o miolo

Mostrando postagens com marcador blog. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador blog. Mostrar todas as postagens

comer en vigo

Como o prometido é débeda, aí van algunhas pinceladas sobre os restaurantes que disque son os que máis se moven en Vigo.
Tomando como base as guías gastronómicas ao uso os restaurantes destacados que atopamos son:
Maruja Limón. Líder indiscutible dos restaurantes de Vigo. Dous soles da Repsol, Estrela Michelín e presenza destacada nas webs de contido xerado polos usuarios (a día de hoxe, sexto restaurante de Vigo mellor valorado en TripAdvisor. Ademais, está en todos os blogs, redes sociais etc. que falan da gastronomía de Vigo.
marujalimon
Marina Davila. Recomendado pola Repsol e presenza na Michelín. Non entra nos dez primeiros de TripAdvisor (posto 13º) pero si asoma cada vez máis por blogs e redes sociais.
marinadavila
Bitadorna. Está na Repsol e na Michelín. Pouca presenza e apoios en Internet.
bitadorna
Asador Soriano. Está na Repsol e na Michelín. 12º en TripAdvisor.
Vigo-Soriano
Casa Marco. BigGourmand da Michelín e número 1 dos restaurantes de Vigo en TripAdvisor.
casamarco
Timón Playa. Recomendado pola guía Repsol.
Vigo-TimónPlaya
Outros restaurantes de Vigo que aparecen nunha das dúas guías de referencia:
Restaurantes con posición destacada nas webs de contidos elaborados polos usuarios:
  • TripAdvisor: 1 Marco; 2 Follas Novas; 3 The Otilio Bar; 4 Tapas Areal; 5 O Portón; 6 Maruja Limón; 7 La Carpintería; 8 El Puerto; 9 Zona Cero; 10 Chilam Balam.
  • Gastroranking: 1 The Coffee Land; 2 Follas Novas; 3 Marco; 4 Asador Soriano; 5 The Otilio Bar; 6 Chilam Balam; 7 Terrae; 8 La Carpintería; 9 Tapas Areal; 10 El Puerto.
Entre os anteriores hai dous que quizá destacan un pouco sobre os demais pola súa presenza, ademais, en blogs en redes sociais:
Othilio
La Carpinteria Web
Algo que salientar?
Pois claro. Alguén que estea minimamente ao tanto do que se coce polos fogóns Vigo adiante botará algúns nomes en falta.
(OSushi, Ruxe Ruxe, Lume de Carozo, La trastienda del cuatro, Patouro, Lobo de Mar, DaVid, Alameda XXI, La Contenta, etc.)
Ata agora todo ben, lóxico, sen sobresaltos; todos os restaurantes nomeados teñen que estar aí, sen dúbida. Pero… fáltanme moitos. Boto de menos o que realmente se move en Vigo, o que está, digamos, ‘de moda’ (que non é pouco).
Vaia como reflexión que ata o momento só temos a referencia dun restaurante da zona, a día de hoxe, con máis efervescencia de Vigo: o Casco Vello. Falamos de El Mosquito que, despois do cambio de xerencia, xa non é o que era e disque vive un pouco de rendas, para turistas, nostálxicos e despistados.
Hoxe non das tres pasos polo Casco Vello sen atopar un local para tomar unha cervexa, un viño, unha tapa, un pincho, unha táboa, un bocado orixinal… Rara é a semana na que non nace un novo proxecto.
Imposible controlalo todo.

