Nesta ponte da constitución, como tantos europeos, quedamos na casa.
Un par de excursións do día, e máis nada.
Onte día seis, como moitos galegos --notábase ben-- fomos ao Porto. Día gris, moi feo, chuvia constante, rúas baleiras e espazos pechados a rebentar.

A oferta de locais de comida en Porto é inmensa, mesmo diría que para os máis asiduos coma nós, practicamente infinita. A través de diferentes fontes teño moitas alternativas gardadas na recámara. A nosa primeira opción era coñecer Pedro Lemos, pero despois de reservar a través da páxina Web atopámonos coa decepción, e tamén sorpresa, de que unicamente fan ceas.

Nesta ocasión, coma noutras anteriores, deixeime enganar polo Sábado. O Sábado é unha revista semanal de temática xeral. No número da semana pasada sacou á venda un especial baixo o título: ‘Guía dos mellores restaurantes 2012’.
Para elaborar a guía, catro prestixiosos chefs portugueses fixeron propostas que logo os lectores votaron. Dalgún xeito, o listado conta co aval de Henrique Sá Pessoa, José Avillez, Vítor Sobral e, na zona norte, Rui Paula (DOC e DOP). Catro pesos pesados.
O listado organízase en sete grupos: restaurantes novos, económicos, saudáveis, petiscos, autor, moda e brunch. En próximos días falareivos máis polo miúdo dos restaurantes da zona norte que entran nos listados.

Entre os ‘novos’ atopamos o 17º co seguinte comentario de Rui Paula: Quem visita o Porto e nao sobe ao bar do 17º andar do Hotel Dom Henrique perde uma das melhores vistas da cidade… desde maio deixou de ser um bar antigo. A remodelaçao feita polo designer Paulo Lobo… Os pratos tradicionais portugueses misturam-se com a cozinha clásica europeia…

O local é amplo, moi luminoso, decorado en tons pastel e sen ningún obxecto que rompa a harmonía.
O servizo impecable, cen por cen Portugal requintado. Distante e exquisito se se trata de selo, e estremadamente próximo e solícito se lle das pé.
As vistas, mailo pésimo día, simplemente sensacionais.

Carta comedida con especialidades tradicionais portuguesas e pratos da cociña clásica internacional. Contan cun menú executivo con entrante, prato principal a elixir entre peixe e carne, e unha entre dúas sobremesas; co cuberto e o café son 14.50 euros por persoa.
A bebida é á parte e pedimos un auga e viño ao copo, branco para Carmen e tinto para min; os dous Evel, do Douro, máis que dignos para un menú do día.


Cos saúdos do chef traen un bocado de crema de salmón, un pequeno bol con crema de bonito e un pratiño con aceite virxe do Douro.

O entrante é un desas cremas quentes nas que os portugueses son auténticos mestres e que en moitos casos nacen dunha interpretación do clásico caldo verde; hoxe toca de espinacas e resulta especialmente suave e saborosa, textura moi fina, moi boa.

Variado de peixes grelhados. Salmón, pescada, peixe sapo, lagostino e mexillón; de acompañamento unha canastiña de masa filo con grelos salteados dentro, e patacas cocidas cun aire da prebe das braxas. Todo moi bo; como pasa tantas veces en Portugal, mención especial para os acompañamentos.

Lombiños con beicon e prebe de nata, sobre pataca e con fíos de verduriñas saleadas.
Poderiamos dicir que estamos ante unha moi boa cociña clásica de corte internacional. Hoxe poden sorprendernos as coccións excesivas, o abuso das salsas grosas ou os sabores pouco definidos, pero son modelos que forman parte da historia da cociña e que, en Portugal, en determinados sectores de corte tradicional, seguen a ter o seu punto de aceptación.

Bolo de améndoa e pudin. O meu pudin, auténtico bocado dos ceos.
En total, coas bebidas, pagamos sobre os 18 € cada un.

O local, as vistas, o requinte, o servizo, e mesmo a comida, sabendo ao que vas, todo metido na cocteleira xunto co prezo, fan deste Dezimosetimo un local a coñecer.
Restaurante 17º
17º andar do Hotel Dom Henrique
Rúa do Bolhao 223
4000-112 Porto
Teléfono: 351 223 401 617
E-Electrónico
Web
GPS: 41.152264 N 08.607191 W
Localización en Mapas de Google