o miolo

Mostrando postagens com marcador gourmetour. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador gourmetour. Mostrar todas as postagens

unha supercomida en maruja limón

Pois resulta que si, que era certo, que o programa completo si se correspondía coa publicidade, que non había letra pequena nin interpretacións dubidosas, que todo resultou como estaba prometido: menú de degustación (todo incluído) para dúas persoas en Maruja Limón, 24,5€ por persoa. 
Que si, que aínda hai quen dá pesos a catro pesetas.

tarxetamarujalimon1

Coñecín Maruja Limón cando aínda estaba no local antigo, alá por un lateral da Gran Vía.
Logo, cando deu o salto á rúa Vitoria, fixemos unha segunda visita.
Gardaba memoria dunha cociña OK, ben, correcta, pero sen sorpresas, sen tocar a fibra sensible.
Malia todo, un restaurante que, despois de recibir a estrela Michelín, ben merecía unha comida para dous por escasos 50 euros.

_1050835

Creo que o local é dos máis minimalistas que teño visto, en especial pola sinxeleza como están vestidas as mesas, todo en branco agás unha poliña con tres follas de camelia. Claro que eu gosto moito destes vasos de balón sen pé.
O servizo correcto, profesional, para as miñas preferenzas particulares, quizá algo frío e distante de máis -en especial a rapaza máis nova, a que nos atende a nós-, pero como xa temos visto (O servizo, correcto?) está característica é a que buscan moitos clientes.

Restaurante Mruja Limón
Aperitivo: Tomate mariñado con queixo de cabra, escarola e millo

Restaurante Maruja Limón
Entrante 1: Tartar de tenreira con queixo parmesán

Restaurante Maruja Limón
Entrante 2: Vieira con touciño de porco confitado e froita da paixón

Restaurante Maruja Limón
Entrante 3: Xema callada, setas de tempada, beicon e bechamel suave de trufa

Restaurante Maruja Limón
Peixe de mercado: Robalo asado con alcachofas

Restaurante Maruja Limón
Carne: Lombo de vaca salteado con patacas e trufas de mostaza

Restaurante Maruja Limón 
Sobremesa 1: Chocolate, branco e negro, con aceite de cacahuete

Restaurante Maruja Limón 
Sobremesa 2: Vainilla, mazá asada e canela

Restaurante Maruja Limón
Petit Fours: Trufa de chocolate e tella

Desde o primeiro bocado (e en especial o  primeiro bocado, sensacional, merecedor de superar o de ‘aperitivo’ e converterse en prato por dereito propio), un menú fantástico da cabeza aos pés. Non sei se quedarme coa mestura mar-cortello (sabedes da miña debilidade polo touciño… se é acompañado dunha deliciosa vieira, xa non che quero contar nada!), coa orixinalidade-acerto dun ovo callado distinto aos demais, co saborosísimo robalo ou co impecable lombo de vaca coas súas explosivas esferas de mostaza.

_1050842 _1050845

O das sobremesas merece un punto e á parte.
Para un lambón coma min, o goloso de chocolate é suficiente presentación; pero é que, ademais, o sabor, a textura, o contraste… de cada bocado lévame á gloria. E, logo, a vainilla cos tropezóns de mazá e o aroma a canela pechan o círculo á altura do primeiro trazo.

En fin. Esquecede o de OK.
Maruja Limón é un superrestaurante cun supermenú que paga ben a visita e mesmo pide unha ou varias repeticións.
No meu ranking particular, sen dúbida unha das mellores comidas dos últimos meses. Orixinal, sen estridencias, completa, equilibrada, moi natural, sen artificios innecesarios e, sobre todo, moi, moi rica.
Ollo, estades avisados, igual que nós: prometen renovar a superoferta.

Maruja Limón
Rafael Centeno

Rúa Vitoria 4
36201 Vigo
Teléfono: 986 473 406
Enderezo-E
Web
Michelín: 1 estrela
Repsol: 1 sol
Verema: 8,5
Lo mejor de la gastronomía: 7
Gourmetour
El Viajero-El País: 1 copa

as estrelas galegas michelín 2012

Gardaba unha magnífica memoria do noso debut en Allo e Aceite, alá por novembro de 2007, cando aínda estaban en Marín.

