o miolo

vivir o rural

Ultimamente vexo por aí unha campaña publicitaria que anima aos galegos a irmos vivir ao rural.
Pregúntome a onde temos chegado se a vida no rural necesita de vendedores que a oferten a prezos de semana fantástica.
Pregúntome quen será o primeiro político-pensante da susodita campaña que dea o paso e predique co exemplo.

Os que hai algo máis dun ano pasaron de preguntas e predicamentos foron Marta e Roberto (Roberto Filgueira –Grupo Nove– e Marta Fernández). Coñecéronse nos fogóns do NH de Vigo, colaboraron no proxecto ‘Eido da Leña’ e, fieis a un xeito de entender este estraño mundo no que nos toca vivir, romperon con el e acabaron en Boqueixón para tentar facer realidade todo un proxecto de vida.

A nivel profesional o proxecto leva por nome ‘O Balado’ (Casa Labrega) e, dalgún xeito, procura concretar na práctica o ideal de regreso ás orixes, ao rural, a ese produto –como quen di– acabado de apañar da horta; a unha cociña sinxela, próxima, natural, directa, amparada por unha esmerada técnica acumulada ao longo de 20 anos de experiencia.

Restaurante O Balado 02 Restaurante O Balado 03

Casa familiar no medio dunha ampla horta ao pé do Pico Sacro, co seu hórreo, co columpio colgado da póla da árbore, coas maceiras a florecer cando lles chega o tempo, coas pitas sempre a peteirar por aquí e acolá…
Comedor pequeno, branco, sen estridencias, acolledor á calor da lareira, con toques mínimos, pero efectivos, dese mundo labrego –e familiar, e algo bohemio– ao que Marta e Roberto se apuntaron.
Trato excelente. Cres ser amigo a compartir pitanza no comedor da familia… pero sen familiaridades vacuas, cunha preocupación permanente pola túa satisfacción, porque todo estea ben, porque ti esteas a gusto. E todo iso con total naturalidade, sen forzar poses, sen remilgos, sen brides ao vento…

Restaurante O Balado 20

A partir dunha carta anunciada en pizarra enriba da cheminea (oito entrantes, oito pratos fortes e dúas sobremesas), atopamos tres menús en progresión crecente de contundencia. Un Paseo polo Balado (tres entrantes, un prato e sobremesa, 22€), unha Viaxe polo Balado (6 entrantes, unha carne a elixir e sobremesa, 30€) e a Travesía polo Balado (seis entradas, dúas carnes e dúas sobremesas, 40€).
Optamos pola proposta intermedia, a Viaxe, non sen antes garantirnos unha proba da segunda sobremesa.
Para acompañar a viaxe, unha Quinta das Bágeiras, bruto nature rosé portugués (Bairrada) que, sen saír de nai nin esnaquizar petos, acompaña á perfección todos os bocados. Adega discreta en números, pero suficiente e apta para acalar a maioría das esixencias.

Restaurante O Balado 10Restaurante O Balado 14Restaurante O Balado 22

A viaxe comeza por un Sashimi de vieira, pasa polo berberecho en zume de grelo de Boqueixón, as croquetas de cacheira e o buñuelo de bacallao, o badexo marinado,o foie con froita e módena e, xa por fin, as fabas de Lourenzá con chourizo e orella.

Restaurante O Balado 37Restaurante O Balado 39
Restaurante O Balado 41Restaurante O Balado 52
Restaurante O Balado 44Restaurante O Balado 45
Restaurante O Balado 49

A vieira, exquisita; o buñuelo, excepcional, as fabas… En fin, a cada bocado, algo mellor que opinar. Sen embargo, e creo que coincidimos os catro da mesa, o punto álxido dos entrantes estivo no badexo. Pola sorpresa, pola novidade, polo sabor, pola textura, porque resultou un bocado realmente único, dos que levas no padal por moito tempo.

Para as carnes compartimos (dous a dous, como manda a anfitriona) o Año de leite galego e o Bacoriño de Ofelia, asados no forno de leña. Persoalmente decántome polo bacoriño, pero é cuestión de gustos. As patacas fritidas que acompañan á carne, o único lunar da comida; estando boas, non alcanzan o nivel do resto da proposta.

Restaurante O Balado 54Restaurante O Balado 56Restaurante O Balado 58

A sobremesa principal, o Coco con maracuiá, e para probar, un chupito de feixoa co Arzúa-Ulloa. Os dous ben cremosos, de alto contraste, moi ben ensamblados.

