o miolo

casa castor. a cociña de arturo

Arturo Fontán é un trotamundos que tras regresar a Ribadumia montar este espazo gastronómico de corte clásico no lugar de Leiro.

Casa Castor 02

O local resulta un tanto amorfo no seu cacarexado uniforme galego-castelán de confusa adega tradicional; apenas aporta nada; moito máis agradable é o portico exterior, para unha tardiña de verán.

Casa Castor 03

Oferta clásica de tapeo galego ao xeito 'polbo-luras': tortilla, ameixas, mexillóns, luriñas, zorza, xamón asado, ensaladas... e por suposto o polbo –feira e prancha– e as luras -rebozadas-.
Bastante máis aberta a carta de pratos fortes, con boas recomendacións de peixes (polbo estilo Ons, raia en caldeirada, ventrecha de bacallau, cocochas de pescada e peixe do día –linguado, sanmartiño ou coruxo–; por encargo previo, arroz de lumbrigante ou de marisco). No tocante ás carnes, entrecosto de boi, costeletas de tenreira ou cordeiro, churrasco, ovos de curral con patacas e chourizo, cordeiro estufado...

Casa Castor 08Casa Castor 09

Por recomendación explícita de Luz pedimos as ameixas á moda da casa; abertas nun fondo de aceite con albariño e cociñadas co propio mollo resultante e abundante pirixel o resultado final queda próximo ao mollo verde e está realmente rico.

Casa Castor 11Casa Castor 14

Carmen as costeletas de cordeiro con patacas e pemento (moi boas) e eu o coruxo na brasa cunhas patacas cocidas que, se non fose porque o peixe tamén está boísimo, poderían converterse no obxecto do prato; sensacionais.

Casa Castor 17

O dixestivo da casa vén sendo unha torta xeada caseira con amorodos e un mollo de 'fórmula secreta'; moi recomendable.

Casa Castor 18

Estamos ante un local cun perfil coñecido, na liña dos moitos que hai na zona para unhas tapas en verán; malia todo, se me antolla varios puntos por riba da media; as materias primas son escollidas, apuntan elaboracións diferentes, oferta bastante máis alá do típico tapeo, variedade de pratos de ‘comida’...
Chama a atención, por exemplo, a carta de viños; ademais dos típicos do país (albariño da casa, barrantes, catalán, mencía), poucos pero moi estudados viños nacionais da Rioxa (exactamente catro, un caro –relativamente caro e prestixioso– o Muga, a 29€, un asequible, Marqués de Griñón, a 10€ e dous medios: Ballopera e Beronia. Algo semellante pasa con DO Ribeira do Douro: dous buques insignia a 29€ (Pago de Carraovejas e Cillar de Silos), dous intermedios (o Protos Roble e o viño novo de Silos), e un quinto no límite dos 10€: Mayor de Castilla.
No noso caso, como vén sendo costume e ademais da auga, bebemos un vaso de Albariño -Carmen- e eu de Mencía.

Casa Castor 192

Casa Castor presenta as súas peculiaridades (no horario, por exemplo, como se ve na nota, imprevisible), pero creo que polos 17€ por cabeza que pagamos (comida do mediodía), paga a pena sobrevoar as rarezas (quen non as ten?) e volver para confirmar unha boa oferta de comida a un prezo moi ben cociñado.

Casa Castor
Noval 27. Leiro
36635 Ribadumia
Teléfono: 679 234 299
GPS: 42º31.713’ N  8º44.784’ W
Localización en Mapas de Google

asador castelán acebo, en vilagarcía

O Asador Acebo, ás portas de Vilagarcía, pareceume un local inxustamente descoñecido fóra da súa área de influencia.

Asador Acebo 02 

Certo que a competencia en asadores-churrascos é abundante en Galicia, pero poucos hai que presenten unhas credenciais de 'asador castelán' tan claras como o Acebo.

Asador Acebo 10Asador Acebo 12

O local dista moito tanto do típico 'churrasco' como da clásica decoración 'castelá'. Estamos ante un comedor especialmente coidado: amplo, minimalista, moi luminoso e claro, elegante, colorista, con reservados, ampla terraza con vistas ao Pazo Rial... características que o converten en especialmente atractivo e agradable.

Asador Acebo 15Asador Acebo 17

Á carta, ampla e variada, hai que engadir a oferta dalgunha delicatessen do mercado do día; hoxe en concreto, unhas xoubas, pementos de Padrón e luriñas da ría (por certo a 60€ o quilogramo). Os entrantes divididos en Mariscos, Ibéricos, Ensaladas e Outros; Peixes (con destaque para os preparados na prancha -linguado, cherna, robalo, pescada...- e uns atractivos peixe sapo e bacallau á moda do Acebo). E, por suposto, as carnes; os cuartos de año de leite (churro) e de bacoriño (con DO e etiqueta de garantía) son as estrelas de orixe castelá, pero, ademais, diferentes cortes de tenreira, de porco ibérico, ou a costeleta de boi. Boa oferta de viños para decantarnos por un Ribeiro branco e un Valdeorras tinto -Pagos de Galir-.

