Pinchando neste enlace ou no mapa podedes acceder a páxina de Google Maps de Como, logo existo coa localización da maioría dos furanchos da zona do Salnés, cos seus datos, e algún outro do resto da provincia de Pontevedra.
Se tendes referencia dalgún outro que pague a pena incluír no listado podedes escribir ao noso E-Electrónico.
o miolo
Unha vez feitas as presentacións -Unha segunda vida para o Loxe mareiro-, hoxe toca lembrar o que foi a nosa comida no Loxe Mareiro.
Finais de xullo, o día non está para praias, son arredor das dúas e trinta e o Loxe mareiro ten todas as mesas do comedor cubertas; hai xente na mesa da cociña e un par de grupos na explanada. No comedor, en total, non son moitos máis de vintecinco lugares, pero iso si, ben amplos; cabe a posibilidade de que en caso de necesidade 'inviten' a outra xente a sentar na túa mesa.
Como xa dixemos, o local resulta moi agradable, ambientación e vaixela orixinal e abertamente rústicas; desde a nosa mesa, se miro á fronte vexo a Iván Domínguez a trebellar nas súas cazolas, á dereita, e a través da porta, o mar parcelado de Carril, e por atrás, pola fiestra sempre aberta, a illa de Cortegada medio agochadas detrás dun barquiño.
A carta do comedor presenta sete entradas, tres peixes e cinco sobremesas.
Entradas: Ensalada normal, Peixiños, Ensaladilla, Chinchos en escabeche, Ameixas from Carril e Salpicón de peixe sapo.
Tres peixes: Pescada á romana, Tallada do peixe do día e Peza enteira do peixe do día.
Sobremesas: Piña en almibre, Amorodos con nata, Flan, Arroz con leite e Xeados feitos na casa.
O peixe do día normalmente non é un senón varios, tanto para servir por racións (talladas) como enteiro para toda unha mesa. Ademais, Iván, que é quen nos atende, ofrece algún marisquiño e, disque falando con el, pode atopar por aí algunha solución para os carnívoros.
Algúns dos peixes do día de hoxe son: lura (enteira), solla (enteira, para dúas persoas), xarda de ración, sanmartiño para talladas...
Non hai dúbida de que os de 2.0 saben vender o produto. O servizo á amable e próximo, familiar e distendido, en permanente esforzo por manter vivo o 'sentimento' do Loxe mareiro.
O pan, marca da casa. Cocido en Compostela con receita propia baseada en tres grans diferentes e un chisco de auga de mar.
A selección de viños é limitada e centrada exclusivamente en galegos. Pedimos o único tinto, un Ventura (mencía), por copa.
O saúdo do cociñeiro vén en forma dun excepcional gazpacho de amorodos. O toque que dá o amorodo, ademais de na cor, é dunha extrema sutileza que reforza o sabor do propio gazpacho.
De entradas pedimos os chinchos en escabeche e os peixiños (xoubas). Os chinchos, para o meu gusto, demasiado comedidos co vinagre; as xoubas, pola contra, fóra de serie: con pementos de Padrón, rebozadas de xeito maxistral; o rebozado crocante, fino, saboroso, mantén intacto o sabor a mar dunas xoubas que semellan aínda vivas.
Cos peixes, xarda de ración e tallada de sanmartiño, volvemos ás andadas: mar en estado puro cun tratamento de auténtico mestre. A verdade é que non sei por cal dos dous decidirme, os dous, simplemente fantásticos. Quizá, de novo, o rebozado do sanmartiño, maxistral, mantén intactos todos os zumes do peixiño.
Xeado caseiro de piña e amorodos con nata.
Pido café estilo portugués, o dedal de café negro, puro, intenso, ardente. Sensacional, tal como foi pedido, como moi poucas veces acertan a sacalo en España...
E agora vén o único 'pero' da comida. Polo anterior pagamos algo máis de 40 euros por persoa. Pareceume un pouco desproporcionado.
Os propios promotores falan do concepto 'taberna mariñeira' ou 'chiringuito', ou 'casa de comidas'..., e, efectivamente, nas súas formas externas non se trata doutra cousa. Mesas de piñeiro corridas, ás veces para compartir, sen mantel, pratos esmaltados, vasos de vidro basto, paredes encaladas, sillas de formica, botellas de gasosa facendo as veces de floreiros..., en fin, todo estudado, medido, elixido adrede na procura dunha estética moi concreta, a anunciada na filosofía do local.
Falamos de xoubas, xarga, un par de bólas de xeado e un vaso de viño.
Certo, produto de primeira calidade; certo, a man dun gran cociñeiro que debe ser valorada economicamente... pero... falamos de media ducia de xoubas e dunha cabala pequena nun local intencionadamente rural, que apenas ten unha semana de vida, que non ten inversión en adega...
Gustoume o Loxe Mareiro, moito, ata diría que me encantou se non fose porque iso de 'encantar' non funciona demasiado ben en galego.
