o miolo

24feb2013

un brunch na taberna do bonjardim

Na última entrada, e a raíz dos múltiples comentarios que cada vez se escoitan máis e máis sobre os brunch (Un brunch no Porto), facía o meu particular achegamento ao cosmopolitismo de Porto.

Porto Panorámica dende Gaia

É certo. Porto é unha cidade moi cosmopolita. Pero se algo hai que de verdade a caracterice, mesmo por riba da modernidade, son os contrastes.
As casas de Miragaia fronte as de Sobreiras. A roupa tendida fronte á fachada da Casa da Música. São Francisco fronte a Serralves. O Bolhão e Vía Catarina. A Baixa e o Parque da Cidade. Nasoni e Souto de Moura, as tripas e o sashimi, São Bento e Saa Carneiro, o mar e o río, o Escondidinho e o Shis.

  Museo de Serralves 10

En fin, para o visitante novel, a clave para entender unha cidade que non sempre entra á primeira, está en saber ver, en valorar, en aprezar o contraste. Porque, por definición, o contraste existe grazas aos dous extremos e a cada un deles, e un sen o outro, perde a metade da propia esencia.

Vigo no Porto

Equidistantes da Cámara Municipal de Porto están a nova estación de metro de Trindade, de Siza Vieira, e a rúa do Bonjardim, máis que rúa, típica ruela portuense, estreita, de casas pechadas e destartaladas, algún que outro cadáver de comercio de barrio, roupa nas ventás, empedrado de adoquíns incompatible con tacóns altos... 
Por certo, para pasar da rúa da Trindade á do Bonjardim podemos facelo a través da rúa Estêvão, e alí, no centro, saquei a fotografía de 'Vigo no Porto...'.

Taberna do Bonjardim 04 Taberna do Bonjardim 06

No caso de seguir o camiño indicado, imos caer á rúa do Bonjardim xusto á altura do noso destino: a Taberna do Bonjardim. Un oasis na vulgaridade desta céntrica rúa que nalgún momento houbo de ter o seu certo esplendor.
Unha sorpresa. Un contraste máis...
A fachada, reformada, destaca do contorno polo seu estado de conservación; rehabilitada en branco e verde, anuncia desde unha pizarra un tanto emborranchada que si, que efectivamente, que hoje há bruch, e máis concretamente entre as 13.oo e as 16.oo horas e 15 euros persoa).

bonjardim Taberna do Bonjardim 02

Pero a esencia pura do contraste atopámola no interior. Local pequeno, en tres andares (barra, sala e aseos), empapelado todo el a base de madeiras de caixas de viño de Porto, destaca polo bo gusto na decoración.

Taberna do Bonjardim 07 Taberna do Bonjardim 08

O aspecto é moi coidado, fermoso, estraordinariamente acolledor.
Soamente se aceptamos a orixe do bristot francés nas tascas populares e tradicionais do París de principios do século XX, transformadas logo á estética da modernidade dos anos sesenta, podemos pasar polo de taberna para esta do Bonjardim.
Porque o primeiro andar, co seu aire informal, un tanto ecléctico, sen disonancias, con cada detalle no seu lugar, con moita cor e madeira e sen desprezasr o branco... é un espazo que te transporta ao París do 68.

Taberna do Bonjardim 09Taberna do Bonjardim 11Taberna do Bonjardim 12

Paga a pena vir á Taberna do Bonjardim só por comer (no podo nin imaxinar o glamour dunha cea romántica) neste pequeno comedor.
O brunch, motivo que nos trouxo aquí, case quedaría nun segundo lugar.
Mais non. Sen saírse do guión, a comida é boa. Todo o boa que pode ser nun buffet de quince euros para un máximo de, máis ou menos, vinte comensais.

