Onte, despois do cine, de ver con certa expectación a última de Alomodóvar, fomos cear a Don Chiringo.
Trala reforma atopamos un local branco, luminoso, agradable. Son seis mesas. Ao chegarmos só está ocupada a da ventá, a maior, con seis lugares (por certo, distingo nesta mesa a máis dun blogastrónomo que tivo a mesma idea que nós).
Ao longo desta primeira parte da noite (nós chegamos cedo, ás 9.30) complétanse todas as mesas menos unha. En todo caso, sendo o local pequeno nunca sentes sensación de agobio. Penso que a este nivel a decoración é un acerto.
O trato, desde un principio, resulta excelente, cálido e envolvente, moi próximo e correcto, atopando resposta a todas as nosas rarezas. Semella que aquí non hai nada imposible. Na nova carta non vemos a degustación de tapas, así que preguntamos se pode ser. Obviamente, non hai ningún problema.
Para beber, os viños da casa en copa: un ribeiro (Patricio Sánchez) que está moi bo, e o tinto, un mencía do Ribeiro (Viña do Campo) que me gusta especialmente.
Ao final damos conta dun par de copas de branco e de media botella do tinto.
Empezamos cunha sopa fría de melón con cava, servida en copa de cocktail.
Moi rica, suave, saborosa, textura en boca densa, agradable.
Magnífico comezo.
Tataky de ventresca de bonito con amorodo e iogur grego.
Xa me pasou en máis dunha ocasión (lembro a bote pronto o Silabario): estes bocados de bonito déixanme fascinado e acaban por se converter nun dos protagonistas da noite. Simplemente delicioso. Os complementos afanse ben entre eles, pero me gusta o sabor dominante do bonito.
Empanda clásica de xoubas. Oio que desde a mesa da ventá un alguén opina que un menú de degustación con empanada de xoubas sube todo un punto enteiro. Onde hai que asinar?
A experta en empanadas é Carmen (moi esixente pois sitúa como baremo as súas propias, das que dou fe que son boísimas). Vexo de esguello que, moi disimuladamente, Carmen está a chuchar nos dedos despois de comer a empanada como debe ser: coas mans.
Bocarte ao forno con pementos de Herbón salpicados con copos de sal de Chipre.
O primeiro, a presentación: fantástica, en latas de conserva personalizadas para Don Chiringo. E é que o bocarte foi preparado ao forno e tratado en aceite para conservar. Dun tamaño xeitoso, resultan deliciosos.
Dos pementos só se me ocorre que co primeiro na boca pasoume unha rafa de sabor que me lembrou á infancia. Había moitísimo, moitísimo tempo que non os comía tan ricos. Por eles mesmos, pola fritura, polo sal… Agora, na maioría dos locais, destrozan uns pementos que a saber de onde son…
Por certo, non picaba ningún.
Ensalada de bacallau confitado. Aos poucos estou a converterme en fan das ensaladas. Esta de bacallau estaba riquísima; gustoume a mestura; a idea de substituír o tomate por pemento vermello sorprendeume e pareceume acertada.
Tosta de pan, cama de marmelada de cebola, pemento verde e calamar á prancha.
En boca foi o sabor máis distinto do día; a mestura, de arriba a baixo, do calamar, o pemento, a cebola e a tosta, é unha auténtica gozada. Por min, repetiría… Xenial.
De sobremesa compartimos a torta de queixo e a de chocolate.
Calquera das dúas, broche de ouro para unha degustación que comezou a un altísimo nivel e que en ningún dos seus sete momentos baixou un milímetro.
Xa para rematar tráennos unhas gominolas e uns bombóns.
Pagamos 64€ que polo menú de degustación de tapas non está nada mal.
Saímos de Don Chiringo cunha sensación moi agradable, de ter disfrutado dunha cea especial, de moi alto nivel, variada e rica, todo moi ben elaborado, cunha atención exquisita, nun ambiente cálido e acolledor… e todo a un prezo razoable.
Don Chiringo
Arantxa Costas
Rúa Luís Taboada 9
36201 Vigo
Teléfono: 986 228 705
E-Electrónico
Facebook
GPS: 42º14'24"N 08º43'23"W
Localización en Mapas de Google