Gustaríame volver para esa marabilla que debe ser a Mesa da cociña (9 'pases' ou pratos a partir de 45€), mesmo tiraría polo #Abastada, no que a maridaxe aínda subiría o prezo...
É posible que volvamos para tomar unha caña con media ducia de navallas, ou con un bocado do bonito ben bonito...
Pero sempre sabendo ao que imos.
Nos tempos que corren quen máis quen menos habemos de pensar ata cinco veces antes de pasar dos 40€ por comensal (e incluso dos 30...).
No Salnés hai moita e moi boa oferta e, non sabedes canto desexo equivocarme, a proposta do espazo 'comedor' do Loxe Mareiro (oferta-prezo) non teño nada claro que chegue a resultar competitiva.
Loxe Mareiro 2.0
Iván Domínguez
Aduana 56, Carril
15703 Vilagarcía de Arousa
Teléfono: 986510667
Móbil: 645053470
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google
GPS: 42° 36' 46.92"N 8° 46' 35.86"W
Foi así que un día Emilia Graña se presentou no Mercado de Abastos de Compostela para ofrecer a Iago Pazos e Marcos Cerqueiro a continuidade do seu local no paseo marítimo de Carril. Desexaba que a súa casa-bar mantivese a atmosfera 'emocional' que era o seu sinal de identidade, que o paso por aquel espazo paradigmático seguise a ser unha 'experiencia inolvidable'.
E decidiu que 2.0 era a forma do seu zapato.
E foi así que o Loxe mareiro se transformou, despois do Abastos e o Ghalpón, no terceiro proxecto do universo 2.0.
Quixo a deusa Fortuna que nos tempos nos que o novo Loxe aínda vivía só na imaxinación, se cruzase no seu camiño o cociñeiro Iván Domínguez, quen ata maio fora man dereita de Marcelo Tejedor (e, en moitos casos, mans dereita e esquerda).
Coa nova incorporación o Loxe matizou o deseño dos primeiros tempos de xestación.
Pasaba a formar parte do universo 2.0, polo tanto había de manter a filosofía de 'espazo gastronómico': produto, raíces, técnica, sinxeleza, meco..., e traballo.
A experiencia e valía recoñecida de Iván Domínguez como cociñeiro resultaron ser un valor engadido. Con el ao mando da cociña había que arriscar, pensar en novos retos, formularse aspiracións gastronómicas que non entraban no modelo 2.0, avanzar cara a unha cociña de 'longo percorrido' e maior proxección, falar, agora si, dun 'restaurante gastronómico'.
O cambio físico foi radical.
Nova distribución de espazos, encalado de muros interiores, máis luminosidade, madeiras claras -piñeiro ao vivo-, substitución do lila por un azulón máis neutro, sinxeleza, ausencia de elementos ornamentais, vaixela simple...
Xa non se trata do salón de casa de feitura tradicional no que recibir amigos. Nos tempos que corren os amigos acóllense mesmo na cociña, arredor dun vaso de viño, nun espazo diáfano ao que os novos anfitrións quixeron dotar dun ambiente de 'casa de comidas', de 'ghalpón', de 'taberna mariñeira' adaptada á estética do século XXI.
A proposta gatronómica, en continuo movemento, toma como punto de partida a revisión dos pratos de Abastos. Logo, aos poucos, chegan as 'creacións', o sacar o máximo zume dos produtos locais propios de cada tempada, un concepto de 'casa de comidas' coas receitas da zona despois de darlles 'unha volta' na cabeza de Iván.
Sinxeleza e frescura, son os condimentos dunha cociña que se pretende directa e divertida e na que se tenta non abusar do ingrediente técnico.
O modelo consta de tres propostas diferentes:
A Explanada: longas mesas compartidas na terraza a medio metro do mar para gozar da que bautizaron como 'cociña miúda coas mans', cantidades que se miden como 'puños', entre a tapa e a ración, de berberechos, percebes, xoubas...; tamén tortilla, empanadilla, cóctel de gambas... A un prezo medio de 5€ puño.
O Comedor: espazo tradicional como concepto pero innovador na liña do 2.0. Por primeira vez hai unha 'carta' máis ou menos ríxida; entrantes: ensalada 'normal', salpicón de peixe sapo, ameixas de Carril...; pratos: pescada á romana, unha 'tallada' de peixe, un peixe enteiro para compartir a mesa. Sobremesas.
A Mesa da cociña: sería a reconversión da 'cociña a porta pechada' de Compostela ao espazo Loxe Mareiro. Mesa comunitaria na cociña, para 8-14 persoas, e tres propostas de menú da casa. Un básico, con nove 'pases', por 45€; o 'Déixate levar', por 15€ máis, e o 'Menú #Abastada', a partir de 60€ e, como en Santiago, 'a porta pechada'.
O noso paso polo 'comedor' podedes lelo na próxima entrada: Unha experiencia inolvidable