Taberna do Bonjardim 19 Taberna do Bonjardim 17

De bebidas quentes temos café, leite e infusións, e frías, auga, zume de limón e zume de grosellas (artificial), e viños branco e tinto.
Crema de allo porro (alho francés), ovos revoltos, salchichas, empadão de peixe (dúas capas de puré de pataca recheadas cun peixe guisado e un chisco gratinado ao forno), ensalada, tomate con queixo fresco, pizza vexetal, queixo, paio de lombo.
Froita laminada (kiwi, laranxa e ananás), torta de limón, bólo doce e panquecas ('tortitas', 'crêpes', con moitas variantes, e en esencia, as nosas filloas pero un pouco máis grosas e de menos diámetro) co seu mel e a marmelada para rechear.
(A sopa e as panquecas, para que estean quentiñas, hai que pedilas, veñen directamente da cociña sen pasar polo buffet

 Taberna do Bonjardim 20 Taberna do Bonjardim 21

Gustoume a experiencia. Non teño criterio para valorar obxectivamente a calidade do brunch (teremos que probar algún outro) pero globalmente, a mestura local-comida-prezo, paréceme absolutamente recomendable.

Taberna do Bonjardim
Rúa do Bonjardim 450
Porto 4000-117
Tfno: (351) 222 013 560
E-Electrónico
Facebook
GPS: +41° 9' 1.27"N  8° 36' 33.76"W
Localización en Mapas de Google

18feb2013

un brunch no porto

Ademais doutras moitas lindezas, de Porto podemos dicir que é unha cidade cosmopolita; moito máis que calquera outra das que pode ter ao seu arredor a un tiro de pedra de cincocentos ou seiscentos quilómetros.

Porto Panorámica dende Gaia2

O brunch (breakfast + lunch) é unha moda de orixe anglo-saxona que leva uns anos a rebulir dun xeito inusual nas grandes cidades do mundo.
Naqueles lugares nos que o estrés do día a día non deixa o mínimo oco para un respiro durante a semana, nace este costume asociado ao relax, ao lecer, á boa vida.
Erguerse tarde, un pouco de exercicio, un baño relaxante, a mellor compaña, a prensa de fin de semana... un almorzo-xantar rico e variado.

Así, non resulta estraño atopar en cada vez máis medios de comunicación (Os sete mellores bruch de Madrid ABC.es) ou en páxinas de viaxes (Os 6 mellores bruch de Barcelona viajandopor.com) distintas seleccións de locais para regalarse un bo brunch nas principais cidades.

plano porto brunch

No meu afán por saber o que se coce a nivel gastronómico na cidade de Porto, xa levo tempo topándome con cada vez máis locais que ofertan este brunch de fin de semana; tamén son numerosas as seleccións que podemos atopar en internet (Nem pequeno nem almoço, vamos ao bruch?-Fugas-Público, Nem é breakfast nem é lunch, é brunch, e está na moda Praça-Porto24, No meio está a virtude Vogue.pt, ou a selección do noso vello coñecido O Porto Cool).

Desde o The Yeatman, co seu requintado bruch de estrela Michelín a 45 euros, ata o café máis antigo de Porto, O Progresso, con diferentes opcións de escolla a partir de 1,50 €, a variedade é enorme, tanto en pequenos locais que naceron como casas de té ou de café (Verde Tília, Tea Point, Rota do Chá) como en clásicos co seu nome propio dentro da gastronomía portuense (Bull&Bear, Shis, Vip-Lounge do Porto Palácio hotel).

