En especial desde que Pedro Cruz (O Gastrossexual), colaborase con Pantagruel (Pantagruel, supongo), no post interfronteirizo El bom comer y el bem estar del Norte de Portugal. Nel, Pedro Cruz, e para cando andas de turismo polo norte, propón tres restaurantes tan diversos entre si como o DOC, o Largo do Paço e A Carvalheira. Deste último, en concreto, escribe que ‘se há restaurante que se posiciona como farol da cozinha minhota, esse restaurante é A Carvalheira’.
A Carvalheira, en Arcozelo, Ponte de Lima, é un restaurante de sempre e para sempre, un clásico na súa decoración e oferta gastronómica.
Somos tres e achegámonos ata aquí para celebrar o oitenta e tres aniversario da miña nai. Chegamos no mellor momento, é sábado, son as dúas e cuarto, e a duras penas conseguimos que nos habiliten un oco. Isto vén confirmar a recomendación da maioría dos apuntamentos que coinciden en que na Carvalheira sempre é necesario reservar.
E xa que andamos de guías, comentar que A Carvalheira non é santa da devoción das guías de referencia. No estudo Comer en Portugal segundo as guías, ocupa un discreto posto no numeroso grupo de restaurantes recomendados por dúas guías. Nunha, a de José Silva, Restaurantes de Portugal 2010, resulta destacado; na Guía BCBM aparece unicamente mencionado.
A Carvalheira, polo gran carballo omnipresente na paixase e na decoración.
Xa no interior, o ambiente responde aos cánones da decoración miñota sen ningún tipo de concesión ou estridencia; a sala distribúese amparada por unha vella lareira de pedra, e, a partir dela, soamente máis pedra e moita madeira; pedra nas paredes e madeira, en especial, nas vigas e no entramado do teito, madeira que, por momentos, vese xa comida pola traza e que dá fe da solera do espazo en que está o restaurante.
A carta é ampla e totalmente dedicada á cociña do norte de Portugal; destacar que, en contra da tradición, a casa non pon entrantes por propia iniciativa, hai que pedilos. Entre eles hai un pouco de todo, pataniscas, enchidos e fumados entre os que destaca a alheira de caza, polbo, salada de bacallao, mexillóns… Como prato forte vexo ao meu arredor moito bacallao á brasa, cabrito, arroz de pato, posta de vitela, arroz de sarrabulho… o mellor e máis representativo da cociña da zona.
Decidimos ser fieis ao local e pedimos o que a tradición marca ao turista en Portugal: pataniscas de bacallao e bacallao con broa. Os dous sinxelamente perfectos. As pataniscas, coa consistencia xusta, saborosas, perfectamente escurridas, torradiñas por fóra e sen unha pinga de aceite… E o bacallao, sen dúbida, o mellor bacallao con broa dos que teño comido en Portugal; o bacallao, de primeira, desalgado no punto exacto, e a broa… a broa sensacional, única, as patacas, a verdura…
Claro que nos quedaron no tinteiro o cabritiño e o arroz de pato, un bo peixe grellado…, quiza menú para volver unha vez ao mes.
A proposta de sobremesas de novo ampla, variada e fiel á cociña rexional.
Hai Volcán, Baba de Camelo, LeiteCreme, Salada de froitas, Mazá asada, Piña Natural… Pedimos dúas Peras Bébedas e un Bolo de Bolacha.
Carmen é a especialista en tarta de galleta e opina que esta é das mellores; o leve toque a

Da pera bébeda dicir que nunca probei outra que se achegase tanto á que eu fago na casa; a pera coa cocción e a textura xustas, o xarope doce mais non empachoso, co sabor ao viño e o imprescindible e delicado toque a canela.
Por certo, de viño, un que nunca me falla: un Duas Quintas de 2007 (tinto do Douro de Ramos Pinto), en botella pequena.
Ah!, coidado coas racións, son familiares; por recomendación do camareiro pedimos unha dose e media de bacallao para os tres e aínda sobrou unha cantidade significativa.
E a guinda á comida chegou coa nota: dúas de pataniscas de bacallao, unha e media de bacalla con broa, dúas peras, unha tarta de galleta, a botella pequena de dúas quintas, dúas aguas e un café, total 57 euros.
A cociña tradicional do Miño ten moitas e moi destacadas casas de comida, eu son incondicional de varias delas (entre elas, como non, desta Carvalheira), así que non me atrevo a compartir ao cen por cen a afirmación de Pedro Cruz no referido a que ‘se posiciona como farol da cozinha minhota’; máis ben diría que se trata dun dos referentes de comida no norte de Portugal.
Polo que ao meu xuízo toca, dicir que esta vez regresaba a A Carvalheira… e que pouco tardarei en volver.
Restaurante A Carvalheira
Estrada Nacional 306
Antepaço, Arcozelo
(4990-231) Ponte de Lima
Tel: 258 742 316
Fax: 258 944 672
Enderezo-E
XPS: 41º 46’ 29”N 08º 35’ 33” W
Localización en Google Maps
Guía de Restaurantes de Portugal: Destacado
Guía BCBM: Mencionado