Restaurante O Balado 61 Restaurante O Balado 62

O prezo, o prometido, nin máis nin menos, 33€ bebidas incluídas (por certo, a relación calidade-prezo do espumante, magnífica).
Resulta unha pequena paliza para os que viaxamos de Vigo –de todas todas hai que deixarse guiar polo GPS– pero compensa con creces todos os esforzos.
Volveremos. Seguro. (E levaremos anotado o tema das anguías).

O Balado (Casa Labrega)
Roberto Filgueira
 
Ardesende 3, Codesedo.
Boqueixón. 15881 (A Coruña)
639 893 749
657 290 362
Localización en Mapas de Google
GPS: 42º47’52.0”N  08º24’11.0”W
Web
info@obalado.com

valores seguros

Disque na sociedade actual un dos poucos valores seguros que permanecen inalterables ao paso do tempo é a familia.

Primos Lacaba en Beluso 2

Na ponte do Pilar, e sendo fieis aos valores da tradición, organizamos en Vigo unha xuntanza de curmáns Lacaba.
A min, que estou de prestado, de consorte, e recoñecendo que non, que non foi masiva,  deume a impresión de que si, de que os que estabamos pasámolo moi ben…
O que si podo garantizar é que o que foi comer, comemos francamente ben.

Tanto para a cea do sábado como para a comida do domingo tiramos por valores seguros. Por dous deses restaurantes que están aí, aos que non vas cada mes e ás veces nin cada ano… pero que sabes que podes botar man deles para un compromiso especial, que non van decepcionar.
Como a familia.

Restaurante BasilioToralla 01

A cea do sábado foi fotocopia da de hai dez anos: en Canido, no Basilio, empanadas (de xoubas e de zamburiñas, por certo, exquisitas, das máis ricas en quilómetros á redonda), unhas luriñas fritidas cun aire de cebola, arroz de lumbrigante e cañas, filloas (nata, mel e chocolate negro fundido) e torta de queixo.

Restaurante BasilioToralla 02 Restaurante BasilioToralla 04Restaurante BasilioToralla 06
Restaurante BasilioToralla 08
Restaurante BasilioToralla 09 Restaurante BasilioToralla 13
Restaurante BasilioToralla 11

Viños (branco albariño e tinto Ribera, un Romántica, crianza de 2011 que me gustou moito), cafés e chupitos: pagamos 38€ por persoa (prezo que, para a calidade do produto, a elaboración, as cantidades  e os tempos que corren, pareceume excelente).
Sen ningún tipo de dúbida respondeu con creces á nosa confianza de ‘valor seguro’

Restaurante A Centoleira 01

O festa do marisco deixámola para o domingo.
E para que fose completa desprazámonos ata a Centoleira, en Beluso.
Tamén un pincho de empanada (neste caso mestura de millo e centeo), unhas tostas de paté de mexillón, uns mexillóns en vinagreta… e sobre todo a enorme cesta de marisco. Camaróns, cigalas, nécoras, lagostinos e caranguexo real.
Todo de primeira, directamente do viveiro á cazola con auga de mar, no seu punto exacto de cocción e sal… Todo un festín.

Restaurante A Centoleira 08 Restaurante A Centoleira 09

A min, perosalmente, isto do caranguexo real non che me acaba de convencer (disque as comparacións son odiosas, pero neste caso hai que facelas, simplemente, por alusións: o caranguexo real queda a medio camiño –en ambos casos coas de perder– entre a centola e o boi; non goza da delicadeza e o sabor daquela, pero tampouco da intensidade e a consistencia deste).
En fin, fóra o caranguexo (a centola está en veda), a cesta de marisco é moi, moi recomendable.

Restaurante A Centoleira 14
Restaurante A Centoleira 11 Restaurante A Centoleira 17 Restaurante A Centoleira 19 Restaurante A Centoleira 15

Logo, quen máis quen menos xa sen forzas, un abadexo á tella que a pesar da saturación dos sentidos pareceume certamente moi rico.

Restaurante A Centoleira 21

Para as sobremesas, un combinado de doces para sacar o himpo a calquera –e facer oco onde non o había–: empanada de mazá, bolo de chocolate, torta de améndoa e torta de queixo ao forno, todo regalado ben con viño do Porto ou ben con viño brano doce de Alicante.

