o miolo

a fonte. un tesouro por descubrir

Restaurante A Fonte 04 

Quen máis quen menos todos temos ese par de locais especiais que gardamos como se do mellor tesouro se tratase.
Adoitan ser bares remotos, sinxelos, familiares, perdidos en algures e que ou ben son herdanza de pais a fillos ou ben funcionan grazas a radio macuto.

Restaurante A Fonte 01

Onte estivemos en A Fonte, Armenteira, con Luz e Luis.
A eles faláranlle Flora e Luis, e a estes, uns amigos, e aos amigos outros coñecidos, nestes cuartos ou quintos coñecidos xa perdemos a pista, pero así seguimos ata atoparnos neste sábado de entroido cun local totalmente cheo.

Armenteira 1  Restaurante A Fonte 02

Falamos do mosteiro de Armenteira, a uns metros do arco, dun restaurante-café-bar que semella deses que levan aí toda a vida.
O comedor, ao que pasamos a través do bar, resulta dificilmente acolledor.
Pequeno, oito ou nove mesas, non máis; moi, moi branco, limpo, pulcro, case aséptico; mobiliario novo e impersonal; moitísima luz, intensa, branca, cálida en contra de toda lóxica; as mesas cos seus pratos, coas cuncas, con ese orixinal letreiro de mesa reservada. Todo moi preto, pero ao mesmo tempo extraordinariamente afastado do café-bar-tasca ao que quen máis quen menos estamos afeitos.

Restaurante A Fonte 06

Hai carta, pero o auténtico mérito, a elección case obrigatoria é a que escoitas de viva voz, a cociña caseira do día de hoxe. Sopa, callos, ovos con chourizo (estandarte da casa), galo de curral, carne estufada e cocido de entroido.
Facemos unha elección variada que cubre todas as frontes. Luis vaise pola sopa e o cocido. Os demais abrimos cuns calliños que completamos, Carmen cos ovos e o chourizo fritidos, Luz co galo e eu coa carne estufada, nos tres casos cunhas marabillosas patacas fritidas no momento.

Restaurante A Fonte 07 Restaurante A Fonte 08

Os primeiros son a fartar. Directamente na pota; quen di na pota di na sopeira, pero tanto ten, cantidade abondo para engordar a outros tantos como os que hoxe somos á mesa.
Os callos, de libro. Como a min me gustan: moita chicha, os garabanzos ben tenriños, un leve toque de picante, suficiente para alegrar o bocado e xusto para non espantar a lingua.

 Restaurante A Fonte 11 Restaurante A Fonte 15

Os callos, a carne, o galo... todo son sabores que lembran á avoa.
O tinto barrantes no meu caso regado con gasosa. Todo cen por cen caseiro, tan sinxelo como elaborado, sen artificios innecesarios, produto da sabedoría de séculos, de cociña de leña a arder toda a mañá, dunha conxunción aprendida da experiencia, do facer de cada día, de produtos acabados de coller na horta.

 Restaurante A Fonte 16

Do cocido só podo dicir que o aspecto é dos que directamente abren o apetito, que recibe o beneplácito cum laude do comellón de Luis, e que os demais opinamos que haberá que vir probalo antes de que remate a tempada do mellor cocido.
As sobremesas, algo frouxas: piña, melocotón, xelados, queixo con marmelo... e unhas orellas oferta da casa que veñen co café de pota, as pingas e os chupitos.

E, claro, o mellor broche posible: 15 euros por comensal.

Mosteiro de Armenteira 21 Ruta dos muiños de Lores 09

E logo, se cadra, unha visita ao mosteiro, ou unha pequena camiñada pola ruta da pedra e da auga, ou a ruta BTT das Fontes... E todo isto tomando como centro e punto de partida este restaurante A Fonte ao que seguro volveremos.

Restaurante A Fonte
Vilar, 5 - Armenteira
36192 Meis Pontevedra
Teléfono: 986 710 003
GPS: 42.464673N  8.741278W
Localización en Mapas de Google

un agarimo na feria do cocido de lalín

Desde hai uns poucos anos estase a converter nunha agradable tradición. Calquera fin se semana entre san Mauro e san Valentín achegámonos a Lalín a regalarnos un bo cocido. Pero iso si, nunca no odioso día da feira.
Paréceme unha mágoa (pero sobre todo unha vergoña) que o que deberían ser e medrar como auténticas festas populares (dopobo) teñan sido abducidas dun xeito tan escandaloso e cicateiro polos políticos. E como mostra, dous botóns, polo demais, moito máis que significativos: esta do cocido de Lalín e a Festa do albariño de Cambados.

feria_cartel 

Claro que sempre nos queda vivir a festa como (cada vez máis) a sociedade civil estamos a vivir a realidade cotiá: de costas aos (nosos?) políticos.

