o miolo

um brunch de cinco estrelas

Hai uns meses, alá por febreiro, falabamos da moda dos brunch na cidade de Porto (Un brunch no Porto).  Días despois comentabamos o noso feliz paso polo brunch da Taberna do Bonjardim
Hoxe quixemos ir un pouco máis alá e probar o que pasa por ser un dos máis selectos brunch da capital do Douro, o Sunday Brunch do Porto Palácio Hotel.

Brunch Porto Palacio 01

O Porto Palácio é un clásico da Avenida de Boavista. Un cinco estrelas máis que merecidas se atendemos á súa oferta gastronómica.
Seguindo as tendencias máis actuais, o Porto Palácio capitanea a tendencia a ofertar restauración de calidade nos establecementos hoteleiros da Invicta; en concreto conta con cinco espazos que cobren un amplo abano de sabores e experiencias.

salsa&loureirogoshoportobeerBrunch Porto Palacio 06

O Bar Nautilus ofrece diariamente, de segunda a sexta, un buffet de produtos seleccionados para a comida do día a día.
O Restaurante Cervejaria Portobeer responde ao concepto de 'comer en Porto', no que son as clásicas 'cervejarias', cunha ambientación actual moi coidada e prezos que tamén responden á filosofía 'cervejaria'.
O Góshò logrou un posto destacado na oferta xaponesa e de fusión na cidade de Porto (por certo, moi ampla e de calidade). Prezos equilibrados.
O Salsa&Loureiro é o buque insignia da oferta gastronómica do Porto Palácio. Baixo a dirección do mediático chef Helio Loureiro, e nun espazo decorado por Paulo Lobo, a oferta baséase na tradición culinaria portuguesa de cualidade, actualizada pola man de Helio Loureiro.

portopalaciohotel Brunch Porto Palacio 00

E, por fin, está o Vip Lounge, no piso superior do hotel (19 alturas), un bar de todo momento que os domingos ao mediodía se transforma para acoller este espectacular brunch.
O espazo é acolledor, moi luminoso, cunhas vistas inmensas sobre toda a cidade.
A oferta responde máis ao concepto clásico de buffet (moi popular en Portugal) que á modernidade do 'brunch'.
É que, despois de todo, en que consiste en realidade isto do brunch?
Non será unha invención do marketing para atraer incautos a un modelo que sempre ten existido e que había que revitalizar?

Brunch Porto Palacio 09Brunch Porto Palacio

A oferta do buffete é ampla e de calidade a un prezo pechado de 30€ persoa (rapaces ata os 4 anos non pagan, e ata os 12 o 50%); a bebida consiste nunha copa de benvida (espumante ou zume de laranxa), auga e o café.
Calquera exceso hai que pagalo.
Pido unha copa de Post Scriptum 2010, un tinto do Douro, de Chryseia, altamente recomendable, pero non hoxe. Moito coidado cos prezos dos viños.

Brunch Porto Palacio 15
Brunch Porto Palacio 16Brunch Porto Palacio 17Brunch Porto Palacio 23Brunch Porto Palacio 24

Comezamos pola mesa dos entrantes, na que, entre pans variados, atopamos embutidos, táboa de queixos, milfollas recheados, espárrafos, salmón, melón, minibocadillos, quiche...
De ter que salientar, e estamos ante gustos persoais, tiraría polos fantásticos espárragos, polos queixos e polos sempre exitosos folhados.

Brunch Porto Palacio 11Brunch Porto Palacio 12
Brunch Porto Palacio 25Brunch Porto Palacio 26Brunch Porto Palacio 28Brunch Porto Palacio 27

Ensaladas. Hai variedade de ensaldas completas (de bacallao, de atún, de calamar, de salchichas afumadas) e ingredientes para completar as anteriores ou crear unha nova ao gusto do consumidor; selección de salsas.
Tamén un logrado cóctel de marisco.
Cústame seleccionar, pero quizá o cóctel e a ensalada de bacallao.

Brunch Porto Palacio 13

A continuación, e seguimos con pratos fríos, atopamos unha selección de sushis que, pola calidade, semella subida directamente do Góshò.

Brunch Porto Palacio 14

A transición aos pratos quentes ten a súa base nos ovos. Tortilla, ovos mexidos, ovos escalfados e uns cogumelos en salsa. Tostas de pan de molde para acompañar.

Brunch Porto Palacio 20Brunch Porto Palacio 21Brunch Porto Palacio 22

A parte máis contundente comeza cunha tradicional sopa de legumes.
Filetes á prancha e pescada con bechamel; acompañamento de patacas ao forno e arroz. Fetuccini salteado con gambas e cogumelos...
De novo toca elixir e tiro por esta última pasta e pola pescada.

