o miolo

cen por cen portugal

O sábado comimos en Braga. Pepe e mais eu.
Non levabamos nada preparado pero si sabíamos os dous que queríamos algo novo, distinto, escapar do de sempre, o Inácio, a Cozinha da Sé, os centros comerciais...

Restaurante Paulo Padeiro Braga 01Restaurante Paulo Padeiro Braga 03

Por unha vella referencia sen concretar, caímos no restaurante Paulo Padeiro.
Está lonxe de toda guía turística, nunha ruela de terceira categoría por Carandá.
Por fóra nada de especial, un de tantos, sen reclamo de ningún tipo que anime a entrar. E, dentro... outro tanto, tres cuartos do mesmo: feitura típica de bar de barrrio reconvertido a restaurante.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 04Restaurante Paulo Padeiro Braga 05

Local non moi grande e un tanto agoniado, balcão de granito gris que xa non é tal, sillas e mesas de madeira maciza estas protexidas por baixomanteis granate, algún cadro de flores, moito ruído, diversas referencias á autocompracencia... e, como non!, paredes incondicionais do Sporting de Braga teimudas por destacar unha historia recente de éxitos deportivos máis que salientables nun estadio que, pola súa arquitectura, traspasa fronteiras.

Sábado ao mediodía, a unha e cuarto (portuguesa), e o Paulo Padeiro está a tope. Unha mesa de non menos de vinte persoas, outra con oito, un par delas con catro e varias, como a nosa, ocupadas por parellas.
O servizo é amable, rápido e eficiente. Carta bastante curta a base de propostas portuguesas nas que destacan un bacallau e o cabrito ao forno, este, sen dúbida, auténtica estrela do local. Para o viño, deixámonos enganar pola camereira, unha muller da nosa quinta, que non disimula a súa orixe rural portuguesa e posuidora duns riscos faciais especialmente agradables.
Monte das Servas Escolha 2011 (Alentejo). Sen irse no prezo (10€), máis que digno para apoiar o cabrito.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 08Restaurante Paulo Padeiro Braga 09

De petiscos, unhas olivas fantásticas e unha pasta de untar, de atún con diversas verduras, que non se queda atrás.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 11Restaurante Paulo Padeiro Braga 12

O cabritiño dá cumprida resposta á sona que lle precede. Algunha punta algo seca e churruscada de máis (os inconvenientes do forno), pero en xeral no seu punto: tenro e moi saboroso.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 16

De acompañamento trae unhas pataquiñas simplemente extraordinarias. A sabedoría de Pepe apunta que están cocidas en caldo antes de entrar ao forno co mollo do cabrito. A maiores pedimos arroz e unha ensalada.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 17Restaurante Paulo Padeiro Braga 18

A oferta de sobremesas volve a ser digna representante dos doces típicos do norte de Portugal. Decantámonos polas mousses, Pepe de maracullá e eu a inevitable de chocolate, nesta ocasión, e como novidade, o camareiro ofrece botarlle un grolo de whisky que, a verdade, non aporta nada. Penso se non tería sido máis axustado unhas pingas de coñac.
O prezo está dentro dos límites do razoable. Pagamos algo menos dos 20€ cada un. Non é ningunha ganga e menos tratándose do Portugal da crise, pero o viño e os acompañamentos que pedimos a maiores axudan a comprender mellor o prezo.
Seica unha comida de diario, cun viño máis acorde coa casa e o cabrito unicamente coas súas pataquiñas, o prezo sería máis axustado.
Coas matizacións anteriores, estamos ante un local tipicamente portugués que resulta máis que recomendable.

Mercado Cultural de Carandá 01Mercado Cultural de Carandá 03

Ao rematar a comida, agradable paseo polo Mercado cultural de Carandá.
Nace como mercado da man de Souto de Moura (como o estádio) e, cando os centros comerciais substitúen aos mercados de toda a vida, o propio Souto fai o proxecto de reconversión a espazo cultural.
Está un chisco abandonado pero paga a pena.

