(Biblos, a nivel xenérico, vén sendo un Clube de Lectores galegos ao máis puro

Escoito a Xabier Castro nas súas colaboracións para o Come e Fala da Galega, unha saborosísima mestura de historia e gastronomía. Fiel á idea de que temos que saber de onde vimos para comprender onde estamos, a alimentación dun pobo non pode permanecer allea á súa propia historia xeral e á repercusión desta na evolución dos xeitos de se alimentar esa sociedade.
E isto é, precisamente, e dun xeito directo, claro e moi ameno, o que fai Xabier Castro neste libro.
Seguindo o esquema cronolóxico dos diferentes avatares que dan forma á historia de Galicia (primeiros habitantes, invasións, relacións con Castela etc.), o autor amósanos como esas interferencias van a modelar, aos poucos, os piares da gastronomía: a historia dos produtos (cales, como e cando entran a formar parte da cociña popular galega), os avances no xeito de conservar esas materias primas, evolución das maneiras básicas de cocción e tamén da elaboración e presentación final dos alimentos. (O tópico da castaña na alimentación galega, por que, como e cando da entrada da pataca ou do millo, a estreita relación do clero coa elaboración do viño, cando e como se incorporan as diferentes graxas vexetais e animais para fritir, etc.)
Un libro moi recomendable, case imprescindible, para os comellóns galegos que, ademais de papar e beber, queremos saber un pouco máis do que comemos e bebemos, dos que pretendemos existir máis alá do comer pero considerando o comer un dos piares do existir.