travi
Ocórreseme, como solución (e tal vez, como homenaxe), facer un listado dos locais referenciados por Travi durante o ano 2015 e ata o día de hoxe. Seguirán sen estar todos os que deberían, pero é unha aproximación bastante fidedigna aos que si están.
  • Ao loro coas tapas de cortesía do Zoom Zoom Café (Rosalía de Castro 19)
  • Cea de maridaxe no Alameda XXI (Hotel Nagari, Praza de Compostela 19)
  • Cocido da Reconquista no Bar Primavera (Ronda de don Bosco 17)
  • Urbanic. Tenda-Degustación alimentación saudable (Ronda de don Bosco  22)
  • Almorzo saudable en The coffe land (Serafín Avendaño 8)
  • Saír do sota-cabalo-rei en La pulpería de Maruja (Laxe 9)
  • Para sentirse Doraemon merendando en Suculenta (Barcelona 85)
  • Menú de degustación no renovado Room Kitchen and Bar (García Barbón 18)
  • De Petisquiño (conservas) en Artemar, tenda e degustación (Gamboa 20)
  • De Petisquiño (sorpresa) en La Consentida (Real 10)
  • De Petisquiño (agradable sorpresa) en María Manuela–La Guinda (Real 50)
  • De Petisquiño (carrillera) na Tapería Stefany (Oliva 16)
  • De Petisquiño (recomendado) en Picadillo (Fermín Penzol 10)
  • Almorzo saudable, e moi completo, en Vitruvia Café (Praza de Compostela 5)
  • The Otilio Bar: recomendable sen perigo de defraudar (Luis Taboada 9)
  • Hamburguesas de La Pintxoteca confirman sona precedente (Sombrereiros 2)
  • Agora xelados sen lactosa e outros edulcorantes en Capri (P. Compostela 36)
  • Non me canso nunca da Taberna A Mina (San Vicente 8)
  • Almorzo de rei en Matina (Abeleira Menéndez 26)
  • A catar o novo Maruja Limón (Montero Ríos 4)
  • Ruxe Ruxe: das cabezas pensantes máis inquedas de Vigo (México 10)
  • Boas carnes no restaurante temático The Hush Rock (Dr Carlos Colmeiro 4)
  • Cando un local é bo, ben merece unha repetición: A Mordiscos (Real 22)
  • Alimentos ecolóxicos, de tempada e proximidade en Terrae (Venezuela 76)
  • Encántame a carta estilo caderno-Rubio de La Contenta (Joaquín Yañez 1)
  • Cocktail e antolliños mexican style en Pénjamo SunBar (Laxe 11)
  • Almorzo en Sésamo Barkery Shop para celebrar 2000 seguidores (Ecuador 73)
  • De cata en Mizakaya (taberna xaponesa de Osushi) (Montero Ríos 18)
  • Pizzas para levar e tomar en Olivieta Pizza Al Taglio (Rosalía de Castro 17)
  • Modernización do Café Bar Belén para burguers molonas (García Barbón 103)
  • Benvida ao novo habitante do Vigo Vello: Cervexa artesanal Nós (Palma 3)
  • Poñéndonos as botas de galego-hamburguesas en Casa Galeguesa (Oporto 7)
  • Menú do día no Hiroki sushi bar (Paseo Alfonso XII 1)
  • Probando o servizo a domicilio do Taiyo sushi bar (Luís Taboada 12)
  • Falando cos chicos de La Pepita Burguer da súa expansión (Oporto 15)