Paulo Padeiro
Américo Ferreira Carvalho, 95
4710-217 Braga
965 242 333
GPS: 41° 32' 43.76"N,   8° 24' 54.76"W
Localización en Mapas de Google

o viño é poesía embotellada

O pasado xoves asistimos á última sesión desta tempada de 'Os Xoves de Códax', encomiable iniciativa das adegas Martín Códax na que, máis alá do propio nome da adega, procuran a fusión do viño e a cultura: a poesía -o viño- feita música.

Os Xoves de Codax 00

Os xoves de Códax é un xeito fermosísimo de promoción: ademais de dar publicidade a adega e aos seus viños, Martín Códax dá un importante pulo á música galega.
Como escribe a propia adega na web, trátase de 'a maridaxe entre o albariño e a música de artistas como Sés &Tito Calviño, Mercedes Peón ou Di Elas'.

Os Xoves de Codax 01

Cada xoves de xullo e agosto, ás 20.30, na terraza, hai un concerto de unha hora aproximada de duración.
As entradas son gratuítas e distribúense, para cada concerto, por rigorosa orde de petición: ben por teléfono (986526040), no enderezo electrónico ou a través do Facebook da Bodega.

Os Xoves de Codax 33 

A terraza é un espazo dunha enorme plasticidade, moi fermoso, cunha acústica envexable. As vistas sobre o mar de Arousa, un auténtico privilexio. Se, ademais, a hora coincide coa posta de sol, a atmosfera cóbrese dun feitizo que dispara todos os sentidos e emocións.

Os Xoves de Codax 29Os Xoves de Codax 08

Segundo entras na terraza, a adega ofréceche unha primeira copa de viño. A partir de aí, hai que pagar a bebida, ben por botella ben por copa.
Durante o tempo que dura o concerto un grupo de camareiros anda entre os espectadores ofrecendo pratiños con empanada, queixo, patatillas, froitos secos.... que axuden a baixar o viño.

Os Xoves de Codax 10

O xoves 29, día da despedida, asistimos a un magnífico man a man entre Uxía e Joao Afonso.
Entre o público, unha maioría de xente interesada no concerto, pero tamén unha parte significativa de xente guapa, desa que vai a este tipo de actos a ver e deixarse ver... e, nalgúns casos, a falar, a molestar mentres os artistas cantan cunha evidente falta de todo (de educación, de sensibilidade, de respecto polos cantantes e polo resto do público...). Unha mágoa. 
Foi Uxía Senlle a que para despedir o seu concerto e agradecer á adega a inciativa dos xoves, lembrou aquela famosa frase de R.L.Stevenson de que o viño é poesía embotellada.

Adega Martín Códax
Burgáns 91
Vilariño, Cambados
36633 Pontevedra
Tlf: 986526040
Fax: 986526901
E-Electrónico
Web 
Localización en Mapas de Google

chiringuito coco-bao. a illa de arousa

Despois da visión xeral sobre o conxunto dos chiringuitos de praia da Illa de Arousa, e por recomendación de Flori e Luis -falan del entusiasmados-, hoxe ao mediodía tocunos visitar máis polo miúdo o Coco-Bao, na praia do Bao.

Chiringuito Coco-Bao 01

De entrada salientar que, escriba o que escriba, escoitedes o que escoitedes, estamos a falar dun chiringuito. Nin máis nin menos.
É que case o único que ten de chiringuito de praia o Coco-Bao é a estética.

Chiringuito Coco-Bao 1

A caseta de madeira e feitura rústica co balcón para atender, a pizarra á altura do camiño para captar turistas, o cartel dos xelados, mesas e sillas pregables ciscadas arredor da caseta, sombriñas de cores variadas e rechamantes con cadanseu selo de propaganda, marcas publicitarias por todas partes, nos vasos, nas papeleiras, nos servilleteiros, polas paredes, na carta...

Chiringuito Coco-Bao 3

Cómpre salientar que as mesas están estratexicamente distribuídas para loitar contra o vento que, hoxe en concreto, é moi forte e apenas notamos. Tamén un cuberto para os máis mixiricas ou para condicións excepcionais de auga ou frío.
A partir de aquí entramos nun mundo por descubrir.