Brunch Porto Palacio 31
 Brunch Porto Palacio 35Brunch Porto Palacio 33Brunch Porto Palacio 34Brunch Porto Palacio 32

E, xa por fin, as sobremesas.
Podemos comezar recuncando nos queixos ou pasar directamente a unhas froitas laminadas (laranxa, piña, uvas, kiwis); tamén os dadiños de xelatina de diferentes sabores para os máis cativos.
E a parte doce. Torta de laranxa, filloas, pastel de chocolate, leite creme, mousse...
E para completar ou combinar cos anteriores, selección de cereais, compotas variadas, chocolate fundido...

Brunch Porto Palacio 08Brunch Porto Palacio 37
Brunch Porto Palacio 39

Unha experiencia altamente recomendable a un prezo que, vista a oferta, resulta razoable. Hai que pensarse moi ben o tema das bebidas.

Vip Louge do Porto Palácio Hotel
Avenida Boavista 1269
Porto  4100-130
Teléfono: 351 226 086 600
E-Electrónico
Web
GPS: 41º09'33"N   8º38'21"W
Localización en Mapas de Google

Non teño moi claro como chegamos a el.
Andaba por aí, revoando nos miolos sen acabar de aterrar, por mor dalgunha recomendación, creo, pero non sei moi ben de quen ou como...
O sábado, e con ese ánimo de seleccionar ao máximo para capear a crise sen perder o dereito a unha boa paparota, caemos no Sabino.

_1090891Restaurante Sabino 03

A localización é privilexiada, a escasos dez metros dun dos paseos máis turísticos que se poden pensar, o de Silgar, en Sanxenxo.
O local, fermoso, con decoración mínima en tons neutros salpicados con toques en laranxa (á vista está, unha das miñas favoritas, cálida e envolvente sen acender o exceso). Acollemento próximo e atención personalizada; preocupación do propio chef (Sabino Montes) polo benestar en todo momento. Proximidade sen caer no colegueo.

_1090870_1090895 

Sabino defínese como de 'cociña baseada na tradición culinaria galega, pero sen deixar de adaptarse ós novos tempos gastronómicos', e na que 'todo xira arredor do produto' (Web. Así, como está, lido directamente en galego, dato que desde este blog agradecemos dun xeito especial).
A carta responde ás intencións, é ampla e incorpora algún retrinco en forma de propostas exóticas que, malia todo, non desentoan co contexto (a tempura, ou tenpura, ou tamén témpura, que é como figura na carta atendendo á pronuncia orixinal en xaponés).
Polbo, mexillóns, vieira, chocos, ensaladas...
Variedade de peixes en diferentes preparacións (cocochas de pescada en salsa verde, robalo ao pil-pil de allo e guindilla, sanmartiño en guiso de níscalos, escacho ao vapor, bacallao...)
Boa proposta de carnes cun oco importante para a caza (lombo de cervo, perdiz, solombo de tenreira, costeletas de año...).
Tamén algún arroz (con lumbrigante ou paella).
Fóra de carta, atendendo á fiosofía do local, e en función do mercado do día, algunha suxestión de viva voz. Hoxe, en concreto, un bruño (a 55€ o Kg.; pequeno, aproximadamente 20€), un par de robalizas e algún peixe máis.

_1090872 _1090873

Deixámonos enganar pola centoliña.
É pequena pero está de luxo. Fresquiña, no seu punto de sal e cocción, carne compacta e saborosa... En fin, perfecta, como había tempo que non nos chegaba unha así.

_1090877_1090879

De prato pedimos un dos que semella estrela do Sabino, o Xarrete de tenreira estufado, con puré de patacas e verduriñas.
Xa vedes polas fotos, o animaliño non debía ir máis alá dos noventa quilos e a preparación aproveita o xarrete enteiro, sen trocear e co óso incorporado; estufado moi lentiño, sen engadidos innecesarios, só a prebe que solta a propia carne e un par de petiscos aromáticos; o mollo, mestura dos propios zumes xelatinosos e a medula que vai soltando o óso, sinxelamente excepcional; a carne, literalmente apta para untar no pan, saborosísima, tenra, delicada, excepcional.
E a pel... mmm... torradiña, crocante, fantástica, un auténtico capricho dos deuses.
E non sigo... un deses pratos que marcan o padal para unha boa tempada.

_1090883_1090887

As sobremesas son caseiras e coxean un pouco cara ao uso do culler (flan, touciniño, mousse, xeados caseiros...).
Carmen, pouco amiga das sobremesas de culler, vaise por un xeado de cafe e canela e eu tiro pola mousse de limón.
Acerto pleno. A mousse está deliciosa, moi suave pero saborosa, nada empalagosa nin tampouco dominada pola acidez dun limón que si manda no sabor, cunha textura perfecta, case rozando a escuma...