E xa para rematar, para os que tivestes a paciencia de chegar ata aquí, unha breve reflexión sobre ‘onde buscar información sobre restaurantes nos que se come ben’? A día de hoxe a resposta pode resultar complexa pero, ao tempo, bastante clara e necesaria. Axuda a comprender todo o escrito ata o momento.
michelin repsol
Se falamos de guías gastronómicas, e a pesar dos tópicos, non temos outra que acudir á guía Repsol ou á Michelín.
Non hai moito, en Galicia podíamos ler libros como ‘Disfrutar Galicia. Guía de Restaurantes 2012’, de La voz de Galicia, ou ‘Escapadas de cuchara. Guía gastro-turística de Galicia’ da editorial Gaesa. Nun mundo tan cambiante como o dos restaurantes, unha de 2012 e outra de 2013, ambas resultan obsoletas. E o problema e que, a nivel impreso, nin se actualizan as clásicas nin aparecen novidades.
tripadvisor
Do que non existe dúbida é de que no século XXI a información está en Internet.
O problema: Internet produce tantísima información que resulta literalmente imposible abarcala toda; ademais, case no momento da publicación a maioría xa está caduca. Todo o que hoxe escribín aquí, en apenas un mes haberá que miralo con lupa. No tocante á información gastronómica de Internet, destaco catro fontes:
  • Páxinas Web clásicas. Con información estática e que acaban sendo máis un listado de restaurantes que unha auténtica guía orientativa. É o caso, por exemplo, da web ‘Galicia, o bo camiño’, oficial de Turismo de Galicia (Xunta). Se buscamos ‘restaurantes Vigo’, asoma un listado de 265 locais.
  • Blogs de restaurantes. Os blogs tiveron o seu momento. Salvo os máis consolidados (Paparotas&Cia de Manolo Gago ou o Diario del Gourmet de provincias y su perro gastrónomo, de Jorge Guitián), a maioría acaban sen actualizar, cambiando de formato ou mesmo desaparecendo.
    Ademais, co problema engadido de que son poucos os que se centran nunha localidade concreta; a maioría tentamos abarcar un espazo máis amplo (no meu caso Galicia e norte de Portugal) e as referencias a restaurantes dunha cidade acaban por resultar limitadas.
  • Redes sociais tipo Facebook ou Twiter. Fonte primaria de cantidade de información. Materialmente imposible coñecelas e moito menos seguilas todas. Neste senso, salientar o momento de paréntese no que nos ten Travi en la cocina. O útlimo día de 2015 pechou o seu Facebook, e estamos á espera de que inaugure a nova páxina Web. Unha mágoa. Un referente único para saber o que se move no mundo das papatorias de Vigo.
  • Páxinas de contido xerado polos usuarios. Salvando os enormes riscos (publicidade encuberta -e menos encuberta-, subxectividade, falta de control…) e unha vez consolidadas e con suficientes valoracións, é un modelo cada vez máis asentado.
    Sobre todas as demais destaca TripAdvisor.
    Nestes días veño de descubrir GastroRanking; comparador de restaurantes despois de analizar e recompilar información de 45 directorios e redes sociais de contidos xerados polos usuarios (TripAdvisor, Foursquare, Google+, Eltenedor, restaurantes.com, Verema, Minube, Groupon, LestBonus, Facebook, Twiter…).

profeta na túa terra. comer en vigo

O de hoxe pretende ser un sonoro mea culpa e un claro auto-tirón de orellas.
Despois de cinco anos e medio nas ondas, onte, por primeira vez, botaba de menos unha análise do que se move na gastronomía de Vigo.
Hoxe mesmo teño entre as mans a reportaxe sobre Comer no norte de Portugal segundo as guías. Onte, era a Guía das guías gastronómicas de Porto. Máis atrás no baúl, un Mapa dos furanchos do Salnés, e a selección de Os 100 restaurantes galegos de CLE. Botando man á historia deste blog atopo as seguintes reportaxes de locais de Vigo, pero ningunha análise que nos dea unha visión xeral.

Visto así, e aínda que contundente, triste vagaxe para falar da túa terra.
Prometo unha enmenda en breve.
E mentres, e para abrir boca, a nosa comida de onte en La central.

amordiscos lumedecarozo lacontentajuanita laconsentida

Andabamos polo casco vello (ambiente espectacular para un día espectacular despois de moita choiva), e, sen referencias, pedimos consello a Alba. Deunos varias opcións (Juanita, La contenta, Lume de carozo, A mordiscos, La consentida…), todas moi apetecibles, pero a recomendación pillounos, xusto, na praza da Constitución e entramos en La central.

LaCentral 03

Estamos nun local dividido en tres espazos. Un inferior (barra, mesas e terraza na praza) que funciona claramente como bar; un intermedio, coa cociña vista, unha gran mesa central e outras máis pequenas arredor; e a xoia da coroa, o desexado, o luminoso comedor superior.

LaCentral 08 LaCentral 13 LaCentral 14LaCentral 12LaCentral 17

Os tres espazos manteñen unha unidade decorativa que resulta, simplemente, espectacular. Sobre a base dun estilo industrial (vigas e tuberías, pintadas ou co propio metal á vista), amalgama de obxectos (aparentemente) inconexos pero que forman una unidade estudada ata o mínimo detalle. Detalles de natureza viva e dominancia de madeira en mobeis de clara inspiración no deseño nórdico dos anos 60. Para min, que me encanta este estilo, unha ledicia. Globalmente, local acolledor, apetecible, suxerente, alegre, moi, moi agradable.
Algo que sempre envexei dos restaurantes portugueses, o sentido e a man de profesionais na decoración, semella que está a funcionar, tamén, deste lado da fronteira. Moi boa nova.

