o miolo

cociñando contos. a comida, en bagos

Despois dunha moi agradable mañá (Cociñando contos), a comida estaba pensada en Bagos (rúa Michelena 20, Pontevedra).

bagos

Bagos, en principio, é unha viñoteca. Pero, unha vez probado, hei dicir que vai moito máis alá, ata ocupar un espazo propio entre un dos modelos de local de restauración que está máis de moda.
Por suposto que serve viños, para todos os gustos, en copa ou botella, branco ou tinto, de dentro e de fóra, caros e máis asequibles, fríos e máis mornos, en barra ou nas mesas, vellos, novos e en idades intermedias…
Pero para dar sentido pleno ao placer do viño hai que complementalo cun bocado sólido; e, para que a proposta fose completa, a xente de Bagos tivo o acerto de contactar con Pablo Romero (Allo e Aceite) para que organizase a cociña.

Estamos ante a tendencia de moitos dos cociñeiros de máis ou menos sona que están a aplicar a súa sabedoría aos pequenos bocados, ás racións, ás tapas, a unha cociña menos encorsetada, disque para compartir, máis rápida, máis asequible (sostible), sen por todo o anterior perder os sinais de identidade.
(Neste senso, atentos a Platea Madrid, o proxecto que está a montar Pepe Solla xunto con cociñeiros da talla de Paco Roncero, Ramón Freixa e Marcos Morán).

Viñoteca Bagos 05 Viñoteca Bagos 06

Bagos ocupa un semisoto en plena rúa Michelena, a escasos metros da Peregrina.
Quizá para compensar a falta de luz natural o local vive da cor branca e dunha xenerosa iluminación indirecta. Resulta agradable e divertido. Nun único espazo conviven a barra, as mesas tradicionais e recunchos con mesas altas e taburetes. Destaca a mesa poligonal central, elevada, tipo barra, para 6-8 persoas.
O servizo é rápido, próximo e profesional.
A carta conta cos lugares comúns dunha viñoteca-tapería ao uso (as tostas –de cecina con pemento do Bierzo, de queixo de cabra con rúcola e noces…–, os embutidos e os queixos).
Ademais, a oferta propia: a celebrada tempura de lagostinos con maionesa de curry, as croquetas –de xamón ou de choco da ría–, o polbo con escuma de cachelos, as navallas con aire de ourizo, a hamburguesa de tenreira ecolóxica galega, etc.
Ademais, e fóra de carta, hoxe nos ofrecen unha pescada e un solombo.

Viñoteca Bagos 08 Viñoteca Bagos 11Viñoteca Bagos 13 Viñoteca Bagos 14

Comemos con tres racións: os lagostinos (realmente magníficos), o cucurucho de piardas (máis que correcto, o bogón non deixa de ser bogón pero é moi fresco e o rebozado está moi logrado), e por fin as croquetas de chocos da ría, sen dúbida e a pesar dos éxitos anteriores, o bocado máis rico dos tres. Delicado, con moito contraste, saboroso, identificable
Todo cun pan de bola que axuda e un vaso de viño cada un.

Viñoteca Bagos 16 Viñoteca Bagos 17

Marca da casa –Pablo Romero– tamén son as sobremesas.
Tiramos pola Torrada con xeado de vainilla e a Mousse de chocolate con xeado de abelá pero perfectamente podería ter sido o Xeado de framboesa con escuma de queixo e crocante de améndoa ou os Amorodos con ruibarbo e xeado de iogur.
Calquera deles, na teoría, pero tamén na práctica, sobremesa digna dun bispo.

Pagamos 18€ cada un, prezo que nos pareceu xusto, equilibrado para as características do local e o que comimos.
Co meu particular baremo, é deses locais aos que temos que volver.