Restaurante Sabino 09

Pedimos o viño por copa (un albariño da terra, Viña Tintureira); traen a botella e abren diante de nós, deixan na mesa, bebemos máis ou menos a metade e nos cobran media botella; está bo, sabe medirse máis que dignamente coa centoliña...
Tamén auga e un café.
Pagamos 37€ por cabeza.
Atendendo ao local, ao servizo e, dun xeito especial o produto e a cociña, parécenos moi, moi razoable. Botando man do noso criterio, un restaurante por suposto para repetir, para darse unha homenaxe de cando en vez, mesmo en tempos de crise.

 Restaurante Sabino 08

Restaurante Sabino
Sabino Montes
Rúa Ourense, 3
36960 Sanxenxo
Pontevedra
Teléfono: 986 723 400
Móbil: 619 960 594
E-Electrónico
Web
GPS: 42º24'08"N   8º48'38"W
Localización en Mapas de Google

valor engadido

Lembro que cando Carmen estaba en estado semellaba que no mundo non había máis que mulleres embarazadas. Era cando acababas por pensar se na preñez non habería unha certa dose de mimetismo...
Logo, cando paseabas polas rúas tirando do carriño, seica todas as mulleres deran a luz ao tempo e non vías máis que coches de bebé. Entón xa te atopabas abertamente ante unha situación de contaxio, case de epidemia...

 mamaabordobebeabordo

Disque, agora, este fenómeno xa ten a súa etiqueta e, con ela, unha explicación racional, máis ou menos lóxica, seudocientífica, avalada pola garantía da ciencia: os entendidos falan de visibilidade e invisibilidade.
As persoas, as situacións, os obxectos... son máis visibles (para cada quen) na medida en que teñen un significado ou existencia real.

 lo esencial es invisible a los ojos

Desde hai uns meses vexo 'celíaco' por todas partes.
Hoxe, sen ir máis lonxe, o Faro de Vigo entrevista a unha nai celíaca con tres fillos tamén intolerantes ao gluten.
Na revista Eroski Consumer que collimos hoxe na compra (número de maio) o problema das alérgias e intolerancias alimentarias é tema tanto de portada como da sección 'afondo'.
Antes que lle diagnosticasen a Alba a intolerancia ao gluten, apenas escoitara falar dela, nunca me parara a pensar sobre as consecuencias de que o teu corpo non asimile o gluten (ou a lactosa, a fructosa...), ou de que abertamente rexeite os froitos secos, ou o ovo, o leite e os seus derivados... desencadeando unha crise que che pode levar á morte.
Non te paras a pensar que, por exemplo, o carro da compra para unha persoa con intolerancia pode chegar a ser un 50% máis caro que a compra sen reservas.

 índice2_sen_leitesen_azucarsenovosen_froitossecos
sin_lactosa

As propias persoas con alerxias ou intolerancias alimentarias explicitan os seus medos cando se trata de comer fóra de casa. Senten, en todo momento, unha clara desconfianza por non teren a certeza absoluta de que  todos (absolutamente todos) os alimentos e condimentos que forman o prato que lles poñen diante están ausentes do obxecto da súa intolerancia; resultan dominados pola inseguridade que produce saber que a crise pode chegar mesmo dun prato totalmente 'limpo' de alerxíxenos que foi asado nun forno no que quedan trazas da cocción do prato anterior.
Ou pola limpeza dos utensilios, da meseta de traballo, dun leve e simple despiste...

 Restaurante_sen_gluten

Por iso, porque grazas a Alba o problema se fixo visible para min, procuro e atopo en internet que son poucos, moi poucos, os restaurantes galegos que poden lucir na súa porta a etiqueta 'sen gluten'.
A Asociación de celíacos de Galicia (ACEGA), coa garantía da Federación Nacional (FACE) ten na súa páxina a relación completa e actualizada de establecementos que teñen convenio con eles e que, polo tanto, ofrecen absoluta garantía. Hai outra páxina web (Viajar con celíacos) que amplía levemente o listado diferenciando os restaurantes que sinxelamente 'coñecen o tema', os que poden estar preparados a través de reserva e aviso previos, e aqueles restaurantes que contan na súa carta habitual con pratos aptos para celíacos.
A maoioría de restaurantes son anónimos, dos que non teñen lugar nas guías gastronómicas e responden máis a unha cuestión de visibilidade (unha filla, o curmán, ese amigo, aquela veciña... a mesma cociñeira...) que de auténtica convicción.

índiceface

A clave está non en preparar pratos aptos para..., senón en cociñar para o gourmet máis esixente teña este as características indiviuais que teña (intolerancias, alerxias...).
Claro, non é doado... pero aí pode ser onde os grandes cociñeiros poñan en práctica os motivos da súa auténtica valía, aquilo que os fai realmente diferentes á mediocridade.
Que un restaurante poida acoller e satisfacer a todo tipo de clientes (celíacos, en silla de rodas, etc.) pode ser un valor engadido á hora de que as guías valoren os establecementos.
No meu caso, a partir de xa, é unha realidade.