o miolo

Mostrando postagens com marcador hotel. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador hotel. Mostrar todas as postagens

un bocado de mar

Cando che gusta isto de comer e queres estar un pouco ao día, sempre hai unha pequena axenda de locais en reserva para visitar cando o tempo, o peto, e, cada ez máis, o corpo cho permiten.
As Garzas Mapa
Hoxe cumprimos co derradeiro soño, coa última débeda que tiñamos na axenda dos máis grandes entre os grandes restaurantes galegos. Hoxe liámonos a manta á cabeza e andamos os máis de trescentos quilómetros –ida e volta– que separan Arousa de Porto Barizo (Malpica) para comer en As Garzas.
Restaurante As Garzas 02
Para acalar aos máis excépticos ou comodóns, vaia por diante que, sen ningún xénero de dúbidas, a excursionciña pagou a pena. A comida resultou desas que hai que escribir con tinta de ouro e con letra das de antes.
Segundo o dito, algo ten a auga cando a bendicen. Levado ao caso que nos ocupa, algo teñen que ter estas Garzas cando non só sobreviven no seu remoto mundo, senón que, ano tras ano, logran manter con total dignidade os laureis da gloria.
Eles defínense como ‘cociña de mercado’, e eu matizaría como ‘cociña de mar’.
Restaurante As Garzas 08 Restaurante As Garzas 09Restaurante As Garzas 01 Restaurante As Garzas 12
O local é amplo, moderno, moi luminoso e cunha decoración dominada pola sinxeleza e a enorme cristaleira que se abre ao Atlántico. Todo un luxo que forma parte da esencia máis íntima do restaurante. As Garzas é mar en estado puro. E, para degustalo, nada mellor que as mesas de abaixo, as que dan ao mar.
Pedimos o menú de degustación (estratexicamente definido como ‘Para os que non queren pensar’):
Espárragos brancos de tempada a súa crema e ensalada de tirabeques.
Ñoquis cremosos de ‘Santo André’ curado en caldo de robaliza.
Bao de vieira.
A nosa versión do revolto de caviar de ourizo e grelos.
Alcachofas en tempura, xema de ovo líquido e touciño ibérico.
Xurelo e asado das súas espiñas.
Lombo de pescada do pincho, mexillón e leituga do mar.
Ovo de Pascua.
Espagueti con trufa negra. 
Os honores fainos un Pétalos do Bierzo do que cada vez estou máis namorado para estas ocasións.
Restaurante As Garzas 14Restaurante As Garzas 18Restaurante As Garzas 23Restaurante As Garzas 27Restaurante As Garzas 31Restaurante As Garzas 37Restaurante As Garzas 40Restaurante As Garzas 43
O menú resulta equilibrado, cen por cen mariñeiro, non renuncia aos seus toques exóticos, dun nivel medio moi, moi alto, e con varios momentos que nos resultan especialmente intensos.
Os espárragos abren boca á perfección. Coincidimos en que o caldo de robaliza que acompaña aos ñoquis de queixo curado é un dos sabores máis sobresalientes da comida. O bao de mexillón marca o exotismo, a fusión. O revolto parécenos un prato impecable; a tempura de alcachofa é perfecta e alivia por uns momentos a intensidade do sabor a peixe. O xurelo volve ser un bocado de mar en estado puro. E da pescada o que me resulta máis salientable é o canelón de alga recheado de mexillón; gústanme os sabores e a mestura de texturas; acompañamento perfecto para unha pescada que, sendo excepcional, perde algo de protagonismo.
Restaurante As Garzas 45Restaurante As Garzas 48Restaurante As Garzas 44Restaurante As Garzas 47
As sobremesas deixan de ser complemento ou final de comida e pasan a ter entidade propia. Espectaculares na xénese, no deseño, na elaboración e tamén na posta en escena.
Tal vez un pouco semellantes pois en ambos casos domina o contraste entre o acedo das froitas e o aveludado do chocolate.
Restaurante As Garzas 50 Restaurante As Garzas 52
Selo de ouro cos cafés e os seus petit-frous.
O menú custa 60€, o que unido ás bebidas e cafés resulta a un prezo real de 74 euros por cabeza. Dados os excesos que hai por aí adiante para comidas equivalentes, antóllasenos un broche perfecto para unha comida memorable.
Restaurante As Garzas
Fernando Agrasar
Porto Barizo 40, Malpica.
15113, A Coruña.
Teléfono: 981 721 765
Web
info@asgarzas.com
GPS: 43.320301N,  08.871970W
Sol Repsol
Estrela Michelín

comida nun ambiente moi teatral

No estudo publicado días atrás (Comer en Porto segundo as guías) o restaurante Palco, coma unha pantasma dá ópera, asomaba da nada e saltaba a un destacado sétimo lugar.

