o miolo

a árbore da veira

En abril de 2011 resumía o noso paso por Alborada como Unha comida memorable
Logo, e sen rubor, chegaba a incluír aquela comida entre os meus particulares referentes gastronómicos e a Luis Veira ao nivel de Toñi Vicente ou Sergi Arola.
Por fin, e tras dura batalla con nomes como The Yeatman ou o DOP de Rui Paula, aquela comida, aquela experiencia no Alborada,  pasaría á nosa pequena historia como a comida máis satisfactoria do ano 2011.

Árbore da Veira 02Árbore da Veira 04

Hoxe, tres anos despois, xa era tempo de coñecer o proxecto particular de Luis Veira, tamén en A Coruña: A árbore da Veira.
E nesta mañá de sábado de decembro, bastante desapracible, alá nos fomos.

Árbore da Veira 08Árbore da Veira 10
Árbore da Veira 11Árbore da Veira 09
Fotos 1 e 4 da web do Árbore de Veira

O local é pequeno; estreito na entrada, con zona de espera, e máis aberto ao fondo. Seis mesas; todas ocupadas (non é doado conseguir mesa).
Decoración moi limpa e clara, especialmente agradable, con referencias constantes á natureza e detalles pouco usuais que dan unidade e personalidade e que se agredecen (os grandes fotomurais das paredes ou as esculturas que adornan todas as mesas).
Servizo perfecto.
Dous menús diferentes: o raíz, formado por snaks, 8 pratos, 2 sobremesas e petit fours, e o árbore, a base de snaks, 12 pratos e 3 sobremesas. 50 e 65 euros respectivamente. A lista de viños é limitada (arredor de 30 referencias) e non moi usual, pero seica foi elixida específicamente para satisfacer diferentes gostos e prezos e, en todo caso, unha maridaxe perfecta cos menús.
Decidímonos polo menú raíz e por un Romántica, crianza da Ribeira do Douro, de 2011. Boa elección.

Árbore da Veira 19Árbore da Veira 16Árbore da Veira 21  
Árbore da Veira 18Árbore da Veira 20 Árbore da Veira 22

Os snacks, por orde de aparición: Gin fizz, olivas sféricas, manteiga de tomate e pemento, crukis de roquefort e paixón, cucurucho con tartar de xurela, caramelo de cebola con bacon e avelá, camarón tomando o sol.
Uns máis dominantes, outros dominados eles mesmos pola sutileza da preparación ou mesmo da presentacion; todos ricos; sen preferencias.
Podo reproducir, textuais, os entretementos, pois unha folla de oblea co nome de todos eles forma parte dos propios snacks.
A partir de aí, a miña feble memoria pérdese nunha amalgama de sabores, olores, texturas, imaxes…; dos oito pratos apenas sei informarvos máis que de pequenos detalles.

Árbore da Veira 25Árbore da Veira 26
Árbore da Veira 28Árbore da Veira 29
Árbore da Veira 30Árbore da Veira 31

Árbore da Veira 32Árbore da Veira 33Árbore da Veira 35Árbore da Veira 39

Os espaguetis de pemento, a xa famosa cereixa de foie, as vieiras, a navalla (a que para min talvez foi o bocado máis plano), o saquiño de masa de arroz co mollo de cogumelos, o fantástico guiso de setas con ovo a baixa temperatura (fotos 5 e 6, antes e despois de remexer o ovo co resto de compoñentes), a sorpresiva pescada sobre caldo de repolo (outro momento estelar) e, xa por fin, a carne con verduriñas.
Agora, ordenando as fotos, vexo que foron nove e non oito os pratos.
Mellor. Un momento máis para gozar dunha auténtica festa dos sentidos. Un menú con moito de galego, con enormes doses de creatividade, con diversidade de produtos e técnicas, con auténtica mestría.

  Árbore da Veira 40Árbore da Veira 41

Das sobremesas, xa vedes, a interpretación en tres variacións dunha mazá (xeado, zume e torta) e a torrada.

Árbore da Veira 55

Claro que, estando xa todo o peixe vendido, aínda quedaba outro momento ‘distinto’, de éxtase, de pura creatividade (e nunca mellor dito).
Cos cafés, os petit fours son presentados por un dos cociñeiros que, paseniño, explicando todos os pasos e ingredientes, vai despregando cada bocado sobre un lenzo en branco co resultado final que vedes abaixo.

Árbore da Veira 42Árbore da Veira 45Árbore da Veira 44
Árbore da Veira 46 

Xa vedes, comparada con outras, nesta entrada non dou demasiados detalles.
Quizá polas eivas da memoria.
Tal vez porque empezo a facerme maior e vou aprendendo que nisto das cousas do comer non é cuestión de diseccións, de análises a fondo, de tentar descubrir ingredientes ocultos, de memorizar…
Non.
Todo debe reducirse a sentir e gozar do momento.
A cociña, como escribía Grombich da arte, non hai que entendela, non, só sentila.