Restaurante Allo e AceiteRestaurante Allo e Aceite 09

Aquelas croquetas de bacallao e as súas compañeiras de chocos, a tempura de lagostinos con maionesa de soia, o pisto de cantarellus con lombo de xurelo ao forno, o xelado de plátano… e todo coa calor e a cor dun espléndido Mano a Mano.

Restaurante Allo e Aceite 01 Restaurante Allo e Aceite 07 Restaurante Allo e Aceite 03

Hoxe, sábado de latricadas (onte fixéronse públicas as Estrelas Michelín 2012), regresamos a Allo e Aceite para celebrar os aniversarios de Pepe e Merce.
Por certo, parabéns para Silabario, ánimos para A Rexidora, e as dúbidas reiteradas sobre a xustiza-conveniencia-imparcialidade das guías gastronómicas: alcanzar as 10 estrelas nun período tan curto de tempo semella un gran éxito da gastronomía galega, pero, non hai nivel para algunha distinción máis?, persoalmente sigo a botar en falta locais como Culler de Pau; tamén me sobra algunha, e non precisamente por deméritos culinarios, en especial este ano en que a festa da vermella coincide co día internacional contra a violencia de xénero.
Por último creo non ser o único que pon enriba da mesa a gran pregunta: e, para cando unha segunda estrela galega?

Restaurante Allo e Aceite 04  Restaurante Allo e Aceite 06

Como a carta non dá opción a un menú de degustación, decidimos compartir tres entrantes e que cada quen se zafe co seu segundo e a sobremesa. Iso si, para todos, un par de augas e un Pétalos 2008.

Restaurante Allo e Aceite 13 Restaurante Allo e Aceite 14 Restaurante Allo e Aceite 15

Entrantes: Carpaccio de polbo da ría prensado con froitos secos, Timbal de lascas de bacallao con cebola confitada e pan de especias e  Navallas con vinagreta de ourizo. Servidos nesta mesma orde, e sempre cun alto nivel, foron en claro progreso ata acadar o cume dese prato fantástico coas navallas.

Restaurante Allo e Aceite 16 Restaurante Allo e Aceite 17 Restaurante Allo e Aceite 18

Carmen e Merce, Paletilla de cordeiro sen óso con pasta fresca e boletus, Pepe o Atún vermello con crema de cebola e vinagreta de soia, e eu unha Carrilleira de tenreira no seu mollo con ceboliñas asadas. Racións quizá demasiado espléndidas.
Seica cada un acertou coa súa elección pois de meter man en todos os pratos, coincidimos en que o mellor é o propio.

Restaurante Allo e Aceite 20  Restaurante Allo e Aceite 22
Restaurante Allo e Aceite 21  Restaurante Allo e Aceite 19

Torrada ao forno con crema de caramelo, Escuma de limón con granizado de ron vello e xelado de mango, Escuma de queixo con xelado de marmelo e ruibarbo, e Sufflé de chocolate quente con xelado. As sobremesas moi ben: soben o nivel medio da comida.

Restaurante Allo e Aceite 10

De xeito global a comida está ben, OK segundo diría Alfonso, preparacións mellores e peores, nivel medio correcto, ningún prato dos que deixan auténtica pegada.
O prezo (35 euros por comensal) axuda a convertelo nun local recomendable para unha comida especial. Para min, e segundo o meu vello criterio, hai outras ofertas a coñecer en Pontevedra antes de repetir neste Allo e Aceite.

Vicente Risco

Xa para rematar, e no tempo do café e as infusións, dáme por reflexionar arredor dunha idea que non me parece en absoluto desdeñable: vai sobre os cociñeiros que dan o salto do progreso para abrir restaurante nunha vila máis importante, grande ou simplemente turística daquela na que naceron.
Allo e Aceite fíxose unha sona en e desde Marín, era o mellor, se estabas pola zona non había dúbida, mesmo te desprazabas –nós fixémolo- só por comer alí. Agora, en Pontevedra, ten que competir con non menos dunha ducia de establecementos do seu nivel, ben sexan co seu mesmo perfil, ou con ofertas máis clásicas pero cun nivel equivalente de cualidade.
E todo foi pensando en Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas e demais membros de Nós en Ourense, cando viraron cara a un galeguismo moito máis acusado ao chegar á conclusión de que ‘o único xeito de ser europeos e universais é sendo plenamente galegos’.