portugalnorte

O Palco está no hotel Teatro, na rúa Saa Bandeira, no local que ocupou, desde 1859, o vello teatro Baquet; toda unha institución no Porto.
A transformación foi espectacular e causa, en parte, do éxito deste hotel-restaurante.

hotelteatro3hotelteatro1
 Restaurante Palco 01

Hotel e restaurante son espazos modernos, cosmopolitas, moi na liña do que está a ser o novo Porto; en ouro e broce e cunha iluminación moi tenue, sen excesos, sen perder o norte, sen renunciar ao bo gosto nin ás súas pingas de requinte portugués, deseñan un local que paga a pena visitar por si mesmo.
Logo, cando comprobas que a comida mantén a liña da decoración, certificas os motivos do éxito.

Restaurante Palco 05

Na liña da tradición anglosaxona (a día de hoxe, europea?) da cidade de Porto, a proposta para o almorço está pensada para un refrixerio frugal. A propia carta defínese como ‘lunch menú’ e abre as portas a suxestións como a Salada de salmão fumado, molho funcho e laranja, o Carpaccio de polvo com molho pesto, o Prego de lobo em bolo do cáco, ou a Francesinha com batata frita.
Proposta á maneira de petiscos portugueses tradicionais con evidentes toques internacionais.

Restaurante Palco 06Restaurante Palco 07

Compartimos un primeiro de Ovos mexidos com espargos verdes e presunto, e un segundo de Bacalhau lascado, broa frita e ovo a baixa temperatura.
Sen ser pratos sorprendentes ou de excesiva elaboración, ambos manteñen un bo nivel de técnica cun elegante resultado final; gústame, en especial, o bacallau.

Restaurante Palco 09Restaurante Palco 10

As sobremesas merecen mención á parte.
Por se non quedaches satisfeito, unha selección de queijos nacionais; se es máis tradicional, os gelados ou a selecção de frutas… e se, coma nós, es lambereteiro, o Mil folhas de pastel de natas com gelado de café, e a Fondant de goiaba com gelado de queijo da serra. Calquera das dúas para repetir.
Con café e dous copos de cervexa pagamos 22€ cada un.
Un prezo moito máis que razoable para unha comida moi agradable.
A carta da cea está formada por tres menús diferentes, cada un deles cos prezos especificados para cada prato, de xeito que podes optar por un dos tres, pechado, ou pola libre combinación de pratos.

Restaurante Palco 04

En todo o hotel Teatro, nas referencias, na decoración, na carta, nas citas… percibes a presencia do dramaturgo local, o visconde de Almeida Garret, sen dúbida un dos Grandes da literatura portuguesa de todos os tempos.

Seus olhos – Se eu sei pintar o que os meus ollos cegou…

Restaurante Palco
Hotel Teatro
Rúa Sá Bandeira, 84
4000-427 Porto
351 220 409 620
restaurantepalco@hotelteatro.pt
Web
GPS 41º08’48.0”N  08º36’33,2ºW
Localización en Mapas de Google
Repsol: 1 sol
Michelín
Boa Cama Boa Mesa
Mesa marcada: 34º (6 votantes, 20 puntos)
Time Out Porto

polo si ou polo non, vai de vivo

De regreso de Oviedo, do concerto de Víctor Manuel (Cen por cen asturianu), estudamos os informes do tempo e o horario de mareas para ver de parar na praia das Catedrais.
Malia masificación deste último verán, as Catedrais é unha desas marabillas da natureza á que, como ao santo Andrés de Teixido, hai que ir unha vez na vida.

IMG_0421IMG_0441

E, xa postos, para calquera amante da gastronomía galega tamén é obriga achegarse cando menos unha vez na vida ao restaurante Nito, na baixada á praia de Area, en Viveiro.
Nito vén ofrecendo unha cociña tradicional galega, baseada no produto, desde o ano 1970. Con case 45 anos de vida, non resulta nada fácil manterse na elite sen afrouxar nin un ápice nos principios que lle son esencia.

Nito
hotel_nito
nito_comedor
(Fotos da web do hotel)

Todo o contrario. Nito (xunto co seu complemento o hotel Ego) sabe manterse e actualizarse como poucos. Ocupa un edificio de estética moi actual e e loce unha coidadísima decoración interior acorde coas formas externas.

