o miolo

Mostrando postagens com marcador furanchos. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador furanchos. Mostrar todas as postagens

auténtico polbo de arousa no saratoga

Lembro que acabados de chegar á Illa, e na procura de referencias gastronómicas, poucas coincidencias había; en xeral opinábase dos bares e restaurantes como se fala da feria: segundo a cada un lle vai nela.
E para unanimidades apenas unha: a polbo do Saratoga (din as malas –e paréceme que interesadas– linguas, que era o único local da Illa que puña na mesa auténtico polbo da ría de Arousa). O problema era que, fóra o polbo, non había maneira de completar un menú.

Saratoga 04

Pero a cousa vén de cambiar.
Despois do arranxo da terraza traseira para convertela nun espazo absolutamente marabilloso, ampliaron a oferta a outros produtos do mar local: unhas luriñas, as navallas, zamburiñas, croques…, todo cunha calidade superior e preparados con man experta, incluído o novidoso (aínda que noutros lares, como Aguiño sexa un clásico), bocadillo de polbo.

IMG_0208

A vista, a posta de sol que vedes, é motivo máis que suficiente para visitar o Saratoga para unha merenda-cea.
Fomos varias veces, probamos varias especialidades, e todas son recomendables.
Por ceñirnos ao modelo clásico deste blog, comento unha cea concreta. Eramos 5 adultos e Roi. Unha botella de albariño e auga grande.

Saratoga 10

Do polbo estilo feira pouco hai que dicir. Pode estar entre os tres mellores que nunca poderemos probar. No seu punto de malleira, no seu punto de cocción, no seu punto de sal, de aceite, de pemento picante (para algún dos presentes tira un pouco de máis do viño).

Saratoga 06

As luriñas, fritidas como adoitan facer por aquí: rebozadas pero sen ovo.
A min gústanme especialmente deste xeito; atópoas como máis ao natural, como menos ‘vestidas’. Estas, en concreto, están moi boas; cando menos ao nivel do Pescador.

Saratoga 08 

Deixo para o final as zamburiñas. Na prancha e cun mollo de limón están certamente sensacionais.
Claro que ao pedilas nos avisan de que non son zamburiñas senón ‘volandeiras’.
E este inocente comentario deu pé a unha pequena investigación de campo.
Que son as zamburiñas?, e que as ‘volandeiras’?, como diferencialas?, cales son máis ricas?, e máis caras?…
O primeiro que atopo no Dicionario de alimentación e restauración de Manuel González (ver) é que en galego o de volandeira estaría mal utilizado; o nome normativizado sería vieiriña ou tamén voadora. Ou sexa, que o que coñecemos como volandeira vén ser unha vieira pequeniña, unha vieiriña; sorpréndeme; iso de volandeira soábame moi galego…
(No dicionario da RAG non aparece ningún dos termos polos que nos referimos ás vieiriñas; nin voadoras, nin volandeiras, nin volanteiras, como tan teño visto por aí)

VieiriñaZamburiña

Nótense as diferenzas. A da esquerda é unha vieiriña (ou ‘volandeira’, próxima á vieira, de cor máis clara, con dous protuberancias na parte máis estreita, cun número limitado de sucos ou costelas –arredor das vinte–.
A imaxe da dereita corresponde a unha zamburiña: máis escura, protuberancia só dun lado, maior número de sucos, superficie máis rugosa… (fonte: begiak)
(Outra cuestión sería recoñecelas cando nos presentan só a carne, sen cuncha; resulta algo máis complicado e teño que estudalo mellor; quizá outro día…).

Saratoga 07

Que cales son mellores? Home, pois nos gustos pasa como nas cores, cada un ten os seus e eses son sempre os mellores.
Mergullando en Internet atopo certa coincidencia en que a carne da vieiriña é máis saborosa, menos dura, moito máis sutil…, en definitiva, mellor bocado.
Claro que quen manda é o mercado e a imaxe pública, e a zamburiña ten mellor prensa que a voadora; tamén un prezo bastante máis alto no mercado.
Cuestión ben absurda se nos fiamos dos expertos que nos din que realmente a carne mellor é a da vieiriña (non esquezamos que no fondo vén sendo unha especie de irmá pequena da vieira).

Saratoga 01

Está claro que no Saratoga nos puxeron vieiriñas, e nos avisaron, e cobraron como vieiriñas e non como zamburiñas. E podo certificar que estaban de morte.
Dúas de polbo, dúas de luriñas e dúas de vieiriñas, coas bebidas, foron algo menos dos 67€. Ou sexa, unha panzada de mar por 13€ cada un.
Este vai ser un caso no que, sempre que non tenten enganarnos a carteira, case imos agradecer que nos metan gato por lebre.