Árbore da Veira 53Árbore da Veira 54

E a Árbore de Veira está na vangarda dos restaurantes galegos deseñados, de punta a rabo, para facernos sentir.
Un último comentario. Nos tempos de crise (e tamén nos de vacas gordas), o custo é un aspecto ao que estou a darlle unha importancia crecente; paréceme case de milagre que o menú ‘curto’ (!!!) de Luis Veira que acabades de gozar comigo se vaia ‘soamente’ aos 50€.
Chapeu.

Árbore da Veira
Luis Veira
Rúa san Andrés 109
15003 A Coruña
Teléfono: 981 078 914
Web
Pecha o domingo
GPS: 43° 22' 9.0552" N  08° 24' 14.3964" W
Localización en mapas de Google
Repsol: 1 sol
Michelín: 1 estrela
TripAdvisor

miscelánea gastronómica

Está nun espazo que forma parte da miña infancia pero nun lugar concreto que pasa algo desapercibido para a memoria. Fronte ao muro da estación. Entre as rúa México e Vázquez Varela. Un pouco máis arriba do cartel do cine Ronsel.

Restaurante DaVid 01Restaurante DaVid 03

Escoitara a publicidade e, a verdade, non me parecía moi afortunada, no tiraba por min como se supón debe facelo un bo anuncio. Despois de varias opinións de confianza, e facéndome máis forte que os meus propios prexuízos, decidín darlle unha primeira oportunidade en forma de menú do día.
Non levaba cámara, así que as fotos dos pratos son do móbil, e o resto roubadas da páxina do propio restaurante.

Restaurante DaVid 06
Restaurante DaVid 04
Restaurante DaVid 08

O local é moi agradable. A decoración, baseada no granito visto, nos cadros e nos toques de cor granate, pareceume moi lograda. Consta de catro espazos diferentes; un exterior, digamos, para fumadores, a zona de bar, un pequeno comedor ‘de diario’ e gran comedor do fondo.
Hoxe, martes, o comedor  está practicamente cheo e vemos pasar un gran grupo para o comedor grande.
O menú do día consta de entrante (tres a elixir), prato (tres a elixir), pan, bebida e sobremesa (dúas a elixir) ou café, a un prezo de 12,90€, e coa particularidade de que tanto un dos entrantes coma un dos pratos son un pouco máis ‘gourmets’ que os outros dous, e teñen un pequeno sobreprezo. Vexo ao meu arredor que non son moitos, pero si hai quen opta por algunha das versións especiais.

Restaurante DaVid 20

Carmen pide a crema de cabaza con labras de foie e eu o Lombo de sardiña afumada con compota de tomate. Calquera dos dous cun máis que meritorio nivel de elaboración e presentación para tratarse dun menú do día. Gustoume, especialmente, a sardiña co tomate.

Restaurante DaVid 10Restaurante DaVid 13

No prato forte coincidimos: lacón con grelos.
É unha ración máis que xenerosa e estaba realmente bo; no seu punto de desalgado e de cocción (a verdade é que iso de ‘no seu punto’ pode resultar algo pedante; mellor, dicir, que estaba no punto que a min me gosta).
Se hai un ‘pero’ (que tecnicamente se cadra non debería mencionalo), está nos grelos; semellan cocidos lonxe do lacón e durante moi pouco tempo, respectando os puntos de cocción ao uso. Resultan máis naturais, máis ‘grelos’… pero un pouco bravos de máis; tería preferido o punto de cocción da miña nai e embebidos no sabor do lacón e o chourizo.

Restaurante DaVid 14Restaurante DaVid 15

De sobremesa, unha de cada, unha Torta de mazá (receita bastante particular pero moi rica) e o Arroz con leite (sen ser un dos meus doces favoritos, o salteado con pasas ai que se saia un chisco da media e que entre especialmente ben).

Restaurante DaVid 16Restaurante DaVid 19

Total, o dito, 25,80€ entre os dous para un menú do día con moi alto nivel.
Merece probar o menú á carta. Xa vos contarei.

Restaurante daVid
r/ Urzaiz 72
36204 Vigo
886 137 750
david@da-vid.es
Web
Facebook
GPS: 42.233681N, 8.714542W
Localización en Mapas de Google

por que gosto tanto de portugal

Grafittis en Braga 3

Pois por todo.
Podería acollerme á historia e chorar de envexa (sa envexa) polo 25 de abril, ou tirar aínda máis atrás e achar que non hai que ir tanto máis atrás para saber que somos os mesmos. 
E polo idioma, pola paisaxe, polos costumes, polo fado, por Siza Vieira, polo Douro, pola gastronomía, por Lisboa, polos viños, por Saramago, polo xeito de ser, por Pessoa, pola gastronomía, pola fortaleza…