O comedor é amplo, luminoso, cun enorme ventanal aberto directamente ao mar, unha zona de terraza exterior e unha agradable zona de tránsito. Dado o día cambiante que temos, e pese a que a reserva era para a terraza, ao final optamos por esta zona intermedia.
Ao longo da comida pasamos por unha infinidade de vistas diferentes, desde o sol máis radiante a unha tremenda treboada adornada con luces e sons.

IMG_02782IMG_02862

A carta de Nito é clásica e, salvo apetitosas excepcións de auténticas carnes de Lugo, está baseada no mar.
Os entrantes van desde o marisco (ameixas, nécoras, percebes, zamburiñas…) á ensalada mixta, pasando polo caldo galego, os pementos recheados de marisco, o polbo á galega ou as croquetas e empanada caseiras.
Para o prato forte as recomendacións baséanse no bonito de Burela; pero tamén a pescada do pincho (á galega, á prancha, rebozada, á bilbaina), o linguado, a robaliza, o pixín…
Entre as carnes, diferentes cortes e preparacións da tenreira: costeleta, filete, escalopíns ao Tío Pepe, asada, solombo, entrecosto… 
Destacable adega. Bebemos auga e unha botella pequena de Lagar de Pintos.
O servizo é excelente. Entre a próximidade e a calor que lle corresponde como restaurante de hotel, e a profesionalidade dun local de categoría.

IMG_0459IMG_02842

Empezamos cunhas ameixas á prancha. Afeitos á ría de Arousa, poucos bivalvos hai que nos poidan sorprender; pero estas, grandes, carnosas, practicamente naturais, no seu punto de prancha… están, simplemente fantásticas.
Pasamos a compartir un salpicón de lumbrigante. O de salpicón é un falar. En realidade estamos ante unha boa ración de talladas de lumbrigante aderezadas cunha vinagreta suave e equilibrada. Auténtico bocatto di cardinale.

IMG_0462IMG_0463

Para o prato forte decidimos ir polas especialidades de Nito, Carmen polo bonito, neste caso en rolo, e eu polas luras frescas da ría na súa tinta.
Acerto pleno. O rolo de bonito, sen perder a esencia propia do peixe, é o xeito máis zumarento como se pode cociñar o bonito, e este de Nito é único.
Das luras só dicir que estaban case para untar. Unha ledicia.

IMG_0464IMG_0466

Para a sobremesa, Carmen o Xeado de chocolate e eu o Crocante de mazá.
Os doces son quen de manter o nivel medio da cociña de Nito.

 

Non estamos ante un restaurante barato. Polo menú anterior, café incluído, pagamos 60€ cada un.
60€ por persoa xa é un prezo considerable, dun restaurante por riba do normal, superior á media en todas as súas características, o espazo, o servizo, o produto e elaboración. E é que Nito cumpre con todos os requisitos; é un deses locais que pagas sen miramentos, convencido de que está no seu prezo xusto.
Sobre todo se falamos do menú, do salpicón de lumbrigante (35€ ración) e das exepcionais ameixas (uns 250 gr. a 80€ o quilogramo).
No meu estudo de restaurantes galegos (lembro: elaborado a partir de presenza en guías gastronómicas e en blogs en Internet), Nito ocupa o primeiro lugar entre os locais de cociña tradicional, 11º no listado total, só por debaixo dos ‘estrelados’ e lugares actuais de culto.

Restaurante Nito
Praia de Area
Viveiro 27850
Telefono: 982 560 987
Fax: 982 561 762
info@hotelego.es
Web
C,LE: 11º lugar de Galicia
Repsol: 1 sol
Verema: 8.2
Michelín: Si
6º lugar entre as marisquerías de España en Madrid Fusión 2014

bautismo xaponés no góshò

Fóra anécdotas (Aprendendo a utilizar os paíños xaponeses), hoxe toca falar máis polo miúdo do que foi a comida en Góshò.

Góshò 03Góshò 13

O local, moi coidado, foi deseñado para ofrecer, como complemento á comida, unha experiencia plena de elegancia e sofisticación acorde coa tradición do interiorismo xaponés e a pertenza a un hotel de cinco estrelas.
Sobre a base dun vello garaxe, e mantendo a prevalencia dos materiais industriais orixinais –formigón, entramado de metal– combina as cores (gama completa de grises desde o máis claro do entramado de vigas vistas ao practicamente negro das cortinas metálicas que, a xeito de biombo, separan o comedor dos corredores de paso dos camareiros) coa iluminación (natural, a través do lucernario central, e artificial, mestura de quentes e fríos, de directos e indirectos, de funcionalidade e protagonismo decorativo propio). O resultado final lógrase co contraste de materiais, co frío do entramado da obra orixinal fronte á calidez e o conforto do mobiliario en maderia natural.
Comedor amplo practicamente baleiro. Algún reservado ao modo xaponés coa mesa e os asentos case a res do chan.
Servicio correcto aínda que un pouco curto nas súas habilidades comunicativas (ante algún problemiña co noso galetugués, nin o mozo nin a moza que nos atenden ousan pasarse ao inglés).