Son as dúas da tarde dun sábado, no espazo inferior non se move un alfinete e o libro de reservas está bastante completiño; conclusión, tócanos o espazo intermedio, algo máis escuro pero igual de cómodo e agradable e co extra de poder controlar o que se move na cociña.

LaCentral 02

Seica moitos dos locais do Casco vello de Vigo están pensados para compartir tapas e racións pero, ademais, hainos como este Central que completan a carta con segundos pratos de gran consistencia.
Algúns entrantes son o Carpaccio de entrecosto de vaca madurada e en rolos, o Tiradito de peixe manteiga, aceite de café e froita da paixón, a Táboa de queixos ou a Cecina de León, foie e trufa.
Entre os pratos principais, unha pequena exposición de fusión de cociñas do mundo cun importante espazo para o produto local: Ravioli de gambón e boletus, Arroz meloso de pato e shitakes, Tartar de atún vermello chipotle e pan de arroz, Tartar de solombo de anello, Magret de pato hummus de castañas e ñoras ou Kebab de ibérico con mollo allilimóllili, e sen esquecer a Pescada de anzó con risotto de codium e plancton, a Chuleta de vaca curada na brasa, con vitelotte, ceboliñas e romesco ou a suxerencia segundo a lonxa do día.

LaCentral 20

Despois da tapa de cortesía do día, e seguindo a orientación do camareiro, comemos compartindo catro entrantes:

LaCentral 21
Foie, tostas especiadas e froita seca.

LaCentral 22
Croquetas de queixo azul DO Prestes, mollo de tamarindo.

LaCentral 24
Ovos 63º, migallas, panceta e trufa.

LaCentral 26
Tempura de polbo e maionesa de wasabi

No tocante aos entrantes, cociña fácil e resultona na que o único risco está na ensamblaxe das importacións e os sabores.
Tapas que dan a talla. Agás a maionesa de wasabi, que se queda a medio camiño e non me resulta agradable ao padal, o demais raia a unha gran altura. Cada sabor no seu estilo, todos están moi ben e de ter que decantarme por algún prato faríao pola textura das croquetas, o punto de cocción e o rebozado do polbo, e, como prato en conxunto, o ovo.
Haberá que probar se manteñen o tipo nos pratos fortes, algún deles con bastante máis delicadeza e precisión na elaboración.

Oferta tentadora de sobremesas (Torrada de brioche con xelado de iogur búlgaro, Trío de chocolates, Crème brûlée con froita silvestre) pero como nos pasamos coas racións (en xeral son xenerosas) xa non queda espazo.
Con cervexa, un vaso de tinto Ribera do Douro e un auga, pagamos 29€ por cabeza.
Está ben. Semella un pouco caro para ‘comer de tapas’, pero vista a calidade da cociña e os prezos considerados individualmente (e tamén o feito de comer no corazón da modernidade e a moda de Vigo) non hai para tanto. Os entrantes están nos 9-12€ de media, os pratos arredor dos 15 e as sobremesas entre os 4,5 e os 6€.

La Central
Praza da Constitución 8
36002, Vigo
986436466
www.lacentralvigo.com
GPS: 42.238750N,  8.726052O

osushi, unha sona xustificada

Tras o meu fugaz bautismo xaponés en Góshò, sigo a recoñecer o meu analfabetismo respecto á cociña xaponesa.
Era tempo, pois, dunha segunda lección, e para iso había que procurar un bo mestre, un local realmente significativo.
E, despois de mergullar por Internet, atopo que a elección resulta máis doada do que a priori semellaba: Osushi, en Vigo.

osushi

E, senón, ollade algunhas das perlas que se escriben por aí adiante:
Oh Sushi!: un bo xaponés en Galicia (por fin!) (CapítuloCero, Manuel Gago).
Oh Sushi: probablemente, o mellor xaponés de Galicia (Pantagruel, Supongo; Manoel Foucellas).
Á hora de comer sushi en Galicia teño claro que o meu favorito é Oh Sushi! (Laconada, Xosé Manoel Ramos).
O xaponés máis solvente que ten habido xamais en Galicia (Diario del Gourmet de Provincias y del perro gastrónomo, Jorge Guitián).