Viñoteca Bagos
R/ Michelena 20
36001 Pontevedra
Teléfono: 986 852 460
E-Electrónico
Web
GPS: 42.431188ºN  8.645203ºW
Localización en Mapas de Google

cociñando contos

Nesta ocasión, o paseo a Pontevedra tiña un obxectivo claro: a visita ao XV Salón do Libro Infantil e Xuvenil (salondolibro).

cociñandolibros

Unha gozada.
Baixo o título xenérico de Cociñando Contos, e durante case un mes (do 14 de marzo ao 5 de abril, no Pazo da Cultura e distribuídas por todo o casco de Pontevedra), unha manchea de actividades onde experimentar as infinitas maridaxes entre a cociña, os alimentos, a gastronomía… e o libro infantil e xuvenil.
Un intento máis –nunca serán suficientes– de estimular o gusto pola lectura entre os cativos (e non tan cativos).

Cociñando Contos 07 Cociñando Contos 08 Cociñando Contos 11 Cociñando Contos 10

Cine, música, obradoiros, contacontos, artes plásticas, xogos, exposicións, teatro, espectáculos de rúa, talleres…

Cociñando Contos 12

Algúns exemplos.
Venres 4 de abril, 17.30h. Obradoiro: Cociña extraterrestre, a cargo da editorial Pata de Peixe. Para un público familiar e centrado en rapaces de 5 a 10 anos. Elaboración de diferentes receitas relacionadas co libro Coidado Extraterrestres, cociñando sobremesas con cousas verdes.
Venres 21 de marzo, 18h. Obradoiro: Que se coce nos pucheiros?, a cargo de Pepe Solla. Para un público familiar. Da man de Pepe Solla descubriremos os segredos que agochan os pucheiros.

Cociñando Contos 04

Almorzos ilustrados: durante todo o tempo de duración do salón, nos locais da rúa Real, manteis ilustrados co gallo do salón. Arcimboldos: roteiro de escaparates saborosos; oito artistas plásticos decoran outros tantos escaparates de establecementos de alimentación inspirándose na obra de G. Arcimboldo.

Cociñando Contos 24

Quedáronme os ollos na actividade Fotografía a túa novela, do venres 4 e sábado 5 de abril, entre 18 e 20h.; taller para crear un cómic a partir dunha historia e a base de fotografías.

Claro que, falando de fotografía, nada máis fotoxénico que o café dos artistas, un recuncho no que fotografarse tomando un café a carón dos grandes da literatura infanto-xuvenil galega. Agustín Fernández Paz, Neira Vilas, Paco Martín, Marilar Aleixandre, Bernardino Graña…

Cociñando Contos 14

Cociñando Contos 16 Cociñando Contos 17 Cociñando Contos 18

Cociñando Contos 15 Cociñando Contos 21

Por certo, unha oportunidade óptima para visitar, tamén, ao continente, o edificio, da autoría de César Portela, con recunchos dotados dunha plasticidade espectacular.

Pazo da Cultura Pontevedra 01      Pazo da Cultura Pontevedra 02
Pazo da Cultura Pontevedra 05 Pazo da Cultura Pontevedra 04
Pazo da Cultura Pontevedra 09

En fin. Demasiadas emocións xuntas. Estendinme un pouco máis da conta.
A comida, en Bagos, terá que quedar para mañá.

renovar votos

Non sei se comezar pola renovación dos meus votos ao santo Valentín ou, pola contra, confirmando a miña predilección absoluta polo restaurante Ferrugem.
O caso é que aproveitando a proposta do Ferrugem, alá nos fomos Carmen e mais eu, a Famalição, a celebrar o dia dos namorados.

namorados2014_ferrugem

Leo que isto dos menús na honra do santo das frechas ten moito éxito en Portugal.
Desde o celebrado Rui Paula no DOP ao máis humilde dos cantinhos na Ribera do Porto, son moitos os restaurantes que ofrecen un menú especial para este día. Os posts ao longo e ancho de Internet analizando propostas son, case, innumerables (Os 7 Melhores Restaurantes para o Dia dos Namorados em Lisboa, Os 12 Locais Mais Românticos para o Dia dos Namorados, 8 Sugestões de Hotéis para um Dia dos Namorados Perfeito, Jantar fora no Porto no dia dos namorados…)

