o miolo

degustando a cociña de josé avillez

Na nosa última visita a Lisboa (Por que gosto tanto de Portugal), e para esa cea especial que sempre gusta facer en cada viaxe, procurei as distintas opcións do chef portugués de moda: José Avillez.
Daquela aínda contaba cunha soa estrela Michelín (pronto chegaría a segunda), pero o prezo do Belcanto pareceume inasumible… e no Cantinho non conseguimos mesa. O resto das propostas (Café Lisboa, Pizzeria Lisboa, Café-Bar), non reunían os requisitos para a ocasión.
(Por certo, Lisboa é unha cidade cunha inmensa oferta gastronómica, pero andade con moito ollo: se nos centramos nos locais que poderíamos chamar ‘gourmets’ e os de moda, resulta especialmente cara).

DSC00302DSC00304DSC00306DSC00309DSC00311

Foi cando, co éxito que xa vos contei, caímos no 100 Maneiras.

DSC003112

O sábado 29 de agosto, por fin, conseguimos comer no Cantinho do Avillez, neste caso no que leva algo máis dun ano en Porto, na Baixa, na rua Mouzinho da Silveira (si, esa rúa de tráfico ás veces insoportable que baixa de Sao Bento á Ribeira).

DSC00266DSC00268DSC00270DSC00272

O Cantinho vén ser unha tasca tradicional adaptada á estética máis rabiosamente actual… E a cociña do Cantiño, pois exactamente igual: pratos –a maioría– do fondo de armario portugués, pero co marabilloso toque Avillez (como el mesmo di, produto das súas viaxes).

DSC00282

A proposta é bastante ampla e aberta, e inclúe a ‘revisión’ de clásicos (a inevitable francesinha portuense ou unha ‘simple’ hamburguesa –barrosa–) ou novas e sorprendentes invitacións (como os xa afianzados Peixinhos da horta com molho tártaro ou o Risotto de cogumelos Portobello com toucinho fumado, parmesão e manjericão….)

DSC00273DSC00277

O saúdo do chef chega en forma dunha cunca cunha crema fría de tomate (a taza de estaño, daquelas de antes), outra con olivas aliñadas e un pratiño de manteiga adozada cun aire de allo e trufa negra.

DSC00287 DSC00288

Compartimos dous primeiros: un Atum de conserva caseira com maionese de gengibre e lima, e a Terrina de foie gras com compota de cebola e tostas. Calquera dos dous totalmente recomendables, se ben, e pola novidade e polo tratamento, tiro máis polo atún.

DSC00296

De segundo tamén compartimos as Lascas de bacalhau com migas soltas, ovo BT e azeitonas explosivas. Aquí si que a reinvención da broa (ademais da raiadura de por riba, os picatostes –para os máis puristas ‘carochos’–), a base de repolo e feixóns salteados co sabor do bacallau, ou as olivas explosivas, transforman un clásico nunha opción digna de facerse uns quilómetros para probala.

Comimos con cervexa, non tomamos sobremesa e si café, e pagamos 24€ cada un. Comida máis que suficiente para os dous; cualidade, creatividade e tratamentos realmente excepcionais e prezo –case– irrisorio para o número un da cociña portuguesa do momento.
Especialmente recomendable.

DSC00261 DSC00250 DSC00259

Como colofón, non perdades un paseo pola rua das Flores.
Está enorme, que se sae.

O Cantinho do Avillez
José Avillez
r/ Mouzinho da Silveira 166
4050-416, Porto
Teléfono: 351 223 227 879
GPS: 41º08’35.7”N  08º36’48,2”
Localización en Mapas de Google
Web

exportación made in galicia

La Pepita comezou a súa andadura en Vigo, na zona de Rosalía de Castro, e xa anda, polo de agora, polos madriles.
Estamos ante o que empeza a ser unha cadena de hamburgueserías que soubo casar á perfección a cualidade da oferta co marqueting.

La Pepita Vilagarcía 1 Vilagarcía-LaPepitaBurger

Probamos o local acabado de abrir en Vilagarcía, na praza Ravella.

Ademais da proposta de hamburguesas, teñen unha interesante oferta de entrantes e de sobremesas. Ademais, un menú infantil e información bastante exhaustiva de posibles alérxenos e intolerancias. En concreto, teñen opcións de menú libres de gluten.

La Pepita Vilagarcía 4   La Pepita Vilagarcía 5La Pepita Vilagarcía 6

Empezamos coa tempura de vexetais con molho de soia e uns lagostinos empanados con molho doce e picante. En ambos casos, ben traballados.
Ademais, están os ovos campeiros fritidos con paleta ibérica ou a ensalada Caprese.

La Pepita Vilagarcía 7   La Pepita Vilagarcía 8

No tocante ás hamburguesas, pedimos para todos os gustos: a Sorrentina (con rúcula, mozzarella fresca, ourego, tomate seco en aceite de oliva e cebola crocante), a Rouge (con foie fresco na brasa, puré de mazá caramelizada, leituga e tomate), a Summum (burguer de boi de 220 gr., con queixo azul, leituga, tomate e cebola caramelizada, en pan artesán), e eu, a Serranita (burguer de porco ibérico con crema de queixo manchego curado, crocante de paleta ibérica, leituga, tomate e cebola).
Ademais, a carta ten unha Pepita vexetal, a de salmón fresco, a de polo, de cordeiro…

La Pepita Vilagarcía 9

Cada unha no seu estilo, todas moi boas; especialmente, e ademais da miña, que acertei na elección, gustoume a de Maru, que para manter o seu bo criterio gastronómico tirou pola de boi, e si, tamén estaba fantástica.