Allo e Aceite
Pablo Romero
Rúa Nova de Arriba, 7
36002 Pontevedra
Teléfono: 886 203 587
Enderezo-E
Web dentro do Grupo Nove
GPS: 42.431277N   8.650326W
Localización en Mapas de Google
Verema: 8
Gourmetour: Si

cocido maragato. casa coscolo

Esta era a terceira ocasión que visitabamos Castrillo de los Polvazares.
Nas anteriores, polo si ou polo non, desistimos da idea de comer o cocido.
Hoxe planificamos toda a xornada para que nada se nos torza e así cumprir, por fin, coa obriga culinaria de comer un cocido maragato en Castrillo de los Polvazares.

IMG_0056     IMG_0060     IMG_0057     IMG_0058

Estamos a domingo, 24 de xullo, e Castrillo está ata a bandeira.
Moito turista pero tamén xentes de aquí, moitos deles chegados para celebrar o día de Santiago.

IMG_0054     IMG_0055

Non temos reserva e, visto o que hai polas rúas, o tempo bótase enriba.
Decidimos levar na cabeza algúns dos restaurantes recomendados polas guías (Cuca La Vaina, Juan Andrés, La Magdalena…) e entrar no primeiro que nos dea de comer. A busca remata no primeiro que atopamos: Restaurante Casa Coscolo, co compromiso de rematar antes das 3.30, hora para a que está reservada esta mesa.

Casa Coscolo Tarxeta

Restaurante de casa rural co mesmo nome.
Decoración tradicional sen grandes alardes pero coidada e efectiva, en consonancia con todo Castrillo. Exposición de diplomas e méritos. Varios comedores.
Séntannos a carón dunha ventá, unha das mellores mesas do comedor á esquerda.

IMG_0003     IMG_0006

Carta rexional; pero, ata onde nos chegan os ollos e o olfacto, todos estamos aquí ao mesmo: ao cocido maragato. Oferta limitada de viños con preferencia para viños novos da zona, entendendo por zona ata o Bierzo. Pedimos o único que nos ofrecen en botella pequena, un Puerta Vieja crianza (Rioja).

IMG_0009

O cocido, servido nesta mesma orde, ou sexa ‘ao revés’, consta de sete carnes, berza con garbanzos, e sopa. A base das carnes é o porco (lacón, morro, touciño, costela adubada, chourizo, pata), algo de tenreira e o bolo.

IMG_0020   IMG_0022

IMG_0023   IMG_0024

Por algún estraño motivo tráennos carnes, verdura e garbanzos xuntos (xuntos mais non revoltos). Mellor. Respectando os sabores queda máis cerca do noso
Coincidimos en que está fantástico. Cada un temos as nosas preferencias nas carnes e complementámonos á perfección.

IMG_0014

A verdura e os garbanzos, de morte, coa grasiña e o sabor ben apegados. Polo meu avó, que era de Zamora, na miña casa botamos garbanzos ao cocido galego; nunca lles tiven demasiada afección, pero hoxe repito un par de veces.

IMG_0031  IMG_0034

Pois se o cocido está bo, espera pola sopa…
En efecto. Vese ben de onde procede a sopa. Vai directamente a vena, pero hoxe, co permiso do meu colesterol, tomo dous pratos (pratiños).

IMG_0040

E, xa que estamos, a sobremesa será a que marca o protocolo: as inevitables natillas.
Con mantecada polo medio e canela por riba, dan comprida resposta á súa merecida sona. Resultan deliciosas.
Tomo un café de pota e pagamos 45 €.
Coincidimos en que o prezo está moi ben. Cada cocido, 16,50€; logo, queimando un pouco de graxas de paseo polo pobo descobrimos que, euro arriba, euro abaixo é prezo case oficial.
Comida moi completa, moi satisfactoria. Recomendable. Para volver.

Casa Coscolo
El Rincón 1
Castrillo de los Polvazares
24718 León
Teléfono: 987 691 984 /  619 280 540
E-Electrónico
Web
GPS: 42º27’53”N  06º07’40.45”W
Localización en Mapas de Google
Gourmetour: Si
Michelín: Si
Verema: 6,1