos. Que se A Salga, Punta Cabalo, Saratoga … e, como non, a meca da restauración da Illa: pois iso, A Meca.
Salvo algunha incorporación puntual que, aos poucos, pasa a formar parte da elite dos habituais (O Pescador, O Con do Sol, Coco Bao), escasa novidade.

cabe_sidebar

Así que desta, pensando en ampliar horizontes, pregúntolle a TripAdvisor polo que opinan os internautas das opcións para comer en Arousa cun mínimo de garantías. A sorpresa é morrocotuda. Na cabeza, de primeiro, o bar mellor valorado en Trip-Advisor é… o restaurante O Tuno.
Mea culpa.
Fartos de pasar y pasear polo Cantiño apenas tes ollos para A Meca.
O Tuno, un máis; un dos moitos bares que ateigan o paseo portuario de calquera poboación costeira de Galicia. Á sombra dos grandes nomes mediáticos, sen prestarlle maior atención e sen darlle a mínima oportunidade.
Outro tanto, e tamén no Paseo do Cantiño, poderiamos falar de O Risón, quinto en TripAdvisor. (Os outros tres dentro do podio de cinco serían, por esta orde, A Meca, A Salga e Punta Cabalo).

cabeceira

Erro gravísimo para un blog que pretende estar ao día e que ten na Illa de Arousa un dos seus puntos máis quentes.
Erro que podemos achacar á moda, á inercia, ao mito do valor seguro, elementos que, como vemos, poden resultar letais para quen quere e pretende saber o que de verdade se coce.
Erro que había que subsanar e que subsanamos nesta ponte.

O Risón A Illa 02

Para empezar, o domingo, achegámonos ao Risón.
No aspecto material, pouco que dicir: fotocopia de tantos que naceron con pouco máis que a pretensión de bar de viños. Local pequeno, sen estética definida, e una solicitada terraza na beirarrúa estirada ao máximo. O domingo, contra as dúas, xa había que facer cola para conseguir mesa (dentro e fóra).

O Risón A Illa 06

Pedimos unha caña, un Rioxa, e a ver que hai por aí. Mentres, e para abrir boca, obséquianos cunha tapiña dunha ensaladilla-salpicón que sabe a gloria.

O Risón A Illa 08 O Risón A Illa 10

Logo, xa en serio, unha tapa de polbo. Realmente bo. No seu punto de cocción, ben sazonado, non moi picante… Un bo polbo mesmo para o alto nivel que se respira en Arousa.

O Risón A Illa 11 O Risón A Illa 15

De prato, guiso de sargo. Rico, moi rico; na liña desas cataplanas portuguesas que tanto nos gustan: a base do mollo un tomate bastante rebaixado pero nitidamente saboroso. Ademais do peixe e a pataca, navallas e ameixas. Un plato digno de repetir.

O Risón A Illa 16

De sobremesa un moi digno flan de café.
Así, como volo conto, foron 44€, ou, o que é o mesmo, 22€ por cabeza. Contando con que o guiso para dous está nos 30€, os 14 restantes quedan para as bebidas, o polbo, o pan e as sobremesas. Paréceme un prezo moi axustado.

O Risón A Illa 01

A carta é ampla e típica. Polbo (11€), ameixas (12), navallas (12), zamburiñas (14), luras (9€)… E de prato, caldeirada de peixe para dúas persoas (40€), guiso de sargo, de peixe sapo ou de robaliza, para dous, 30€; sargo á prancha (18€), robaliza o linguado na prancha (20€) etc.

Como valoración e orientación final, unha opinión nítida e contundente: a comida no Risón estivo, cando menos, á mesma altura que as últimas que fixemos na Meca.

Bar O Risón
Paseo do Cantiño 11
36626. A Illa de Arousa
GPS: 42.563202N,  8.867823O
610 290 947
Cociña: Tradicional. Cociña do mar.
Prezo: 12-35€

cordeiro pascual en casa rodiño

Non é que sexa moito destas cousas, pero o certo é que por un aquel que non acabo de entender, este domingo antollóuseme cordeiro.

Casa Rodiño 01

Pensando, pensando, lembramos o cartelón amarelo que nos saúda á entrada de Meaño, e pensei tamén, que algo me roldaba na cabeza sobre comentarios satisfactorios desta Casa Rodiño.
Así que alá nos fomos.

Casa Rodiño 05 Casa Rodiño 06

A primeira impresión resultou bastante descorazonadora.
Comedor enorme –publicítanse para bodas e banquetes–, moi clasicote no seu estilo castelán; semella un restaurante de estrada de hai quince ou vinte anos. Hai unha única mesa ocupada por dúas persoas, feito que acentúa a desproporción dos espazos e unha certa sensación de friaxe.
Logo, aos poucos, vai chegando xente e máis xente e o comedor acaba bastante máis animado e cunha sensación de calor radicalmente distinta á inicial.

A carta tamén resulta clásica. Entrantes, Mariscos, Pescados… Anexo a bolígrafo coas que semellan ser as especialidades da casa; no día de hoxe: calamares fritos, croquetas caseiras, linguado na prancha, entrecosto de tenreira, paleta de cordeiro, cordeiro ao forno e cocido.
Ovos caseiros con chourizo, espárragos con maionesa, ensalada mixta, polbo, gambas, sopa do cocido, etc.