La Pepita Vilagarcía 10  La Pepita Vilagarcía 11

Curta pero interesante carta de sobremesas (non esquezamos que estamos nunha hamburguesería): Crumble de mazá asada con sorbete de moras, Brownie de chocolate con xeado de abelás e crema de chocolate, Cheesecake e xeados.

Comimos con cervexa e refrescos, todos tomamos sobremesa e café e, coas consabidas patacas –por partida dobre, finas e máis grosas– pagamos arredor dos 20€ por cabeza.
Todo a un alto nivel pero antollóuseme un prezo un chisco subido de tono (tampouco neste caso podemos esquecer que estamos ante unha hamburguesería).

La Pepita Burguer
Praza Ravella, 11
36600, Vilagarcía de Arousa
Teléfono: 34 986 094 787
vilagarciaa@lapepitaburgerbar.com
Web

r/ Oporto, 15. Vigo. 986 118 156
r/ Juan Flórez 13. A Coruña. 881 120 535
r/ Cobián Roffignac, 2. Pontevedra. 986 101 030
Avda. da Habana, 63. Ourense. 988 619 989
r/ Alonso Cano, 103. Madrid. 917 273 862
(E segue a medrar…)

osushi, unha sona xustificada

Tras o meu fugaz bautismo xaponés en Góshò, sigo a recoñecer o meu analfabetismo respecto á cociña xaponesa.
Era tempo, pois, dunha segunda lección, e para iso había que procurar un bo mestre, un local realmente significativo.
E, despois de mergullar por Internet, atopo que a elección resulta máis doada do que a priori semellaba: Osushi, en Vigo.

osushi

E, senón, ollade algunhas das perlas que se escriben por aí adiante:
Oh Sushi!: un bo xaponés en Galicia (por fin!) (CapítuloCero, Manuel Gago).
Oh Sushi: probablemente, o mellor xaponés de Galicia (Pantagruel, Supongo; Manoel Foucellas).
Á hora de comer sushi en Galicia teño claro que o meu favorito é Oh Sushi! (Laconada, Xosé Manoel Ramos).
O xaponés máis solvente que ten habido xamais en Galicia (Diario del Gourmet de Provincias y del perro gastrónomo, Jorge Guitián).

Vigo-Osushi

O local, nunha ubicación pésima, case na avenida de Madrid e a carón da estación de autobuses, ten un interior especialmente agradable. É entrar e deixar atrás a calor agoniante destes días de xuño, o cemento, o balbordo, o ruído, a desproporción nas referencias…
Con zona de mesas e a sushi-barra, Osushi é un restaurante sobrio, sinxelo, cálido, moi na liña do que disque é a decoración oriental.
Tamén é de agradecer o trato do servizo. Ante o noso descoñecemento (e, imaxino, do noventa por cento dos clientes que pasamos por aquí), a actitude básica é de orientación e información, nunca, como adoita ocorrer en demasiados casos, de educación, imposición ou adoutrinamento.

Tentando facer un breve percorrido axeitado aos nosos gostos, e sempre guiados polo camareiro, optamos por unhas Gyozas de carne ao curry, un par de Niguiris de atún e outros dous de vieira, un Tiger Roll creo recordar con salmón e filadelfia, e unha tempura mixta –verduras e lagostino–; como sobremesas, un xelado e un cremoso de café. Todo acompañado de cervexa xaponesa e auga.

IMG_0538
Snack: ensalada de algas, cenoura, chícharos…

IMG_0542
Niguiris: vieira e atún.

IMG_0544
Tiger Roll

IMG_0548
Gyozas (masa recheada de carne ao curry e cociñada ao vapor)

IMG_0554
Tempura mixta

IMG_0557IMG_0556
Sobremesas

Disque a comida xaponesa é coma unha especie de droga: cada vez que a comes gostas un chisco máis dela, e un pouco máis, e máis… ata que chega o momento que, sen te decatar, convertécheste nun adicto.
Direi que, talvez pola variedade ou quizá porque o dito ten algo de verdade, direi que si, que nesta ocasión disfrutei un pouco máis da comida xaponesa que no meu bautizo.
E, si, claro, unha boa parte de culpa tamén ten este Osushi, do que non podo dicir que é o mellor xaponés de Galicia –carezo de referencias, e o único que coñezo– pero si que me gustou moitísimo, como para recuncar en calquera momento.
Respecto ao prezo, pagamos 34€ por persoa.
Atrévome a escribir que está no límite para poder falar dun prezo razonable en proporción ao que comimos; non podo dicir que resultase barato, pero tampouco se me antolla caro; non foi moita cantidade pero sempre está a calidade da materia prima, as técnicas de elaboración, o servizo…

Direi que non se trata dun restaurante especialmente recoñecido polas grandes guías gastronómicas pero que si está no boca a boca popular e, sobre todo, na pluma de todos os blogastrónomos galegos. De feito, na miña análise do ano pasado, e a pesar da ausencia de guías, ocupaba un sobresaínte 39 lugar entre todos os restaurantes galegos.

Osushi
Andrés Medici
Martínez Garrido 83
36205 Vigo
986 294 881
contacto@osushi.es
www.osushi.es
https://es-es.facebook.com/osushi.es
GPS: 42º13’ 23.8N 08º42’32.2”W
Localización en Mapas de Google