 Feira Cocido

En anos anteriores pasamos por restaurantes tan paradigmáticos como A Molinera, Mouriño ou O Cruce. Temos recomendacións para visitar A Estación, Taboada e outros varios. Pero este ano tocoulle a quenda a un local de ampla tradición e merecido prestixio, recoñecido con non poucas distincións, sen ir máis lonxe, o de preparar o cocido oficial desta XLV feria.

agarimo2  agarimo3

Falo de Agarimo, na avenida de Montserrat, fronte ao campo de fútbol.
Magnífica sona para unha casa de cocido, agarimo: cariño, mimo, meco, caricia... Un bo cocido deixa no padal a sensación dun número indefinido de sabores diferentes, pero todos eles, sen excepción, apoiados nunha textura sempre suave, delicada, agarimosa. E se a festa remata coa selección de sobremesas deste Agarimo, a evocación ao cariño, ao meco, asoma de xeito espontáneo, natural, case obrigatorio.

Agarimo5 Agarimo1

O Agarimo fica fóra do casco urbán, na saída cara a Botos, no baixo dunha casa de dous andares. Accedemos ao restaurante polo bar, adornado con fotos das moitas das visitas ilustres que nos precederon. O comedor asoma amplo, con abundante luz artificial e nun estilo que poderiamos bautizar como estilo Dallas: ampuloso, a base de madeiras, mármores, dourados e moito espello; coas súas lámpadas de lágrimas, coas sillas forradas e o forro atado con enormes lazos, certas reminiscencias neoclásicas, non moi recargado pero, para min, si algo excesivo e cargante.
En fin, disque para gustos se inventaron as cores, o estilo Dallas ten admiradores pero dista un bocado das miñas austeras preferencias estéticas.

agarimo6 agarimo7

Neste Agarimo ofertan o cocido tradicional e un 'cocido de crise'. A diferenza estriba no prezo (35-25 euros) e na variedade e cantidade dos complementos (o viño, as sobremesas, os chupitos, a queimada final, etc.) Por ser hoxe, homexaneámonos co cocido tradicional. O viño é un Algaira que molla moi decentemente o cocido.

 agarimo8

Comezamos cunha delicadeza da casa: uns mexillóns escabechados, servidos en lata, que están realmente bos.

 agarimo9

Seguimos coa sopa de pasta. Agradécese coa friaxe que vai na rúa, esa mesma que converte a Lalín nunha das capitais de cura do porquiño. Anuncia, sen ambigüidades, o que vén a continuación.

 agarimo10 agarimo11_2 agarimo13 agarimo12

O cocido.
Unha fonte con grelos e patacas; a cunca dos garabanzos (importación de castela, seica definitivamente adoptada polo cocido galego) cun anaco de lingua e os chourizos pingando por todo o vai por debaixo (chourizo de carne e chourizo de cebola); a bandeixa do lacón (con racións ben contundentes de magro pero sen faltar deses bocados que tiran á graxiña e á pel e que para min resultan moito máis saborosas e, xa postos, agarimosas) e os trozos de orella (en realidade moi pouco de orella e bastante de todo o vai ao seu arredor: bos bocados da cacheira); unha nova fonte, neste caso con unlla e costela salgada. Logo, aos poucos, haberá ofertas continuas para repetir de todos os bocados ou para probar algún novo, chámese rabo, galiñaa da casa ou só deus sabe que.

agarimo14 agarimo15 agarimo17 agarimo16 agarimo18

As sobremesas.
Sen menosprezar as bondades do cocido, destaca como elemento que identifica e marca a diferenza (e suaviza o prezo) deste Agarimo. Queixo con marmelada. Requeixo cunha mini-tella de améndoa. Leite fritido. Filloas con mel. Rosquillas da avoa. Torta de castañas. Todas en racións de bocado, suficientes e proporcionais á variedade. Todas un alarde de elaboración e de esemerada presentación. Pero, sobre todo, todas facendo honra á sona do local, bocados de textura morna, deliciosos, todos, un por un, auténticos agarimos.