Vigo-Osushi

O local, nunha ubicación pésima, case na avenida de Madrid e a carón da estación de autobuses, ten un interior especialmente agradable. É entrar e deixar atrás a calor agoniante destes días de xuño, o cemento, o balbordo, o ruído, a desproporción nas referencias…
Con zona de mesas e a sushi-barra, Osushi é un restaurante sobrio, sinxelo, cálido, moi na liña do que disque é a decoración oriental.
Tamén é de agradecer o trato do servizo. Ante o noso descoñecemento (e, imaxino, do noventa por cento dos clientes que pasamos por aquí), a actitude básica é de orientación e información, nunca, como adoita ocorrer en demasiados casos, de educación, imposición ou adoutrinamento.

Tentando facer un breve percorrido axeitado aos nosos gostos, e sempre guiados polo camareiro, optamos por unhas Gyozas de carne ao curry, un par de Niguiris de atún e outros dous de vieira, un Tiger Roll creo recordar con salmón e filadelfia, e unha tempura mixta –verduras e lagostino–; como sobremesas, un xelado e un cremoso de café. Todo acompañado de cervexa xaponesa e auga.

IMG_0538
Snack: ensalada de algas, cenoura, chícharos…

IMG_0542
Niguiris: vieira e atún.

IMG_0544
Tiger Roll

IMG_0548
Gyozas (masa recheada de carne ao curry e cociñada ao vapor)

IMG_0554
Tempura mixta

IMG_0557IMG_0556
Sobremesas

Disque a comida xaponesa é coma unha especie de droga: cada vez que a comes gostas un chisco máis dela, e un pouco máis, e máis… ata que chega o momento que, sen te decatar, convertécheste nun adicto.
Direi que, talvez pola variedade ou quizá porque o dito ten algo de verdade, direi que si, que nesta ocasión disfrutei un pouco máis da comida xaponesa que no meu bautizo.
E, si, claro, unha boa parte de culpa tamén ten este Osushi, do que non podo dicir que é o mellor xaponés de Galicia –carezo de referencias, e o único que coñezo– pero si que me gustou moitísimo, como para recuncar en calquera momento.
Respecto ao prezo, pagamos 34€ por persoa.
Atrévome a escribir que está no límite para poder falar dun prezo razonable en proporción ao que comimos; non podo dicir que resultase barato, pero tampouco se me antolla caro; non foi moita cantidade pero sempre está a calidade da materia prima, as técnicas de elaboración, o servizo…

Direi que non se trata dun restaurante especialmente recoñecido polas grandes guías gastronómicas pero que si está no boca a boca popular e, sobre todo, na pluma de todos os blogastrónomos galegos. De feito, na miña análise do ano pasado, e a pesar da ausencia de guías, ocupaba un sobresaínte 39 lugar entre todos os restaurantes galegos.

Osushi
Andrés Medici
Martínez Garrido 83
36205 Vigo
986 294 881
contacto@osushi.es
www.osushi.es
https://es-es.facebook.com/osushi.es
GPS: 42º13’ 23.8N 08º42’32.2”W
Localización en Mapas de Google

Nestes períodos nos que as referencias a restaurantes baixan por necesidade, son tempos para mergullar na rede na procura de lembranzas de visitas anteriores ou, mellor, na busca de pistas para próximas saídas.