Café Bar Saratoga
Rúa do Campo
A Illa de Arousa
Teléfono 986 551 106
GPS: 42º33'48.3"N  8º52'20.0W
Localización en Mapas de Google

un verán máis en arousa

Sen pretender entrar en polémicas, hoxe utilizo por primeira vez a opción 'Arousa' no lugar de 'Illa de Arousa', solución –seica que con consistentes avales histórico-xeográficos– que cada vez gaña máis adeptos.

Este verán de 2014, climatoloxicamente horroroso, foi de confirmacións.

TabernaRural

Onte, sen ir máis lonxe, despedimos a tempada con Luis e Flori na Taberna Rural de Meaño, local seguro e 'resultón' que sempre está aí tanto para un roto como para un descosido. O lendario polbo con queixo galego, unha magnífica empanada de millo de zamburiñas, as croquetas variadas... E iso si, diversidade de sobremesas caseiras en racións algo máis que xenerosas. A presenza de dous grupos numerosos provoca un incómodo balbordo pero tamén dá fe do éxito do local.

Taberna Rural 04

Por certo, antes de cear, e aproveitando que estaba aberto, entramos no pazo de Lis (do que, nos seus anexos, forma parte a propia Taberna), sede da Oficina municipal de Turismo e do Museo da muller labrega. Chapeu para o importante esforzo de rehabilitación do interior e para a moza que moi amablemente nos atende.

Entre os furanchos que xa non son furanchos hai tres que concentran as nosas preferencias: o de Maribel, o de Juan e a Rustibodega de Ángel.

Lourancho de Maribel 5

Lourancho de Maribel 8

O paso obrigado polo de Maribel, en realidade 'O Lourancho', sempre se converte nunha festa na que a noite pode irse a límites do pecaminoso. Son especiais a tortilla e, por riba dela, o lombo con pementos e patacas (para Carmen o mellor da bisbarra); e logo, claro, a parolada co café de pota, o excepcional licor café xeado e, como non, as atencións da propia Maribel.

Furancho de Juan 10Furancho de Juan 12

A Rustibodega de Ángel é un dos valores máis seguros na poboada zona de Covas; o polbo, as luras rebozadas, a zorza... e os doces para a sobremesa.
Persoalmente teño predilección polo Furancho de Juan. Foi o primeiro que visitamos no Salnés (xa vai para oito anos!), a súa tortilla e as luras rebozadas e fritidas animan a recuncar unha e outra vez.

Bar Pescador A Illa 03Bar Pescador A Illa 06

Unha mención especial merece o Pescador, aquí ao lado, en Cabodeiro. Estaba como pendente de confirmación -nunha ocasión, o ano pasado, faiounos un chisco- pero este verán superou con nota todas as inspeccións para converterse en centro de reunión cando vén toda a familia. Reservando mesa e prato principal aforras o ter que armarte dun pouco desa paciencia que ás veces, por excesiva, pode afear a comida. Os entrantes, en xeral, e ultimamente a fideuá. Nesta evolució e nun día inspirado pode chegar a plantar cara á mesmísima Meca.

Saratoga 09Saratoga 12

E outro caso á parte é o Saratoga; mestura de confirmación (o polbo!) e novidade (o bocata de polbo!!), e xa que non a levou antes como todos os anteriores, merece o protagonismo dunha entrada en exclusiva.

Gastromanía Palmeira 09Gastromanía Palmeira 03

Na ría de Arousa está tamén, aínda que lonxe e noutro nivel de discusión, o Gastromanía de Palmeira. Fomos dúas veces e xa se converteu no destino ideal para agasallar a visitantes especiais. Con reserva previa, o menú de degustación é un reto completo aos sentidos a un prezo máis que razoable.

chiringuito coco-bao. a illa de arousa

Despois da visión xeral sobre o conxunto dos chiringuitos de praia da Illa de Arousa, e por recomendación de Flori e Luis -falan del entusiasmados-, hoxe ao mediodía tocunos visitar máis polo miúdo o Coco-Bao, na praia do Bao.

Chiringuito Coco-Bao 01

De entrada salientar que, escriba o que escriba, escoitedes o que escoitedes, estamos a falar dun chiringuito. Nin máis nin menos.
É que case o único que ten de chiringuito de praia o Coco-Bao é a estética.

Chiringuito Coco-Bao 1

A caseta de madeira e feitura rústica co balcón para atender, a pizarra á altura do camiño para captar turistas, o cartel dos xelados, mesas e sillas pregables ciscadas arredor da caseta, sombriñas de cores variadas e rechamantes con cadanseu selo de propaganda, marcas publicitarias por todas partes, nos vasos, nas papeleiras, nos servilleteiros, polas paredes, na carta...