Chiringuito Coco-Bao 02Chiringuito Coco-Bao 03

O primeiro, a carta. Moi ampla e cun par de pinceladas de orixinalidade que serven para afastala radicalmente da normalidade. A cociña, dentro da tradición, aporta leves toques de diferencia, un chisco de aneto empoado por aquí, un pouco de vinagre con personalidade propia esparexido por alá. O servizo, amable e próximo, solícito e rápido, atento á túa satisfacción e desexos, recomendando as especialidades ou os produtos especiais da xornada.
Malia o día -moito vento, finais de agosto, martes, apenas xente na praia- e os moitos lugares cos que conta, está practicamente cheo, pero apenas hai que esperar, o ritmo da cociña e do servizo son óptimos.
Onde moitos locais de máis categoría e ínfulas (baldeiras) mesturarían ás tolas os  compoñentes para elaborar, por exemplo, unha simple ensalda, no Coco-Bao esméranse por seleccionalos, por casalos, por cortalos, por distribuílos de xeito que forman un conxunto colorista e harmónico.

Chiringuito Coco-Bao 13Chiringuito Coco-Bao 14

Para beber pedimos un par de 'tintos de verán', versión moderna e reducida da clásica sangría. Frío e pecando de dozura entra ás mil marabillas.

Chiringuito Coco-Bao 04Chiringuito Coco-Bao 05

As principais novidades da carta son as ensaladas -orixinais e variadas- e as algas. Estas están presentes en varias das ensaladas, nun revolto con gambas, tamén mesturadas con gambas ao allo ou simplemente rebozadas e fritidas ('espagueti do mar rebozado'). Optamos por unha ensalada con algas, a que bautizaron como 'Ensalda do mar' e que, ademais da leituga e a alga -himanthalia-, leva tomate, cebola, lombarda, gambas, meixóns e mexillóns; como condimentos, aceite e vinagre de boa calidade, algo de allo e aneto. O resultado, unha ensalada moi variada e diferente, ben conxuntada, moi rica.

Chiringuito Coco-Bao 11

A continuación pasamos a unhas croquetiñas.
Metade de mexillón e metade de marisco, están moi boas. Coa envoltura crocante e por dentro cremosas, untuosas, identificables, moi saborosas.

Chiringuito Coco-Bao 06

Ameixas ao aneto. Trátase dun prato especialmente recomendado. As ameixas son rubias e de primeira (non en van as rapazas do Coco-Bao no seu 'tempo libre' son mariscadoras -ver 'E aínda din que o peixe vai caro'-), e a preparación escapa da uniformidade da 'mariñeira' (que por certo cada quen interpreta como entende e quere). O mollo non é moi gordo e o aneto esparexido por riba é o que dá consistencia ao prato. Realmente moi boas.

Chiringuito Coco-Bao 07Chiringuito Coco-Bao 08

De sobremesa un marabilloso flan de queixo que, en si mesmo desdí a súa orixe de doce dun simple chiringuito.

Chiringuito Coco-Bao 15

Por todo o anterior (un de cada da ensalada, das croquetas e das ameixas, dous tintos de verán, dous flans e un café) pagamos 17€ por cabeza.
Seica 17 euros por persoa nun chiringuito de praia podería semellar un pouco moito, pero se temos en conta a xenerosidade das racións, o produto utilizado, a atención, a orixinalidade e o esmero na cociña... o prezo antóllaseme bastante máis axustado.
O Coco-Bao, un chiringuito de praia na Illa que de chiringuito apenas ten o nome; un descubrimento que vén enriquecer a oferta gastronómica de Arousa; moito máis que recomendable e ao que -segundo o noso particular criterio de valoración- sen ningún xénero de dúbidas volveremos.

Chiringuito Coco-Bao
Praia do Bao.
A Illa de Arousa.
Teléfono: 661 215 052
Teléfono: 686 175 232
GPS: 42° 32' 46.73"N   8° 51' 46.83"W
Localización en Mapas de Google