Restaurante A Centoleira 22 Restaurante A Centoleira 23

Co viño (Bouza do Rei), os cafés e os chupitos (cando puidemos poñernos de pé para dar un paseo polo porto de Beluso pasaba ben das 7), dicía que pagamos 55€ por cabeza. De novo seguridade e garantía a un prezo ben apetecible.

Restaurante Basilio-Toralla
Praia de Canido 217
36390 Vigo
986 490 061
902 303 353
web
GPS: 42º11’35,2”N  08º47’51,6W

Restaurante A Centoleira
Praia de Beluso 28
36937 Bueu
986 323 481
639 707 038
web
xulio@acentoleira.com
GPS: 42º19’57,4”N  08º48’00”W

porto, destino turístico de excelência

Porto segue a estar de moda. Continúa a ser un destino turístico recomendado por axencias e operadores de todo o mundo.
Os motivos? Múltiples e variados. Nin é o momento, nin posiblemente o lugar para enumerar as ‘excelências’ da cidade de Porto –e non o pasemos por alto, toda a rexión do Douro– para que o norte de Portugal se manteña nun estatus turístico difícil de igualar.

Casa de pasto da Palmeira 03

Vaias por onde vaiais, o Porto ferve.
O pasado sábado tocounos pasear a Foz, un dos barrios máis atractivos, complexos e completos da cidade.

Casa de pasto da Palmeira 01

Comimos nun dos lugares de rabiosa moda: a Casa de Pasto da Palmeira, e tomamos o café en Tavi –tentámolo no Praia da Luz pero estaba imposible–. Logo gran paseo e escaparates pola avenida de Montevideu-Brasil. Certo que o día axudaba, pero resultou certemente espectacular.

Casa de pasto da Palmeira 02 Casa de pasto da Palmeira 06
Casa de pasto da Palmeira 11 Casa de pasto da Palmeira 08

A casa de pasto da Palmeira está na rúa do Passeio Alegre, fronte aos xardíns, con todo o Douro de decoración.
É un local bastante pequeno, con tres espazos diferentes: a terraza (óptima para un día como o sábado se non fose polo exceso de sol), unha pequena barra na sala intermedia, e o comedor –non máis de 20 lugares– ao fondo.
Todos son espazos rompedores, moi divertidos, sen límites á creatividade (por certo, un dos ingredientes básicos do éxito da receita do Porto actual).

Casa de pasto da Palmeira 07

O chef, Joao Lameiras, comparte éxito co seu outro local, tamén nunha zona que ferve, a rúa das flores (o LSD, Largo de Sao Domingos)

A carta está formada a base de ‘pratinhos’ perfectos para compartir. O Queijo frito com compota de bacon (pao tostado e pickles caseiros), as Lulas com chouriço de porco preto (e batata nova e migas de alho e salsa), ou as gambas salteadas com limao e manteiga (com cevadotto de tomate e ervas) son algúns exemplos.
Logo, un par de pratos algo máis contundentes (sen pasarse): a Coxa de pato confeitada (com batata nova e tomatinhos assados com tomilho) ou a Presa ibérica grelhada (com cogumelos e figos).

Casa de pasto da Palmeira 14 Casa de pasto da Palmeira 16

Pedimos a tábua de queixos portugueses (con compota de cebola), o ovo estrelado e berenxena frita (con xamón ibérico e crema de tomate) e as tartaletas de bacallao (con pemento e crema de oliva).

Casa de pasto da Palmeira 17

Tres bocados orixinais, divertidos e certamente ricos. Non acabo de decantarme por ningún deles; os tres nunha liña bastante semellante.

Casa de pasto da Palmeira 18 Casa de pasto da Palmeira 20

Para as sobremesas, un xeado caseiro de chocolate, e o Bolo de chocolate da Sandra picante (de suspiros caseiros e com natas).
Podo garantir que o bolo realmente picaba.

Comimos con cervexa e pagamos 17€ cada un.
Certo que, por cantidade, ben tería entrado un pratiño máis entre os dous, pero a verdade é que o prezo resulta altamente suxestivo (e había que deixar un hoco para os doces do Tavi).

Sen dúbida é un lugar para coñecer.
Quizá, para saborealo en todo o seu explendor, habería que coñecelo pola tardiña-noite, pero disque nas fins de semana resulta imposible conseguir unha mesa.

Casa de Pasto da Palmeira
João Lameiras
Rúa do Passeio Alegre, 450
4550, Porto
351 226 168 244
Faceboock
GPS: 41º08'51.3"N  08º39'59.1"W
Localización en Mapas de Google