Chiringuito Coco-Bao 3

Cómpre salientar que as mesas están estratexicamente distribuídas para loitar contra o vento que, hoxe en concreto, é moi forte e apenas notamos. Tamén un cuberto para os máis mixiricas ou para condicións excepcionais de auga ou frío.
A partir de aquí entramos nun mundo por descubrir.

Chiringuito Coco-Bao 02Chiringuito Coco-Bao 03

O primeiro, a carta. Moi ampla e cun par de pinceladas de orixinalidade que serven para afastala radicalmente da normalidade. A cociña, dentro da tradición, aporta leves toques de diferencia, un chisco de aneto empoado por aquí, un pouco de vinagre con personalidade propia esparexido por alá. O servizo, amable e próximo, solícito e rápido, atento á túa satisfacción e desexos, recomendando as especialidades ou os produtos especiais da xornada.
Malia o día -moito vento, finais de agosto, martes, apenas xente na praia- e os moitos lugares cos que conta, está practicamente cheo, pero apenas hai que esperar, o ritmo da cociña e do servizo son óptimos.
Onde moitos locais de máis categoría e ínfulas (baldeiras) mesturarían ás tolas os  compoñentes para elaborar, por exemplo, unha simple ensalda, no Coco-Bao esméranse por seleccionalos, por casalos, por cortalos, por distribuílos de xeito que forman un conxunto colorista e harmónico.

Chiringuito Coco-Bao 13Chiringuito Coco-Bao 14

Para beber pedimos un par de 'tintos de verán', versión moderna e reducida da clásica sangría. Frío e pecando de dozura entra ás mil marabillas.

Chiringuito Coco-Bao 04Chiringuito Coco-Bao 05

As principais novidades da carta son as ensaladas -orixinais e variadas- e as algas. Estas están presentes en varias das ensaladas, nun revolto con gambas, tamén mesturadas con gambas ao allo ou simplemente rebozadas e fritidas ('espagueti do mar rebozado'). Optamos por unha ensalada con algas, a que bautizaron como 'Ensalda do mar' e que, ademais da leituga e a alga -himanthalia-, leva tomate, cebola, lombarda, gambas, meixóns e mexillóns; como condimentos, aceite e vinagre de boa calidade, algo de allo e aneto. O resultado, unha ensalada moi variada e diferente, ben conxuntada, moi rica.

Chiringuito Coco-Bao 11

A continuación pasamos a unhas croquetiñas.
Metade de mexillón e metade de marisco, están moi boas. Coa envoltura crocante e por dentro cremosas, untuosas, identificables, moi saborosas.

Chiringuito Coco-Bao 06

Ameixas ao aneto. Trátase dun prato especialmente recomendado. As ameixas son rubias e de primeira (non en van as rapazas do Coco-Bao no seu 'tempo libre' son mariscadoras -ver 'E aínda din que o peixe vai caro'-), e a preparación escapa da uniformidade da 'mariñeira' (que por certo cada quen interpreta como entende e quere). O mollo non é moi gordo e o aneto esparexido por riba é o que dá consistencia ao prato. Realmente moi boas.

Chiringuito Coco-Bao 07Chiringuito Coco-Bao 08

De sobremesa un marabilloso flan de queixo que, en si mesmo desdí a súa orixe de doce dun simple chiringuito.

Chiringuito Coco-Bao 15

Por todo o anterior (un de cada da ensalada, das croquetas e das ameixas, dous tintos de verán, dous flans e un café) pagamos 17€ por cabeza.
Seica 17 euros por persoa nun chiringuito de praia podería semellar un pouco moito, pero se temos en conta a xenerosidade das racións, o produto utilizado, a atención, a orixinalidade e o esmero na cociña... o prezo antóllaseme bastante máis axustado.
O Coco-Bao, un chiringuito de praia na Illa que de chiringuito apenas ten o nome; un descubrimento que vén enriquecer a oferta gastronómica de Arousa; moito máis que recomendable e ao que -segundo o noso particular criterio de valoración- sen ningún xénero de dúbidas volveremos.

Chiringuito Coco-Bao
Praia do Bao.
A Illa de Arousa.
Teléfono: 661 215 052
Teléfono: 686 175 232
GPS: 42° 32' 46.73"N   8° 51' 46.83"W
Localización en Mapas de Google