Góshò 19

Misoshiru (de miso –‘fonte do sabor’– e shiru –soupa–), prato estrela da gastronomía xaponesa cuxa base é o miso (pasta aromatizante elaborada con sementes de soia e sal mariña). A soupa faise con dous ingredientes principais, o dashi (caldo de peixe) e o miso disolto no dashi; ademais, diversidade de engadidos, uns máis habituais (dadiños de tofu, alga wakame, allo porro…) e outros de uso máis restrinxido (pataca, cenoura, repolo, setas… e mesmo anacos de peixe ou carne).
O noso misoshiru leva tofu, wakame e poida que algo máis, pero non chego ao fondo dos sólidos. 
Primeira gran conclusión da comida: teño serias dificultades para saborear esta alga; resúltame excesiva, brava, no sabor pero tamén na textura; é un sabor demasiado dominante, moi forte, rompedor… para o meu padal non afeito a el. Non sei se co tempo podería acostumarme ao sabor do wakame, pero tampouco teño claro que lle vaia dar suficientes oportunidades para conseguilo.
Pola contra si me gusta a base, o caldo, o dashi; sendo tamén un sabor dominante e con notas orixinais, a clave pode estar en que este si me evoca indicios coñecidos, que podo identificar e definir: tira bastante a un caldo galego de berza cun leve aire de peixe en perfecta harmonía.

Góshò 20

Describo a fonte: de esquerda a dereita e fóra os complementos, tres bocados de sashimi, dúas parellas de makizushi e, por detrás destas, tres bocados de nigirizushi; os acompañantes –máis que acompañantes disque son para limpar a boca entre bocado e bocado–, unhas rodelas de pepino, uns aros de ceboliña, algas nori e unhas tiras de conserva en vinagre de xenxibre; o punto verde da dereita é o wasabi.

Góshò 21

O sashimi, termo moi xeral, é calquera tipo de peixe ou marisco cortado fino –aínda que non tanto coma se fose un carpaccio– e presentado –normal, como neste caso, mais non necesariamente–, cru; tamén existe o sashimi de vexetais.
O salmón estaba claro, pero as dificultades de comunicación impediron que puxésemos nome aos outros dous; un máis forte e de cor avermellada (non, non era atún) e o outro máis lixeiro e claro, un peixe branco.
Os bocados de peixe ou marisco cru xa non son novidade nos nosos hábitos alimentarios e debo dicir que si, que en xeral si me gustan (xa estou afeito a eles?). Como en todo, uns máis e outros menos, pero na mesma medida en que eses mesmos peixes cociñados. Ou tal vez non: ultimamente empezo a aborrecer a case totalidade das preparacións de salmón cociñado (Ai, esa maldita graxa…), sen embargo, o afumado, ou este de hoxe cru, si que me resultan agradables ao padal.