 P1080030

Por certo, xa que estamos en Lalín, unha visita cada vez máis inexcusable é á nova casa do Concello. Comeza a ser unha auténtica icona da cidade. Proxecto de Tuñón e Mansilla, inserida no boom arquitectónico da burbulla, que, para min, es das obras que mellor agradece e xustifica toda a inversión que se teña feito nela.

Restaurante Agarimo
Avenida Montserrat 2
(36515) Donramiro. Lalín.
Teléfono: 986 780 902
Fax: 986 78 09 02
GPS: 42.651889N    8.124568W
Enderezo-E 
Web
Facebook
Localización en Mapas de Google

En Galicia, máis que en ningún outro lugar, unha taberna, unha cunca de viño, un bocado de orella... son boa desculpa para pórse a cantar arredor dunha mesa.
E a mellor mesa é a redonda, onde todos nos vemos as caras.
E redonda coma unha roda era a mesa na que se xuntaban un feixe de amigos, con Franco aínda vivo, en La Viuda, en Vigo.


E así foi como nacía a Roda, o grupo vigués que fixo que a canción tabernaria galega acadase estatuto de oficialidade.
Pousa, O miudiño, O gato, Os Bistéqueles, A foliada do Celta... coa súa música festeira e pegadiza, coas súas letras sobordadas de retranca e galeguismo, con apenas un par de guitarras, ocupan un lugar destacado nesa tradición de cultura oral popular no que Galicia é tan rica.


Recupero a imaxe do primeiro LP de A Roda (Ai! Onde andarán aqueles elepés nos que está escrita unha boa parte da nosa historia...) e vexo que Luís, Fito e os demais están sentados arredor dunha roda de muíño que fai as veces de mesa.


O outro domingo acabamos picando-comendo algo sobre unha roda na Taberna O muíño de Caldas.
Poucos locais haberá en toda Galicia que manteñan coma el o físico das clásicas tabernas musicais. Nun interior minúsculo, catro mesas comunais nas que a individualidade non existe; tres delas, enormes rodas de muíño. Malia ser un típico día soleado e luminoso de decembro, interior case en penumbra, o granito das paredes sen recobrir, ciscados por todas partes os apeiros do vello muíño, polas paredes e nas vigas do teito, fotos e recortes de periódicos, certificados que falan ás claras do pasado, pero tamén do presente musical desta taberna-muíño.
Fóra, unha agradabilísima esplanada con vistas á ponte, ao Acuña, a este Umia que tantas veces, xusto aquí, pasou por traizoeiro.


É domingo, despois de varias semanas de choiva un sol radiante, estamos na hora da tertulia e do viño de antes de comer e o Muíño está de bote en bote. Co viño (brancos do Ribeiro ou Albariño, tintos Barrantes e Mencía) serven unha cazoliña de garavanzos con pata, orella, chourizo... que devolvemos para gardar de novo no seu andel sen necesidade de pasar polo fregadeiro. Claro que o pan (ata tres variedades diferentes, nós tiramos polo de millo) axuda a non ter que chuchar nos dedos.


Dentro da oferta habitual dun establecemento deste tipo (paradigma do que poderiamos considerar furancho reconvertido á nova lexislación) decidímonos por uns choquiños da ría. Acabados de cociñar no momento, devóvennos aos mellores tempos de Redondela. Había moito tempo que non acertabamos con esta relación perfecta de frescura e elaboración.


A seguir, uns anacos dun cremoso queixo do país con todas as trazas de ser artesanal e caseiro (pero iso si, con rexistro de sanidade); moi, moi rico.


Con isto da crise, estamos a vivir un esplendor redobrado destes locais tradicionais de boa mesa e baixos prezos. Polos dous viños, (os garavanzos), o pan, os choquiños e o queixo que ben abondaron de comida, pagamos, aínda non, os vinte euros entre os dous.
O seguinte paso será o necesario esforzo colectivo para procurar, entre todos, que non morran e desaparezan as cancións de taberna.


Despois da comida no Muíño, e para rubricar a festa, unha boa tallada de homiño mollada no café en calquera das numerosas pastelarías que fan de Caldas parada imprescindible entre Santiago e Pontevedra.