Ultimamente teño a teima (ver) de procurar na miña redacción o máximo axuste á norma e vocabulario da Real Academia Galega.
Como non teño clara a súa utilización, busco a 'legalidade' da palabra chiringuito. 
Chego á conclusión de que, de ser puristas, na raia do fundamentalismo, que non é o caso, en galego non deberiamos utilizar o termo 'chiringuito': non está no dicionario da RAG. Tampouco o atopo no Dicionario de dicionarios da USC nin no meu de cabeceira, o impreso de Ir Indo.
Se o que fago son equivalencias co castelán, ao introducir chiringuito no Tradutor da UVI devólveme 'chiringuito', pola contra, o Tradutor da Xunta devolve 'quiosco'.
O RAG define 'quiosco' como: 'pequena construción instalada ao aire libre para a venda de periódicos, caramelos, etc.'
A RAEL di de 'chiringuito'; 'quiosco o puesto de bebidas al aire libre'.
Se falo dos 'chiringuitos de praia' cun castelán, un asturiano ou mesmo co meu xenro galego, todos imos saber de que estamos a falar. Teño para min que o de 'quiosco de praia' pode levar a confusión, mesmo para un galegofalante; quen máis quen menos asociaremos o quiosco á definición da RAG, á parte que fala da venda de periódicos.
Utilizo, pois, e con todas as consecuencias, a palabra 'chiringuito' coa esperanza de que nalgún momento os académicos a inclúan, por uso, nos dicionarios do galego.

Mapa de praias da Illa de Arousa 2

A Illa ten innumerables praias. Chiringuitos, só nunha mínima parte delas.
Basicamente atopamos os chiringuitos concentrados nas praias que dan ao norte da Illa, ao continente, e máis concretamente nas que están ao sur da ponte -esquerda- segundo entramos na Illa; son as praias, por así dicilo, máis turísticas, aquelas ás que se pode chegar mesmo a pé de praia co coche.
Fóra destas están o chiringuito de Cabodeiro e o de Area Secada.

Cartel Senda Costa Illa

Na liña de costa que vai desde a ponte ata a rotonda de entrada ao parque natural de Carreirón (máis, menos, dous quilómetros e medio) teño contado ata nove chiringuitos. Ademais están os dous campings e o Oasis, que non son propiamente chiringuitos pero, en especial os primeiros, si presentan unha oferta asequible para unha xornada de praia; o segundo, o Oasis, ultimamente está a ofrecer menú do día.

Chiringuito no BaoChiringuito na praia Camaxiña 1

Entre os chiringuitos hainos que responden á definición textual da RAEL (bebidas e xelados), e unha maioría que tamén dá comidas.
Entre os de comidas cada un ten as súas peculiaridades. Está, por exemplo, o chiringuito Lavanqueira, que presume da súa paella de fin de semana a 3,5€ a ración, o da praia Camaxiña, coa carpa máis ampla e confortable para os días de vento, ou El Chozo, co seu anuncio de polbo, sardiñas e churrasco.

Chiringuito LavanqueiraChiringuito El Chozo 3

Teño referencias concretas da fiabilidade de tres dos chiringuitos.
O Chibao, no aparcamento da praia do Bao, primeiro á esquerda segundo pasamos a ponte, é quizá o máis concorrido. Ten oferta clásica: polbo, navallas, xoubas, mexillóns, espetada... Merendamos seis: dúas de polbo, dúas de chinchos e unha de calamares, de bebida seis cañas; ben, sen grandes espaventos pero ben, calidade e prezo do que debe ser un chiringuito. Pagamos sete euros por cabeza.


Do Chiringuito Con do Cocodrilo faloume Alba. Oferta ampla e tradicional, sen moitas complicacións pero mantendo un nivel de cociña ben aceptable. Polbo, sardiñas, tortilla, filete ou lombo con patacas, navallas, ensalada, fideo con ameixas... moita variedade con prezos arredor dos 7 euros de media.
O Con do Cocodrilo é o segundo chiringuito se empezamos a contar desde a rotonda de Carreirón, nun extremo da praia das Salinas. Por certo, o con, o crocodilo, é dos máis fermosos e espectaculares da Illa.

Chiringuito Con do Cocodrilo 2Chiringuito Con do Cocodrilo 3

O último descubrimento é o Coco-Bao. Faláronnos del, aínda onte, Luis e Flori, cada vez máis asiduos nas nosas escapadas polo Salnés con Luz e outro Luis; así, xa podo aprezar o seu bo criterio gastronómico e a fiabilidade dos comentarios. Falan dun chiringuito especial, na praia do Bao, o último segundo tiramos cara a Camaxe.
Carta moi ampla e un chisco fóra do común dos chiringuitos (por exemplo pola utilización de algas); cociña especialmente coidada, servizo por riba da media, presentación dos pratos moi esmerada... Toman unha ensalada mariñeira (con algas e diversidade de moluscos), unhas ameixas á mariñeira (as rapazas que levan o local son mariscadoras da Illa)...
Malia todo disque o prezo está na media dos chiringuitos.

Chiringuito Coco-Bao 3Chiringuito Coco-Bao 1

En próximos días temos pensado probar o Coco-Bao para falarvos máis polo miúdo e acompañar o comentario con fotos.
 Mapa en Google da localización dos Chiringuitos da Illa de Arousa.