Góshò 22Góshò 23

Sushi: todo bocado da gastronomía xaponesa que teña como base o arroz cocido aderezado con vinagre de arroz (e tamén con outros ingredientes).
Hai infinitas variedades de sushi.
Dos máis internacionais son os que teñen forma de rolo; defínense, en xeral, como ‘makizushi’ e admiten numerosas interpretacións. Coa alga nori seca por fóra e o arroz cos seus ingredientes no interior son os coñecidos como futomaki (rolos máis grosos e con máis dun ingrediente), os ‘hosomaki’ son rolos máis delgados cun único ingrediente…; existen outras moitas variedades nas que, sempre, o arroz vai por dentro. Hai, por exemplo, un futomaki que no lugar do nori envolve o arroz cun fina capa de tortilla cun leve toque de azucre. Ou o inari, no que o arroz e os outros ingredientes van dentro dun saquiño feito de tofu fritido.
O “sushi do revés” (o makizushi co arroz por fóra) é o chamado uramaki: rolo con algún ingrediente no interior arrodeado, en moitas ocasións, de nori, e sempre, sempre, de arroz; o arroz (insisto, exterior) pode levar sementes tostadas de sésamo, ovas de peixe ou marisco, etc.
A sutileza da cociña xaponesa vese facilmente chegados a este punto e comparar un uramaki cun futomaki; mesmo con idénticos ingredientes e preparados pola mesma man son bocados radicalmente diferentes. Algo así como un bocata e unha tosta, ou como a galleta untada con manteiga fronte ao ‘bocadillo’ de dúas galletas coa manteiga no interior. Todo vai no momento e a intensidade en que cada ingrediente(coas súas características propias e as que lle outorga a preparación) toca a lingua e o padal.
Chegados a este punto e confirmando momentos anteriores podo afirmar sen remilgo que os makizushi con nori por fóra non me gustaron en absoluto; a alga, para a que, insisto, non teño afeito o padal, domina todo o sabor (e tamén a textura) e manda claramente nun conxunto que me resulta algo excesivo e caótico desde o mesmo momento que toca a boca; pola contra, o uramaki, o ‘sushi do revés’, si que me gustou, e moito; ademais de que a cantidade de alga é menor, o sabor resúltame máis compensado, sen dominador claro, menos agresivo de entrada e máis ‘coral’ en momentos posteriores; a nori entra moi ao final e mesturada (disimulada?) polos demais sabores.

Góshò 24

O nigirizushi é, posiblemente, a forma máis común e popular de sushi no propio Xapón (sushi, polo tanto, aínda que a maioría das veces nos quedemos co ‘nigiri’). O arroz do nigiri, como doutras moitas variedades, amásase a man e nesta modalidade moldéase con forma oblonga, como de croqueta alongada e apuntada nos extremos; por riba leva unha fatia de peixe, ou de marisco, ou de calquera ingrediente normalmente cru. Admite moitísimas variedades é non é estraño atopar alga entre o arroz e o ingrediente. É normal, tamén, que o nagirizushi xa veña aderezado co wasabi (condimento extraído da raíz da planta do mesmo nome –pertence á mesma familia que o nabo, o repolo, a mostaza, etc.–; sabor particular moi intenso e forte picor olfactivo, non persistente).
Gústame o arroz e gústame o peixe, o corolario lóxico é que o nigiri tiña todo para ser do meu gusto, e así foi. Salmón, agora si, atún, e un terceiro sen identificar.
Dos acompañantes, destacar que me encantou a conserva en vinagre de xenxibre; poderosa e estimulante mestura do acedo do vinagre e o acedo –cítrico– do propio xenxibre; os outros, fóra a alga, nin fu nin fa, bastante neutros.

Góshò 26

A sobremesa foi un dos momentos estelares da comida. Un xeado –creo entender de sésamo– que descoloca pola súa cor –cincenta– e polo seu novidoso sabor; a textura e consistencia, perfectas. Un bocado realmente sorprendente e delicioso.

Góshò 25

O percorrido por esta mínima representación da gastronomía xaponesa –quizá a de máis difusión en occidente– resultoume satisfactorio. Seguro que tería saído igual de contento –ou máis– no caso de probar algún dos rebozados xaponeses, ou as pastas, as masas, as especialidades na grella, as fondues… ou calquera prato cos centos de ingredientes cociñados con mil e unhas receitas diferentes.
Sei que en calquera momento podo repetir unha comida xaponesa completa a base destes peixes crus, con ou sen arroz e mellor sen algas; e sei que vou disfrutala, incluso máis que nesta primeira ocasión. Claro que tamén sei que teño outras preferencias para comer nun día de celebración.
E falando de celebracións, dicir que nun local ‘pretensioso’ como este Góshò (na filiación, na estética, e tamén nos prezos, por cada café cobran 1,5€, case o dobre da media en Portugal) a comida a base dun menú degustación pode saír ao prezo –case– dun menú do día. En contra do que eu podería pensar, trátase dun tipo de comida moi, moi asequible.
Cuestión á parte sería saírse dos menús pechados e comer a base de especialidades escollidas individualmente, ou saírse de madre cos complementos. Nós, por exemplo, partindo dos 16€ do menú, e ao engadirlle as bebidas e o café subimos aos 28,5€ por cabeza (case o dobre).
Aínda neste caso creo que paga a pena repetir no Góshò.

Restaurante xaponés Góshò
Porto Palacio Hotel
Avda da Boavista 1277
4100- 130 Porto
Teléfono: 34 22 608 67 08
Web: www.gosho.pt
GPS: 41º09'33"N   8º38'21"W
Localización en Mapas de Google
O Porto Cool
Mesa Marcada-Wine
Guía Repsol
Fugas-Público
BCBM-Expreso