Casa Rodiño 07 Casa Rodiño 08

Probamos unhas ameixas a mariñeira que manteñen perfectamente o tipo.
Vexo que os que os que semellan clientes da casa tiran polas navallas. Por algo será.
E logo, claro, o cordeiro. Seica é o leitmotiv do local pois, ata onde a vista me alcanza, é o que pedimos practicamente todas as mesas (agás unha, que se vai polo cocido).

Casa Rodiño 09 Casa Rodiño 12

E comprobamos que hai motivos.
O cordeiro vén directamente do forno en tarteira de barro. Asado sen máis, no seu propio mollo, sen máis historias, tan simple como delicioso; acompañado dunhas pataquiñas fritidas no momento que saben a gloria.
O cordeiro xustifica con creces a súa sona e, sabendo ao que vas, fai esquecer os pequenos inconvenientes do espazo.
Racións moi amplas con variedade nas talladas; desde unha pata –a miña debilidade–, ata un par de anacos de costela –bocado preferido por Carmen–.

Casa Rodiño 13 Casa Rodiño 15

Sobremesas tamén típicas. Torta de queixo, queixo con marmelo, xelados… Pedimos as cañitas recheadas de crema e o flan caseiro. Sendo dous clásicos, acadan un bo nivel para rematar a comida.

Bebemos auga e un par de copas dun Mencía normal, sen maior historia, e pagamos 22 euros cada un.
Coincidimos en que se trata dun prezo moi axustado para unha comida que, globalmente, pagou a pena.

Casa Rodiño
Cuvela 17
36968, Meaño, Pontevedra
Teléfono: 615 680 522
GPS: 42.447918N,   08.783621O

comer (ben) nun muíño

Os muíños están de moda.
Recoñezo que si, que a maioría están en paraxes paradisíacas que se venden por si soas (fóra) e moitos foron rehabilitados con criterio (por fóra e dentro).
Pero non abonda con isto.
Se do que se trata é de reconvertelos en locais de comida deben, ademais, ofrecer comida (e non só dar cousas de comer).

 Muiño da Birla 01 Muiño da Birla 02

Onte, o grupo da Illa, para despedir a tempada de verán (a de verán, pois xa temos por aí algún que outro proxecto outonal), comimos nun muíño que reúne todos os requisitos para ser un local recomendable.
Chámase Muíño da Birta, está no lugar de Abuín, en Dena (Meaño), e en apenas un ano xa ten unha boa dose de clientela fiel.

Muiño da Birla 09 Muiño da Birla 10

Se algo diferenza o Muíño da Birta de locais veciños de apariencia semellante, é a carta. Ademais da tortilla, os calamares, as croquetas, o churrasco…, destacan unha serie de pratos máis elaborados, como o picantón en mollo de perdiz, o rabo de boi estufado, a faceira ou o bacallao á tranca.

Muiño da Birta 19 Muiño da Birta 20 Muiño da Birta 21

De entrante pedimos unhas croquetas de choco, unhas xoubas e uns chinchos. As croquetas, boísimas, e os peixiños resoltos con absoluta eficiencia: moi ben fritiños.

Muiño da Birta 23 Muiño da Birta 24Muiño da Birta 26 Muiño da Birta 29

Nos segundos houbo opcións para todos os gustos e os comentarios foron todos moi compracentes. A costela de tenreira, o rabo estufado, a costela de porco e os filetes de croca á prancha. Probei o rabo (disque un dos pratos estrela da casa) e estaba realmente bo; se acaso, o mollo un chisco desleigado, co aceite demasiado evidente, pero rico.

Muiño da Birta 28

Eu, desde que o lin na carta, quedei na cabeza co picantón en mollo de pediz. E non me defraudou; estaba realmente rico.
Comimos cunha botella de albariño caseiro, outra de tinto mencía (Cepa vella), e bastante auga.

Muiño da Birta 30 Muiño da Birta 31Muiño da Birta 34

Coas sobremesas tamén cubrimos unha parte imortante da carta, desde as filloas (sen nada ou recheadas de mel, de chocolate, de nata, crema…), ata o flan de café, pasando polas tartas de chocolate (branco ou negro) ou polas de queixo.
O meu flan de café (con xelatina de café por riba), estaba saborosísimo.

Muiño da Birta 43 Muiño da Birta 44 Muiño da Birta 50

Xa logo, fóra, nunha terraciña realmente apetecible, pasamos aos cafés e ás copas.
As copas son outro dos atractivos deste Muíño da Birta; mojitos (clásico, de amorodo ou de piña), as caipiriñas (tradicional, de kiwi, ou vozka), daiquiris, o cóctel Brita (ron dourado, licor de toxo, licor de plátano, soda, azucre de caña, menta e lima), os sen alcol (San Francisco ou mojito sen alcol), etc.
Tiramos polos mojitos (tres) e polas tradicionais gotas para o café.

Muiño da Birta 16 Muiño da Birta 08

Todo o anterior saíu por 24€ persoa, prezo que me pareceu moi axustado para todo o que comimos e bebimos.

Muiño da Birta 06Muiño da Birta 07

Durante a semana teñen un menú do día de 8,50€ que pode funcionar moi ben.
Un muíño moi recomendable ao que me dá que imos volver.

O muíño da Birta
Lugar de Abuín, Dena
36968, Meaño
Teléfono: 691 383 882
GPS: 42º26’17.78”N  08º48’30.38”W
Localización en Mapas de Google
info@muinodabirta.com
Web