Lisboa Mercado da Ribeira 05

Pero non. Hoxe veño cun novo motivo que engadir ao encanto. 
Imaxinade a situación.
Escapada de fin de semana a Lisboa. Sábado. Arredor da unha do mediodía. Na procura do Mercado do Campo de Ourique para comer.
(Por certo, modelo que está a poñerse de moda en Lisboa –Campo de Ourique  e Mercado da Ribeira– e en Porto –Mercado do Bom Sucesso, en Boavista–, e que consiste en reformar os vellos mercados para incluír, ademais dos postos de froita, peixe, queixo… orixinais, outros de delicatessen portuguesas e unha zona de balcóns de restaurantes da cidade que ofertan variedade de pratos a moi bo prezo para comer nun enorme espazo común. Unha boa alternativa para diario en Lisboa ou Porto).
Pero sigamos. Non teño moi claro por onde estamos e o coche de atrás (un Mercedes SLK) que me fai sinais coas luces; paro; unha muller loira bastante nova, fermosa, cun fillo de catro ou cinco anos que nos mira con ollos de estranxeiro vén canda min e dime que levo unha das rodas de atrás no chão.
Nervios, preocupación, deseperación. ¡E agora que facemos!?
A muller ofrécese amablemente a levarnos a un taller de confianza y ademais próximo; deixo que pase e a seguimos. Non máis de cinco minutos e chegamos a un local destartalado… pechado (xa pasa da unha). Não há problema. A muller condúcenos a unha segunda oficina… que resulta estar, tamén, pechada. Pregunta a un taxista que lle dá explicacións para achegármonos á sucursal dunha desas cadenas internacionais… que tamén fica pechada. Sempre ao rabo do Mercedes deportivo visitamos, inutilmente, aínda outros dous talleres.
E xa por fin, contra as dúas e ao sexto intento, un sitio de rodas, como todos pechado, pero co persoal aínda na porta; dentro xa dos seus coches para empezar a fin de semana, pero na porta. A nosa valedora pregunta polo xefe e tarda cinco minutos en convecelo; descoñezo o ton e os argumentos pero seica non resultou doado; as maneiras, así de primeiras, non son moi amigables… pero abren o taller e, alá para as dúas e media pasadas, terminan de solucionar o noso problema.
Non sei que dicir. Grazas, muller. Muito, muito obrigado.

Lisboa 100 Maneiras 01

Ademais de dúas comidas nos mercados lisboetas, a cea máis gratificante foi no 100 maneiras, un local de moda no barrio de moda (o bairro Alto) altamente recomendable. Imprescindible reservar.
Menú de dez pratos (55€) coa posibilidade de dúas seleccións de viños de maridaxe, unha ‘normal’ de 35€ persoa e outra especial que andaría polos cincuenta.
Local pequeno e abigarrado pero sen risco de mesturarte nas conversas dos demais ou de que entren nas túas; nunha liña de cosmopolitismo de altura, as palabras son en mil e un idiomas diferentes.

Lisboa 100 Maneiras 02 Lisboa 100 Maneiras 04Lisboa 100 Maneiras 06Lisboa 100 Maneiras 07Lisboa 100 Maneiras 08Lisboa 100 Maneiras 09
Lisboa 100 Maneiras 10Lisboa 100 Maneiras 11Lisboa 100 Maneiras 13
Lisboa 100 Maneiras 14Lisboa 100 Maneiras 16

De esquerda a dereita, de arriba abaixo e despois do aceite cunhas pingas de módena:
Estendal do Bairro: Bacalhau desidratado con molho ioli de coentros e pementos.
O Brejo Largo: Ostra carabineiro e ouriço-do-mar em espuma de ostra e clorofila de coentros e rúcula.
Nem tanto ao Mar Nem tanto à terra: Batata recheada com queijo e cavala fumados, bolinhas de bacalhau e ostra recheada com presa de porco preto e batata rate.
Madame Butterfly: Rosbife recheao de foie-gras e funcho com molho dashi.
Santa Sardinha: Sardinha com queijo fumado, areia de broa, chalota em balsâmico e coentros fritos.
Bacalhau à Eusebio: Bacalhau braseado com puré de tremoço e creme béarnaise.
Jack Sparrow: Caviar de pêra bêbeda com sorbet de funcho.
Ultimo Acto: Lombo de borrego com pistáchio, puré de alho e legumes confitados.
Final Tropical: Cheesecake de piña-colada.
Final Feliz: Esfarelado de brownie com gelado de iogurte.

Restaurante 100 Maneiras
Ljubomir Stanisic
r/ Teixeira 35
1200-459 Lisboa
Telefone: +351. 910 307 575
info@restaurante100maneiras.com
Web
Localización en Mapas de Google
GPS: 38º42’52,8”N  9º08’41,4W
Repsol
BCBM
Lo mejor de la gastronomía
TripAdvisor
Michelín