 Taberna do Bonjardim 18

Existen tantos xeitos de entender o que é un brunch como locais que o ofertan.
Menú pechado con diferentes custos segundo a cantidade e variedade de bocados, á carta, buffet, mixto...
O que nunca debería faltar nun brunch son produtos típicos do almorzo (zume, bebidas quentes, froita, algún bolo, etc.; se o almorzo tira máis ao continental  dominarán os pans, doces, marmelos, manteigas..., mentres que se a tradición é máis británica, a base xirará arredor dos ovos revoltos, as salchichas, o embutido, queixo...) e os máis propios do xantar (como mínimo, unha sopa quente e un prato forte).
Como xantares que non deberían faltar nun brunch completo están os zumes e as froitas, as bebidas quentes, os ovos revoltos con touciño ou salchichas (non perdamos de vista que a idea vén dos países anglosaxóns), cerais, algunha variedade de pan salgado e doce, un bolo de tipo inglés como o muffin, waffles, cakes, ou scones coa súa manteiga, mel ou marmelada, prato de embutidos con queixos, e o salmón afumado, que é moi típico, así como as quiches. A partir de aí queda aberto á imaxinación e ó gusto de cada quen.

E como o peor do mundo é falar de oídas (hoxe moi fácil grazas a Internet), nunha próxima entrega contareivos como nos foi o sábado pasado no brunch da Taberna do Bonjardim.

16feb2013

cociña da terra dos dous mares

O amigo Carlos Núñez (Pombo) vén de publicar un fermoso libro de receitas.
Faimo chegar cunha agarimosa dedicatoria.

carlos_nunhez

Bautizou este seu penúltimo fillo como 'Cociña da Terra dos dous mares' e, como el mesmo desvela na Xustificación, trátase de corenta receitas de seu que preparou para un puño de afortunados. Cociñounas ben a bordo do balandro Joaquín Vieta, ben no Tabernáculo da Santa Sede ou ben, e na maioría dos casos, en ambos lugares (aínda que, como a da ubicuidade é unha das poucas calidades que lle faltan, en momentos diferentes).

carlos_nunhez

Son receitas moi variadas. De mar e terra; de Galicia, do norte de Portugal e de Asturies; de mariscos, de peixes, de carnes e tamén dalgunha que outra sobremesa; orixinais e adaptadas...
Pero, dentro da variedade, son receitas con máis elementos en común que aspectos poidan diferencialas.
Pero, que poden posuír de común uns Lagostinos ao allo con fideos e o Arroz de fumeiro? Ou as Filloas cunhas Cebolas recheas de bonito? Ou o Bonito á romana co Polbo estilo Illa?
Pois da man de Carlos, todo... ou case todo.
A escaseza medida nos condimentos a utilizar aprendida de don Álvaro Cunqueiro; esa sinxeleza nas elaboracións que só chega da man da experiencia; a pureza de sabores que moitos perseguen e só os elixidos acadan; o agarimo que arrodea a todo un proceso que vai desde a compra á degustación, da limpeza á cocción con parolada e vaso de viño.
Porque nisto si que don Carlos segue a ser un mestre (e que ninguén ouse nin sequera pensar en xubilalo deste maxisterio!): da cociña feita toda ela con, entre, por e para os amigos.
E aí está a clave.

Bonito con pisto Solombo ibérico Peras ao viño

Proclamaba Eça de Queiroz, don José María, algo como 'Cozinha-se bem quando se estima às pessoas para as que se cozinha'.
Estamos, malia súa feitura física, ante un gran libro de cociña. Un libro escrito por Carlos Núñez Pombo para esas persoas ás que el estima, para aquelas nas que nalgún momento puidemos gozar do seu saber e sentido culinario (no balandro Joaquín Vieta, no Tabernáculo da Santa Sede, en calquera curruncho no que haxa un lume e unha pota) e tamén para as que antes ou despois pasaremos a formar parte deste grupiño de elite de seguidores das súas instrucións ao mando dos fogóns.
Usemos esta Cociña da Terra dos dous mares e deixémonos guiar por Carlos Núñez. Imitemos o seu xeito de cociñar con, entre, por e para os amigos.
Temos o éxito garantido.