Asador Acebo 22Asador Acebo 21

Somos seis (os seis da Illa, cos dous Luises, Luz e Flori), e pedimos unhas xoubas con pementos de Padrón, e unha ensalada de perdiz. As xoubiñas, imposible máis frescas, rebozadas e fritidas con mestría están de escándalo; ben os pementos e a un altísimo nivel e orixinalidade a ensalada.

Asador Acebo 24Asador Acebo 25

Compartimos tres de año e dúas de bacoriño; estando bos os dous, noto unha diferencia entre o bacoriño (este si me transporta a Segovia), a primeira fonte do año (moi próxima aos de Cubas, en Arévalo) e a segunda (sen estar mal, algo máis frouxo que os anteriores).
Convimos en que nos pasamos pedindo comida, en que con dúas e dúas tería sido abondo (coa conseguinte ‘merma’ no prezo).

Asador Acebo 29Asador Acebo 31

Sobremesas: empanada de mazá (boa), e sorbete de limón (rico, pero tiraba máis a temperatura e textura dunha escuma), xeados e cafés.

Os 35€ que pagamos por cabeza parecéronnos razoables; todo, desde a materia prima á presentación, pasando pola preparación, a atención, o ambiente, o coidado dos detalles... apuntaban a un prezo máis elevado.

Asador Acebo 272Asador Acebo 06Asador Acebo 26

Sen dúbida para volver, para unha celebración especial desde a Illa.

Asador Acebo
r/ Fiúncho 14
Urbanización O Rial
36600 Vilagarcía de Arousa
Teléfono 986 508 001
GPS: 42.576855N   8.797812W
Localización en Mapas de Google

raiando a perfección en yayo daporta

Despois dun arrechuchón que puido chegar a ser serio, hoxe regresamos ao campo de batalla.
E nada mellor que facelo na compaña dun grande.

Aproveitando un Groupon (ver Pepe Vieira), reservamos para o xoves 31 de xullo, día no que, casualmente, empeza a festa do Albariño. Alá para as dúas e media o comedor estaba ao completo.

Yayo Daporta 01

Para abrir as papilas, un impactante Cóctel de albariño en dúas texturas e temperaturas (xeado e picado no fondo, e escuma morna por riba); non se lle pode pedir máis; ten de todo; beleza, sabor, oportunidade, texturas, temperaturas...

Yayo Daporta 02

Seguimos coa Terrina de foie sobre pan de regalicia e Empanada aberta de sardiña da Real Conserveira. Servidos ao tempo sobre pizarra; dous bocados incribles, cada un no seu estilo; sorprende a base de empanada coa cama de zaragallada clásica e a xoubiña en lata por riba.

Yayo Daporta 04
Yayo Daporta 05Yayo Daporta 06

Na Breva recheada de tartare de atún con sopa fría de allo porro e alfábega, atopamos un novo e marabilloso contraste de texturas e temperaturas.

Yayo Daporta 07

Mexillóns en tempura sobre crocante de arroz e algas coa escuma da súa cocción. Nunca fun de mexillóns, pero bocados como este fan cambalear as propias esencias.

Yayo Daporta 08

Xurelo grellado co seu propio mollo e xudías, ovas de pez voador e wasabi. O toque afumado e o picante (non excesivo) dan vida a un peixe tan agradecido como maltratado.

Yayo Daporta 09

Pescada rebozada en pan relado groso (o xaponés panco) e ovas de peixe voador e maionesa de (?), para min unha das estrelas do día; se están ben elaborados (que moitas veces vaia por deus...) gosto moito destes rebozados de inspiración oriental; o apoio das ovas vai perfecto.

Yayo Daporta 10

A Faceira de tenreira con crema de pataca e brotes, está ben, correcta, sen estridencias, quizá o preparado máis esperable de todos.

Yayo Daporta 11

Mousse xeada de queixo de tetilla, escuma de marmelo e redución de licor café. Seica é unha das estrelas do momento de Yayo Daporta; e non é para menos! Nun senso diametralmente oposto, moi próximo ao cóctel do principio. Fantástico.

Yayo Daporta 13 

Por fin, a Sopa de chocolate branco con xeado de froitos vermellos e tella de sésamo resulta ser unha deliciosa mestura de doces e agres.

Yayo Daporta 16

Con un vaso de viño para cada un e unha botella de auga (os cafés non puidemos tomalos pois acababa a hora e o coche quedaba en franca posición dos amigos da grúa), creo lembrar que foron 69 € os dous menús completos.
E o mellor do caso, estaban pagados desde mediados de febreiro.

De Yayo Daporta pouco novo queda por dicir. Perfecto. Todo resultou absolutamente perfecto. Yayo está, dos galegos actuais, entre os meus tres ou catro favoritos.

O que si querería insistir na bondade dun modelo ao que nos estamos afeccionando e, sobre todo, na profesionalidade duns craks que, malia ser un menú, digamos, entre comiñas, “de oferta”, non rebaixan nin medio milímetro ningún de todos os ingredientes que os levaron a estar onde están na constelación de grandes cociñeiros galegos.

Chapeu!