Luis_Domenech
(Procedencia da Foto: Facebook do propio autor)

Un dos meus lugares favoritos está a ser La buena pitanza, de Luis Domenech.
Cheguei na procura de reseñas de restaurantes de Galicia e atopei unha extensión do blog que, xa polo nome, chamou poderosamente a miña atención: Comer ben e a poder ser barato.
Dentro, Guías para comer e tapear en... Galicia, Donostia, Madrid y Valladolid.
A guía de restaurantes de Galicia, subtitulada ‘
Elixindo un bo lugar para comer e gozar da comida’, pareceume unha aportación moito máis que interesante, un novo punto de vista, persoal, relativamente afastado dos lugares comúns.

madrid-fusion
(Procedencia: da web de Madrid Fusión)

Entre as entradas recentes de La buena pitanza atopo esta, de título Madrid Fusión: La nueva lista con los mejores sitios para comer en España.
Seica nesta edición 2014, e como gran novidade, a Mostra Internacional da Gastronomía Madrid Fusión programou unha actividade estrela consistente en dar a coñocer cales son os establecementos que, segundo o Xurado de Madrid Fusión –algo máis de 40 periodistas gastronómicos, dos de máis renome– resultarían elixidos para ocupar os lugares de honra da mellor restauración en España.
A votación realizouse en base a 10 categorías e partindo dunha serie de propostas pechadas para cada unha delas.
O número e a categoría dos xurados confire unha certa garantía ás votacións.
O papel do galegos foi o seguinte:

1. Categoría Nova alta cociña:
          6: Culler de Pau (O Grove) Javier Olleros
Outros restaurantes galegos sometidos ao veredicto do xurado nesta primeira categoría foron: A Estación (Cambre), Casa Marcelo (Santiago), Árbore de Veira (A Coruña), Acio (Santiago), Paprica (Lugo), Casa Solla (Poio), Silabario (Tui), Pandemonium (Cambados), Maruja Limón (Vigo) e Pepe Vieira (Poio).

2. Categoría Clásicos modernos:
          Ningún restaurante galego entre os 10 seleccionados.
Restaurantes galegos sometidos ao veredito: España (Lugo), Galileo (Ourense), Yayo Daporta (Cambados)

3. Categoría Bistros, Casas de comida e Tabernas:
          10: La Casilla (Betanzos, A Coruña)
Tamén ‘nominados’: A  Tafona Casa de Xantar (Santiago), Casa Ramallo (Rois), El Manjar (A Coruña), Villaronta Ribadeo (Ribadeo)

4. Tapas, Gastrobares e Postos de mercado:
          6: A barra de Acio (Santiago)
Tamén ‘nominados’: Singulario (Santiago), Pazo de Altamira (Santiago), Pandelino (A Coruña), Tapería Castelao (Santiago), Mar da Vila (Noia), Mesón O´Pote (Betanzos), Mesón O´Bo (A Coruña), Cantina da Curtidoría (Santiago), Abastos 2.0 (Santiago), O Lagar da Platería (O Grove), Artemar (Cangas do Morrazo), Vinoteca Bagos (Pontevedra), La Taberna Vikinga (Catoira) y A Mordiscos (Vigo).

5. Chiringuitos e Restaurantes de praia:
          7: Loxe Mareiro (Carril, Vilagarcía)
Tamén ‘nominado’: El Chiringuito (O Grove)

Nas categorías 6 (Arroces), 7 (Asadores casteláns) e 8 (Asadores de carne e peixe) non había ningún restaurante galego entre os propostos.

9. Marisquerías e peixes:
          1. D’Berto (O Grove)
          6. Nito (Viveiro)
          9. Mar Viva (A Coruña)
Tamén nominados: El Refugio (Oleiros) e Campos (Lugo)

Na categoría 10 (Cociñas do mundo) e na categoría extra (Cociña doce, pastelerías e xeladerías) tampouco había ningún representante galego.