Cociña da Terra dos dous mares
Carlos A. Núñez Pombo
Editorial ToxoSoutos
Noia 2012

14feb2013

a fonte. un tesouro por descubrir

Restaurante A Fonte 04 

Quen máis quen menos todos temos ese par de locais especiais que gardamos como se do mellor tesouro se tratase.
Adoitan ser bares remotos, sinxelos, familiares, perdidos en algures e que ou ben son herdanza de pais a fillos ou ben funcionan grazas a radio macuto.

Restaurante A Fonte 01

Onte estivemos en A Fonte, Armenteira, con Luz e Luis.
A eles faláranlle Flora e Luis, e a estes, uns amigos, e aos amigos outros coñecidos, nestes cuartos ou quintos coñecidos xa perdemos a pista, pero así seguimos ata atoparnos neste sábado de entroido cun local totalmente cheo.

Armenteira 1  Restaurante A Fonte 02

Falamos do mosteiro de Armenteira, a uns metros do arco, dun restaurante-café-bar que semella deses que levan aí toda a vida.
O comedor, ao que pasamos a través do bar, resulta dificilmente acolledor.
Pequeno, oito ou nove mesas, non máis; moi, moi branco, limpo, pulcro, case aséptico; mobiliario novo e impersonal; moitísima luz, intensa, branca, cálida en contra de toda lóxica; as mesas cos seus pratos, coas cuncas, con ese orixinal letreiro de mesa reservada. Todo moi preto, pero ao mesmo tempo extraordinariamente afastado do café-bar-tasca ao que quen máis quen menos estamos afeitos.

Restaurante A Fonte 06

Hai carta, pero o auténtico mérito, a elección case obrigatoria é a que escoitas de viva voz, a cociña caseira do día de hoxe. Sopa, callos, ovos con chourizo (estandarte da casa), galo de curral, carne estufada e cocido de entroido.
Facemos unha elección variada que cubre todas as frontes. Luis vaise pola sopa e o cocido. Os demais abrimos cuns calliños que completamos, Carmen cos ovos e o chourizo fritidos, Luz co galo e eu coa carne estufada, nos tres casos cunhas marabillosas patacas fritidas no momento.

Restaurante A Fonte 07 Restaurante A Fonte 08

Os primeiros son a fartar. Directamente na pota; quen di na pota di na sopeira, pero tanto ten, cantidade abondo para engordar a outros tantos como os que hoxe somos á mesa.
Os callos, de libro. Como a min me gustan: moita chicha, os garabanzos ben tenriños, un leve toque de picante, suficiente para alegrar o bocado e xusto para non espantar a lingua.

 Restaurante A Fonte 11 Restaurante A Fonte 15

Os callos, a carne, o galo... todo son sabores que lembran á avoa.
O tinto barrantes no meu caso regado con gasosa. Todo cen por cen caseiro, tan sinxelo como elaborado, sen artificios innecesarios, produto da sabedoría de séculos, de cociña de leña a arder toda a mañá, dunha conxunción aprendida da experiencia, do facer de cada día, de produtos acabados de coller na horta.

 Restaurante A Fonte 16

Do cocido só podo dicir que o aspecto é dos que directamente abren o apetito, que recibe o beneplácito cum laude do comellón de Luis, e que os demais opinamos que haberá que vir probalo antes de que remate a tempada do mellor cocido.
As sobremesas, algo frouxas: piña, melocotón, xelados, queixo con marmelo... e unhas orellas oferta da casa que veñen co café de pota, as pingas e os chupitos.

E, claro, o mellor broche posible: 15 euros por comensal.

Mosteiro de Armenteira 21 Ruta dos muiños de Lores 09

E logo, se cadra, unha visita ao mosteiro, ou unha pequena camiñada pola ruta da pedra e da auga, ou a ruta BTT das Fontes... E todo isto tomando como centro e punto de partida este restaurante A Fonte ao que seguro volveremos.

Restaurante A Fonte
Vilar, 5 - Armenteira
36192 Meis Pontevedra
Teléfono: 986 710 003
GPS: 42.464673N  8.741278W
Localización en Mapas de Google