Restaurante Ferrugem 1

O restaurante Ferrugem está en Portela, Vila Nova de Famalição, moi cerca de ningunha parte.
É como os grandes santuarios: vas alí por fe, por algo que tira por ti desde dentro, convencido de que vai compensar, case den ollos pechados… pero sabendo que, fóra o propio santo e o feito de renderlle honras, non hai nada nos arredores próximos ou remotos que guíe a túa devoción.
Xa había máis de tres anos que non iamos por alí (Restaurante Ferrugem) e non foi difícil sucumbir ao reclamo dun menú completo dos namorados:

MENU DE DEGUSTAÇÃO S. VALENTIM 2014
(disponível de sex 14.fev a dom 16.fev)
Chefes
Dalila e Renato Cunha
Cumplicidades
Pão d’água e Manteiga de Azeite
Preliminares (snacks)
iogurte de camarão da costa (com pedaços!)
o panadinho e o molho verde, venha o polvo e escolha!
mini pastel de bacalhau com nata
chips de lombo de porco fumado
mini hambúrguer de rabo de boi com pão de batata e cebola
Viño: Quinta do Boição Arinto Reserva Bruto Bucelas DOC 2008
Primeiro ato
Bacalhau com todos (ousado!)
Viño: Afros Loureiro Vinho Verde DOC Branco 2009
Segundo ato
Lombo de porco alentejano, arroz cremoso de boletos e mini legumes em picle
Viño: Seis Quintas Martúe Reserva Douro DOC Tinto 2010
Clímax
Jardim de chocolate, framboesa e amor-perfeito
Porto Warre's LBV 2002
café/chá/infusão e guloseima
preço: 50 € persoa

Pagou a pena. Pois claro que pagou a pena!
Vento, frío, choiva, cento vinte quilómetros á ida e outros tantos de volta… para algo máis de dúas horas de pura exaltación dos sentidos.
Materia prima, imaxinación, saber facer, tamén un especial saber estar, calidez, delicadeza, olores, texturas, sabores, tradición, sorpresa… Houbo de todo. Tanto como para renovar os meus votos de devoción polo Ferrugem e confirmar que, entre Minho e Douro, é o meu restaurante favorito.
Os viños, magnífica elección. Un destaque especial para o tinto (un Douro reserva de Moncorvo moi equilibrado, saboroso, sen aristas e disque con excepcional relación calidade-prezo) e, como non, polo Porto.
Mágoa que á saída había que loitar contra a climatoloxía, os moitos quilómetros e a razoable ameaza dos gardiñas.

Restaurante Ferrugem Namorados 2014 06
O pan de auga e a manteiga de aceite no seu tubo dosificador

Restaurante Ferrugem Namorados 2014 07
A colorista paleta cos cinco entrantes

Restaurante Ferrugem Namorados 2014 09 Restaurante Ferrugem Namorados 2014 10
O saborosísimo iogurt de lagostino e a textura do polbo empanado.  A mini hamburguesa

Restaurante Ferrugem Namorados 2014 11 Restaurante Ferrugem Namorados 2014 13
Os xa famosos e internacionais pasteis de bacallau con nata.   Os chips de lombo de porco

Restaurante Ferrugem Namorados 2014 15
A acertada reinterpretación do bacallau con todos

Restaurante Ferrugem Namorados 2014 16
O lombo de porco no punto exacto co seu arroz super-cremoso de boletus

Restaurante Ferrugem Namorados 2014 18 Restaurante Ferrugem Namorados 2014 19
O chocolate negro coas súas framboesas cristalizadas e as flores do xardín.  O café e o pastel, agora si, de nata

Para os datos xerais de Ferrugem podedes consultar a entrada da nosa anterior visita.
Salientar que a proxección desde entón é case imparable. Ademais de todos os destaques alí mencionados, a día de hoxe xa foi Garfo de Ouro no Boa Cama Boa Mesa, xa acadou 1 sol na guía Repsol, e tamén entrou na Michelín de 2014 como BibGourmand.