Unha opinión máis.
As listas completas dos restaurantes seleccionados nos 10 primeiros lugares de cada categoría podedes atopala na páxina de Luis Domenech.

web 2.0

Os que xa levades unha tempada con nós sabedes que Como, logo existo, nunca deu pé aos comentarios dos visitantes.

copacubertospostcopacubertospost2
copacubertospost3copacubertospost4

O motivo era sinxelo e penso que no fondo bastante lóxico: cando un blog está a comezar, cando pasan as semanas e ves que non recibes moitas visitas, que dous de cada tres días dubidas en deixalo, a sección de comentarios sen comentarios semella un berro ao fracaso do blog, ao teu propio fracaso, e podería influír negativamente nos seu futuro. Ademais, sabedes que son un tanto teimudo coa estética e non me gustaba moito como quedaba o blog coa sección de comentarios baleira. Certo que os propios comentarios poden ser en si mesmos motivo de visita e de enganche, pero… tomamos a nosa decisión e a verdade non estamos moi arrepentidos.

copacubertospost

Hoxe xa temos a nosa pequena historia detrás e levamos uns meses estabilizados arredor das mil visitas mensuales (por certo, que nunca volo dixen, GRAZAS!!!!).
Por outra banda estou a facer un curso sobre ‘As redes sociais na educación’ e nel se nos pide algún traballo con blogs (por certo, un saúdo a todas as miñas compañeiras e profesores do curso).
E xa como terceiro motivo, sei, malia miña decisión inicial, que a base da web 2.0 é a participación e a colaboración; os modelos expositivos, unidireccionais están caducos e carecen de futuro. Un blog sen a participación dos amigos e das amigas é medio blog. Ou aínda máis, non é blog, non é nada.

copacubertospost4

Así pois chegou o momento de dar un xiro seica coperniquiano ao blog introducindo algunhas novidades. A primeira, abrir de par en par as portas á participación a través dos comentarios.
A pelota queda no voso tellado.
A ver se entre todas conseguimos que Como, logo existo deixe de ser o meu blog e pase a ser de todos nosoutros.
Bicos de mel e grazas por estar aí.

un grande de españa

Pepe

Hoxe, como onte, o título debe levar a confusión.
Malia o que puidese parecer o de grande de España non vai polo benquerido Pepe. Porque si, trátase del, disfrazado de Pepesol, unha suma del mesmo e o tamén xenial e bondadoso profesor Tournesol.
Mais non. Por moito que para min o sexa -aínda que máis nos gustaría ao dous o de grande de Galicia-, son dos que non gosto de facer comungar aos demais coas miñas rodas de muíño.

San Pepe en Alborada 4  San Pepe en Alborada 11

O caso é que hoxe inauguramos nova colaboración: Pepe nos manda datos, fotos e impresións dunha experiencia gastronómica e eu limítome a transmitírvolas no blog.
E para empezar facémolo cun grande de España. Pepe e Merce veñen de pasar uns marabillosos días en Asturias e abren esta colaboración coa súa visita a Casa Gerardo.

San Pepe en Alborada 7p

Pepe é de fiar. Gastronomicamente nacemos, medramos e fixémonos xuntos. Tamén noutros moitos aspectos (como profes, como fotógrafos, como catadores, como lectores, como en case todo…, como amigos) pero isto, hoxe, non vén a conto.
Pepe é o meu alter ego, o meu outro eu, quizá, a estas alturas, unha parte de min mesmo, así que todo aquilo que veña asinado por el eu ratifícoo cos ollos pechados, coma se fose escrito por min mesmo.
E así debedes interpretalo vosoutros tamén.

Aí vai.

pepesolCasa Gerardo – Prendes (Gijón) 23 de xullo de 2011. Por Pepe Fernández

Levaba tempo con ganas de volver a Asturias e dende que inauguraran o centro Niemeyer en Avilés moito máis; así que aproveitamos uns días que nos deixaron libres e fomos visitar o “Y” asturiano, léase Oviedo-Gijón-Avilés.

CG_15  CG4

Á parte da degustación dalgunhas sidrinas da típica rúa Gascona de Oviedo e dos patés, sobre todo os de cabracho e oricios, decidímonos por visitar Casa Gerardo (carretera AS-19 - km 9 - Prendes – Asturias - N 43º33’20.45’’ W 5º45’53.97’’); cociña creativa, de autor sen esquecer os pratos tradicionais (data de 1882)…

(Dada a altura do menú, deixámolo aí, cun chisco de suspense, para unha nova entrega. Seguro que pagará a pena).